Guía de procedementos e servizos

CO300C

Subvencións para a implantación e o pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesanal.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 05/05/2021 00:00 - 04/06/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para a implantación e pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesanal (código de procedemento CO300C).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2021.

Para a concesión destas subvencións destínanse 5.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.770.1 Dixitalización do sector e sustentabilidade ambiental: especial atención ao comercio rural, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Actuacións subvencionables.

1. Liña de dixitalización comercial:

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns.

1.1. Considéranse actuacións subvencionables de dixitalización comercial:

a) Pulo á transformación dixital: implantación e actualización de páxinas web con venda en liña e implantación e actualización de webs comerciais.

As páxinas web deberán ter as seguintes características técnicas:

– Ter o protocolo de transferencia de datos https.

– Estar optimizadas para SEO.

– Ter acceso á internet a través dun hosting con acceso do propietario da web ao código e claves da web.

– Estar adaptadas a todos os dispositivos móbiles.

– Dispor de fotos de calidade profesional cun peso máximo de 400K e resolución de 72 dpp.

– Dispor de páxina de política de privacidade de acordo coa lexislación vixente, ligazóns ás redes sociais da empresa.

– Ter instalada e configurada unha ferramenta de analítica para o coñecemento do tráfico da páxina web.

No caso de web con acceso tenda en liña, ademais dos previstos anteriormente para a páxina web, deberá:

– Estar sincronizada co sistema de xestión do establecemento comercial.

– Ter dispoñible para a venda en liña un mínimo do 30 % das referencias de que dispón na tenda física.

– Ter pasarela de pagamento.

As páxinas web deberan cumprir as seguintes consideración legais en materia de información:

No caso de implantación de páxinas web con venda en liña, estas deberán cumprir coas obrigas legais que en materia de información establece a normativa vixente, en concreto as contidas nos artigos 10 e 27 da Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico.

Así mesmo, deberán cumprir cos requisitos exixidos no Real decreto lexislativo, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, en especial o contido no artigo 97 (información contractual), e nos artigos relativos as cláusulas abusivas (artigos 82 a 91).

Deberán ter en conta, ademais, o establecido no Regulamento da UE 524/2013 do Parlamento Europeo e Consello, do 31 de maio de 2013, sobre resolución de litixios en liña en materia de consumo, e polo que se modifica o Regulamento CE nº 2006/2004 e a Directiva 2009/22/CE, así como a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

Todo isto sen prexuízo do cumprimento das demais disposicións vixentes que en materia de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico e de defensa dos consumidores lles sexan de aplicación.

b) Optimización e axilización dos procesos comerciais: implantación de ferramentas de xestión e de sistemas integrados para a planificación de recursos empresariais comerciais e de software adecuados ás necesidades da empresa, así como as tabletas asociadas con esta actuación.

c) Actuacións de comunicación, publicidade e ferramentas de marketing 4.0, na internet ou utilizando novas tecnoloxías:

A Introdución de ferramentas de marketing 4.0:

– Instrumentos de xeolocalización ou big data centrados na conectividade e na predición de patróns de consumo.

– Ferramentas para ofrecer experiencias reais e interactivas ao consumidor: produtos 3D, ferramentas de realidade aumentada ou escaparates e probadores virtuais.

– Chatbots ou instrumentos similares que guíen o cliente no proceso de compra.

A mellora da imaxe dixital: imaxes e contidos audiovisuais para a promoción do produto, cartelaría dixital

A publicidade dixital.

Os servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager), máximo once meses dentro do período subvencionable.

d) Actuacións de comercialización dixital.

A participación en eventos efémeros ou feiras dixitais, de carácter comercial ou artesanal, nacionais ou estranxeiros.

e) Loxística e-commerce.

Os gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora, realizados por un operador loxístico externo.

f) Loxística e-commerce sustentable no quilómetro cero.

Os gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora, realizados no quilómetro cero, con transporte sustentable (eléctrico/bicicleta).

1.2. Intensidade da axuda e investimentos máximos subvencionables:

A porcentaxe de subvención será o 80 % dos seguintes investimentos máximos subvencionables, agás a alínea e) que será o 60%:

a) Deseño e implantación de páxinas web e web con venda en liña:

– Para a implantación de páxinas web con venda en liña, 4.000,00 € (IVE excluído).

– Para a implantación de páxina web, 1.000,00 € (IVE excluído).

– Para a actualización de páxina web, 800,00 € (IVE excluído).

Non será compatible a solicitude de actuacións de implantación de páxinas web coas de mellora.

b) Para a implantación de ferramentas de xestión, 3.000,00 € (IVE excluído), e para as tabletas o investimento máximo subvencionable é de 300 € (IVE excluído).

c) Para as actuacións de comunicación, publicidade e marketing 4.0 en internet ou utilizando novas tecnoloxías, 16.000,00 € (IVE excluído) para o conxunto de todas as actuacións, cos seguintes límites:

– Actuacións de mellora de imaxe comercial dixital, 4.000,00 € e publicidade en medios dixitais, 2.000,00 € (IVE excluído).

– Marketing 4.0 en internet ou utilizando novas tecnoloxías, 6.000,00 €.

– Servizos profesionais de xestión de redes sociais (community manager), 4.000,00 € (IVE excluído).

d) Para a participación en eventos efémeros ou feiras dixitais, 1.000,00 € (IVE excluído).

e) Para a loxística e-commerce, o investimento máximo será de 1.000,00 € (IVE excluído).

f) Para a loxística e-commerce sustentable, no quilómetro cero, o investimento máximo será de 1.000,00 € (IVE excluído).

O investimento máximo subvencionable para o conxunto das actuacións de dixitalización será de 26.300,00 € (IVE excluído).

2. Adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal.

Para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesanais.

1. Considéranse actuacións subvencionables a adquisición, en réxime de propiedade, de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, que deberán ser en todo caso de primeiro uso, en concreto:

Maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal, así como outra maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal, que melloren o deseño e calidade do produto final.

2. Intensidade da axuda e investimentos máximos subvencionables:

Para o conxunto destas actuacións o investimento máximo subvencionable será de 10.000,00 € (IVE excluído) e a porcentaxe de subvención será o 80 %.

3. Non se consideran gastos subvencionables:

a) A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, televisores, reprodutores de son e imaxe e terminais ou lectores de TPV.

b) A adquisición de maquinaria propia de procesos industriais, no caso de artesáns e a adquisición de maquinaria e instrumentos propios de servizos profesionais.

c) A adquisición de materia prima da actividade artesanal.

d) Os investimentos destinados a locais para uso da actividade artesanal. Aqueles que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable, e/ou directamente relacionados coa cualificación dos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.

Obrigas das persoas beneficiarias.

Son obrigas da persoa beneficiaria:

1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2º. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

5º. Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de dous anos dende a súa concesión.

7º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

8º. Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

9º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

10º. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Subdirección Xeral de Innovación e Ordenación Comercial

Servizo de Normativa, Innovación e Ordenación Comercial

Edificio Administrativo San Caetano, 3º andar

15071  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545525/ 981545548/ 981545557/ 981545915

Fax: 981545541

Email: cei.dxc.axudas@xunta.gal

http://ceei.xunta.gal/portada

Dende o resto do Estado: 902 12 00 12

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Prazo de presentación: PECHADO

05/05/2021 00:00 - 04/06/2021 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que en todo caso cumpran, ademais, os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o seu domicilio social radique na Comunidade Autónoma e cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de vinte (20) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal da persoa solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberán estar dados de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Obradoiros artesáns:

Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, terán de prazo ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26.6.2014, L 187/1).

Lugar de presentación.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As solicitudes para participar no procedemento da concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indican no artigo 3 da orde de convocatoria.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo IV, a seguinte documentación:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da entidade solicitante. Tamén poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación, que non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

d) Se a persoa solicitante está dada de alta no IAE nunha actividade económica do anexo II ou III e noutra ou outras que non sexan subvencionables, deberá xustificar cal delas é a principal:

– No caso de sociedades, presentarán a declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior. No suposto de sociedades constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, substituirase ese documento pola declaración responsable contida no anexo VII.

– As comunidades de bens, sociedades civís e persoas físicas acreditarán cal das actividades é a principal mediante a declaración responsable contida no anexo VII.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, iniciarase o expediente de reintegro da subvención concedida, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores/as.

f) Memoria detallada de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, obxectivos e valoración económica das actuacións que se pretenden executar.

No caso de adquisición de equipamentos e ferramentas, a memoria deberá conter a xustificación da necesidade, así como da mellora que representa a súa adquisición.

g) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

h.1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola persoa solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

h.2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola persoa solicitante para a realización do proxecto.

h.3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

h.3.1. Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que como mínimo obtivo a persoa solicitante.

h.3.2. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

i) Para os efectos sinalados no artigo 11 destas bases, achegarase, de ser o caso, a seguinte documentación acreditativa, que en ningún caso será obxecto de requirimento:

– Declaración responsable, debidamente asinada, sobre o cumprimento dos criterios establecidos na letra e) coa identificación da empresa provedora, ano da contratación e importe aboado no caso de contratación con provedores de empresas de inserción social ou, de ser o caso, indicación do número de persoas e grao de discapacidade por ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes ou, de ser o caso, descrición das medidas implantadas de responsabilidade social.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a persoa solicitante.

e) Certificación expedida pola Axencia Tributaria da declaración do imposto da renda das persoas físicas para as persoas físicas inscritas.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

i) Consulta de concesións de subvenciones e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 19 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a implantación e o pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 83 do 4 de maio de 2021).

    • Extracto da Orde do 19 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a implantación e pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 83 do 4 de maio de 2021).

    • Corrección de erros. Orde do 19 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a implantación e o pulo da estratexia dixital e a modernización do sector comercial e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 92 do 19 de maio de 2021).

    • Resolución do 9 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 19 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a implantación e o pulo da estratexia dixital e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 222 do 18 de novembro de 2021).

Outros procedementos relacionados

CO301B

Bonos Activa comercio.

Prazo aberto: 20/05/2025 00:00 - 31/12/2025 23:59

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano