Guía de procedementos e servizos

CO300A

Subvención ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 10/02/2023 00:00 - 09/03/2023 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000,00 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2023 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19 destas bases reguladoras.

En atención á súa especial natureza e por ter unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán subvencionables as actuacións realizadas entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022.

Actuacións subvencionables.

1. Actuacións subvencionables.

Consideraranse subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos a través das seguintes actuacións:

a) Mantemento dos marketplace.

b) Dinamización comercial.

c) Fidelización de clientela.

d) Unidade xerencial.

Dentro de cada actuación, consideraranse subvencionables as seguintes actividades:

a) O mantemento dos marketplace cun investimento máximo subvencionable de 1.500,00 €. Os marketplace deben reunir as características técnicas e as condicións legais previstas no anexo X e non estar integrados nunha plataforma conxunta ou compartida con outras entidades. A participación nos marketplace dos comercios asociados non suporá ningún custo adicional para estes.

b) A dinamización comercial desenvolvida no marco dun proxecto de incentivación do consumo en que as persoas comerciantes e consumidoras sexan as destinatarias finais:

• Campañas de promoción comercial en datas ou períodos comerciais.

• Campañas de dinamización comercial na rúa con participación directa dos comercios asociados e das persoas consumidoras.

• Organización de feiras de oportunidades ou eventos de promoción comercial.

Os gastos subvencionables por campaña son os seguintes:

• Os servizos profesionais externos para o deseño e a posta en marcha da campaña.

• O aluguer de medios técnicos (carpas e análogos, son e imaxe).

• Os seguros de responsabilidade civil derivados da campaña.

• A publicidade nos medios de comunicación (prensa, radio e televisión) directamente vinculada coa campaña.

• O material de promoción e difusión da campaña (cartelaría, folletos, vídeos e outro material promocional en liña e para as redes sociais).

• Os regalos promocionais cun investimento máximo subvencionable de 5.000,00 € para o tramo a), 3.000,00 € para o tramo b) e 1.500,00 € para o tramo c), conforme o establecido no artigo 5.2 destas bases reguladoras. En todo caso, os regalos promocionais deben estar asociados a unha actividade concreta de dinamización e vinculados a unha venda.

So serán subvencionables por este concepto aquelas campañas de dinamización que se realicen durante o período en que a unidade xerencial conte cunha persoa física contratada mediante un contrato laboral.

c) A fidelización de clientela:

• Loxística e-commerce: gastos de envío en liña realizados por empresas loxísticas externas desde os comercios asociados ata o domicilio da clientela. Os gastos de envío subvencionados non poderán repercutirse, en ningún caso, á clientela.

• Tíckets de aparcamento cun investimento máximo subvencionable de 10.000,00 €. En todo caso, os tíckets de aparcamento deben estar vinculados a unha venda.

• APP de fidelización (puntos de desconto ou similares).

d) A unidade xerencial: só serán admisibles como gastos subvencionables os custos de persoal (salario e Seguridade Social) e de funcionamento das unidades xerenciais que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3.1.b) destas bases reguladoras, sempre que sexan indispensables para a formulación, a execución e o seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables por este concepto aqueles proxectos que inclúan, como mínimo, unha actividade das previstas na letra b) deste punto cada dous meses dentro do período subvencionable.

Sen prexuízo do anterior, establécese un investimento máximo subvencionable para os seguintes gastos:

• Material de oficina: 1.250,00 €.

• Asesoría externa: 1.250,00 €.

• Teléfono e internet: 1.500,00 €.

• Dominio e mantemento da web do centro comercial aberto: 1.000,00 €.

Os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

2. Gastos e actuacións non subvencionables:

Con carácter xeral, non se considerarán subvencionables:

• Os impostos indirectos, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• As actuacións ou, de ser o caso, os gastos asociados a actuacións que non inclúan a publicidade do financiamento do proxecto pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 16.h) e 17 destas bases reguladoras.

• Aqueles investimentos non incluídos na solicitude (tanto no anexo VI como na memoria) ou aqueles dos que non se presente a documentación económica completa de acordo co establecido no artigo 6 destas bases reguladoras.

• Os gastos concertados con entidades ou persoas vinculadas ao persoal xestor ou, de ser o caso, aos órganos directivos, de acordo co establecido no artigo 18 destas bases reguladoras.

Así mesmo, non se considerarán subvencionables:

a) Respecto da dinamización comercial:

• As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, a colaboración ou a axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

• Os premios resultantes de sorteos ou de calquera outra combinación aleatoria.

• A realización de cócteles e actos análogos.

• As bolsas comerciais.

• A edición e a publicación de revistas, xornais e medios análogos, en soporte físico ou dixital.

• Os regalos promocionais que non leven incluída a publicidade da Xunta de Galicia nos termos establecidos nos artigos 16.h) e 17 destas bases reguladoras.

• A publicidade xenérica do centro comercial aberto ou das campañas dirixidas á captación de asociados.

b) Respecto da fidelización de clientela:

Os tíckets de aparcamento en aparcadoiros públicos municipais.

c) Respecto da unidade xerencial:

• Os seguros e os sistemas de alarma (instalación e mantemento).

• Os cursos de formación e prevención de riscos laborais.

• As reformas, mantementos e gastos de comunidade.

• O material covid e as subscricións a calquera tipo de publicación.

• Calquera axuda de custo e desprazamentos, agás no caso de cursos de formación dirixidos á unidade xerencial promovidos pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

• Calquera outro gasto que non sexa indispensable nin estea directamente relacionado co obxecto da subvención.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:

a) As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas para os únicos efectos de compartir a unidade xerencial prevista nos artigos 3.1.b) e 4.1.d) das bases reguladoras e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste caso, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terá, igualmente, a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de dinamización e incentivación do consumo de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

En todo caso, as asociacións de comerciantes deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e estar ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada. A unidade xerencial deberá ter contratada, mediante un contrato laboral, unha persoa física que desenvolverá funcións de xestión, contabilidade, dinamización comercial e información e asesoramento ás persoas comerciantes. En ningún caso poderá ser membro nin formar parte dos órganos de goberno da entidade asociativa solicitante ou de ningunha outra asociación ou federación de comerciantes beneficiaria dalgunha das axudas postas en marcha pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo nos anos 2022 e 2023.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Subdirección Xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial

Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544530

Fax: 981545541

Email: cei.dxc.axudas@xunta.gal

http://ceei.xunta.gal/portada

Desde o resto do Estado: 902120012

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Prazo de presentación: PECHADO

10/02/2023 00:00 - 09/03/2023 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. O centro comercial aberto deberá cumprir, polo menos, cinco dos seis requisitos mínimos seguintes e, en todo caso, o establecido na letra c):

a) Estar situado en concellos cunha poboación superior aos 10.000 habitantes, de acordo co establecido na normativa pola que se declaren oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2022.

b) Dispoñer dun grao de concentración comercial alto. É dicir, no espazo en que se desenvolve, que en ningún caso pode ser superior ao termo municipal, debe haber polo menos 100 comercios retallistas, asociados e non asociados.

c) Contar cun mínimo de 50 comercios retallistas asociados na súa delimitación territorial, que en ningún caso pode ser superior ao termo municipal.

d) Presentar unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) A delimitación do centro comercial aberto debe estar claramente definida e integrar os principais eixes comerciais da vila.

f) Os comercios retallistas asociados deben representar, polo menos, o 50 % do número total de socios.

Para estes efectos, teranse en conta os comercios incluídos nos IAE establecidos no anexo IX e os salóns de peiteados.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

Solicitudes.

Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Lugar de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) Composición actualizada da xunta directiva da entidade asociativa.

d) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa.

e) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2022.

f) Contas anuais aprobadas pola xunta directiva da entidade asociativa nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

g) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade solicitante que acredite o número total de membros asociados e o número de comercios retallistas asociados. Estes datos deberán coincidir, no momento da emisión do certificado, cos datos existentes na intranet da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

h) Copia da acta da sesión en que se informe as persoas comerciantes asociadas do proxecto para o cal se solicita a subvención.

i) Memoria do proxecto de dinamización e incentivación do consumo que deberá incluír, polo menos, respecto de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención:

– A denominación da actividade.

– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actividade con indicación dos seus obxectivos xerais e específicos. No caso de solicitar o mantemento de marketplace, deberase achegar a ligazón ao marketplace.

– A localización e as datas previstas para a súa realización.

– O número e as características dos/das participantes e beneficiarios/as.

– O orzamento total do investimento con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e contías achegadas por cada unha das partes.

– O orzamento desagregado e detallado do investimento solicitado coa relación das facturas ou, na súa falta, facturas pro forma dos gastos que se imputan a cada unha das actividades con identificación do número de orde e concepto, segundo o anexo VI.

A memoria deberá presentarse asinada.

j) Anexo VI co orzamento detallado dos gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención, e facturas ou, na súa falta, facturas pro forma das actividades ou adquisicións para as cales se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

j.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

j.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

j.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

j.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

j.3.2) Cando, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.

Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

k) Formalización do anexo IV, relativo á unidade xerencial, acompañado da documentación que nel se sinala:

– Copia do contrato ou contratos do xerente.

– Copia do currículo da persoa xerente.

l) Declaración de non vinculación da persoa xerente nos termos establecidos no artigo 18 destas bases reguladoras.

m) No caso das agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica a que se refire o artigo 3.1.a) destas bases reguladoras, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terá, igualmente, a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

n) Informe da mesa local de comercio sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto da solicitude da subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio ou, de ser o caso, a solicitude do dito informe, sempre que esta solicitude se efectúe cunha antelación mínima de quince días á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Atriga.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 28 do 9 de febreiro de 2023).

    • Extracto da Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 28 do 9 de febreiro de 2023).

    • Resolución do 10 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 160 do 24 de agosto de 2023).

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano