Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CO300D
Subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a execución de proxectos ecoinnovadores no desenvolvemento da actividade comercial.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
En concreto, consideraranse subvencionables as seguintes actuacións previstas no artigo 4.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2019 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19 desta orde.
Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nos solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.
Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas do beneficiario:
1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
2º. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
5º. Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos desde a súa concesión, agás no suposto das actuacións previstas no artigo 4.1.2.
7º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.
8º. Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.
9º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
10º. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Dirección Xeral de Comercio e Consumo
Subdirección Xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial
Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía
San Caetano. Bloque 5. 3ª Planta
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545419 / 981545594
Prazo de presentación: PECHADO
10/07/2019 00:00 - 09/08/2019 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.
1. Comerciantes retallistas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o seu domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal do solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.
d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
2. Obradoiros artesáns que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, terán ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.
3. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.
Para estes efectos, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada e cumprirá os requisitos contidos na Orde CO300A da Dirección Xeral de Comercio e Consumo ( DOG núm. 64, do 2 de abril de 2019).
5. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado anexo IV, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións que sexan persoas físicas, están dadas de alta no réxime de autónomos e xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos coa Seguridade Social (artigo 2.2.b) da Orde ESS/484/2013, do 26 de marzo, modificada pola Orde ESS/214/2018, do 26 de marzo), exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial e artesanal que realicen, polo que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente.
Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.
b) Documento acreditativo de poder bastante da persoa representante da entidade solicitante para actuar ante a Administración ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.
c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.
d) Se a persoa solicitante está dada de alta no IAE nunha actividade económica do anexo II ou III e noutra ou outras que non sexan subvencionables, deberá xustificar cal delas é a principal:
1. No caso de sociedades, presentarán declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior.
2. No suposto de sociedades constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019 substituirase ese documento polo anexo VII.
e) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.
f) Se a persoa solicitante está dada de alta no IAE nunha actividade económica do anexo II ou III e noutra ou outras que non sexan subvencionables deberá xustificar cal delas é a principal (anexo VII).
g) De ser o caso, declaración responsable da contratación con provedores de empresas de inserción social nos últimos 3 anos.
h) De ser o caso, declaración responsable de ser o titular ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes.
i) Se é o caso, declaración responsable de ter implantado algunha medida de responsabilidade social na xestión da actividade artesanal ou comercial.
k) Informe emitido pola Seguridade Social de vida laboral do último ano, con todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores.
l) Memoria detallada de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar.
En concreto, para as actuacións recollidas no artigo 4.1.3 a memoria deberá concretar cada un dos aspectos en que se basea e xustifica o proxecto presentado, incluída a porcentaxe sobre o total da oferta no establecemento de produto ecolóxico ou de segunda manufactura.
m) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización das actuacións previstas segundo o anexo IV, e factura ou, na súa falta, factura pro forma da actividade ou adquisición que se subvenciona de quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, de ser o caso, coa desagregación de conceptos e contías.
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (40.000 euros no suposto de execución de obra ou 15.000 euros nos demais supostos), a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:
1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.
2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola entidade solicitante para a realización do proxecto.
3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:
– Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.
– Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.
As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.
Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.
1.2. As persoas interesadas que sexan asociacións de vendedores das prazas de abastos e centros comerciais abertos cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia deberán, ademais, achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Copia da acta da sesión en que se informe os asociados do proxecto para o cal se solicita a subvención.
b) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.
c) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2018.
d) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite o número de membros asociados dados de alta e número de comercios retallistas, dos que se achegará relación detallada e actualizada, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, así como as epígrafes do IAE en que figura dado de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.
e) No caso de centros comerciais abertos, declaración responsable das cotas aboadas polos comercios asociados no ano 2018 (anexo VIII).
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado nalgunha das declaracións responsables procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa representante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a entidade solicitante.
f) Certificación expedida pola Axencia Tributaria da declaración do imposto da renda das persoas físicas.
g) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
h) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
i) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
l) Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Solicitude
- Anexo V (comunidade de bens, sociedade civil ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado de ser o caso)
- Solicitude (Anexo IV)
- Anexo VIII (declaración responsable de cotas aboadas dos comercios asociados no ano 2018)
- Anexo VII (declaración responsable da actividade principal)
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 27 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 129 do 9 de xullo de 2019).
-
Extracto da Orde do 27 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 129 do 9 de xullo de 2019).
-
Orde do 16 de outubro de 2019 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 27 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 202 do 23 de outubro de 2019).
-
Resolución do 14 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 27 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300D) (DOG nº 17 do 27 de xaneiro de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Bonos Activa comercio.
Prazo aberto: 20/05/2025 00:00 - 31/12/2025 23:59
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano