Guía de procedementos e servizos

BS614A

Subvencións a confederacións, federacións e entidades de iniciativa social non asociadas nin federadas para a formación prelaboral e adquisición de habilidades polas persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (2014-2020).

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 14/06/2017 00:00 - 13/07/2017 23:59

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o período 2017-2018 dunha liña de subvencións dirixidas ás confederacións, federacións, consideradas ambas entidades de segundo nivel asociativo, e ás entidades de iniciativa social non asociadas nin federadas, no ámbito das persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, para realizar por estas un ou varios proxectos formativos orientados á adquisición de formación prelaboral e de habilidades para o desenvolvemento de actividades na vida cotiá que permitan unha preparación para unha futura inserción sociolaboral (código do procedemento BS614A).

2. A finalidade destas axudas é a de contribuír á mellora da empregabilidade mediante a adquisición de habilidades e capacidades prelaborais das persoas con discapacidade maiores de 16 anos e cun nivel de discapacidade igual ou superior ao 33 % , residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o desenvolvemento de proxectos que incidan nos seguintes eidos:

a) Promoverase o desenvolvemento da área persoal e social e/ou a área de formación básica e prelaboral.

b) Promoverase o desenvolvemento de accións previas que melloren a súa posibilidade de inserción laboral, como formación básica instrumental, formación para mellorar a autoestima e formación para mellorar as súas habilidades sociais en xeral.

O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A tramitación e instrución dos expedientes se efectuará de acordo co establecido no artigo 21 da devandita lei.

1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento dos proxectos regulados nesta convocatoria, as confederacións e as federacións cuxo obxecto social inclúa a promoción ou realización de accións no ámbito das persoas con discapacidade e as entidades de iniciativa social que, contando con análogo obxecto social, non se atopen asociadas nin federadas ás anteriores entidades de segundo nivel asociativo.

2. Poderán, así mesmo, ser destinatarias as confederacións e federacións referidas no parágrafo anterior, que concorran conxuntamente con entidades de iniciativa social do seu ámbito federativo como agrupación de entidades −en diante agrupación−, nos termos previstos polo artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Neste suposto, a federación ou confederación, que se denominará promotora e será a perceptora da axuda, deberá contar con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación e asumirá a dirección do proxecto formativo e a representación fronte ao órgano convocante.

3. As agrupacións de entidades referidas no punto anterior rexeranse polo documento contractual que as regule, que, en todo caso, deberá incluír os seguintes aspectos:

a) Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles.

b) Acordo de representación da agrupación e elección da súa persoa representante ante a Administración.

c) O compromiso da promotora de distribuír a axuda entre a agrupación, de acordo coa repartición establecida no orzamento aprobado na resolución de concesión da axuda conforme os seus compromisos de participación nel e coa resolución de pagamento tras a xustificación finalmente admitida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

f) A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas e requisitos exixidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións e, de xeito particular, os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas na área de persoas con discapacidade e na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A xustificación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante a subscrición da declaración responsable da persoa representante da entidade ou da agrupación, incluída no anexo I.

e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.

5. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos proxectos subvencionados.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade

Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade

Servizo de Contratación e Xestión Económica

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546987

Fax: 981545663

Servizo de Contratación e Xestión Económica

Prazo de presentación: PECHADO

14/06/2017 00:00 - 13/07/2017 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

- As accións formativas dirixiranse a alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter unha idade superior aos 16 anos.

b) Ter un nivel de discapacidade recoñecida, segundo o Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade e a Orde do 25 de novembro de 2015, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade en Galicia, igual ou superior ao 33 %.

c) Estar empadroados na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non ser perceptor dunha libranza vinculada á prestación de servizos para centro ocupacional ou titulares dunha praza no sistema galego de servizos sociais.

Así mesmo, poderán participar aqueles alumnos que, cumprindo os anteriores requisitos, dispoñan dun emprego que se poida estender por duración indefinida tras a formación proporcionada nesta orde.

- Os proxectos para os que se solicite a subvención deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Describirán o método empregado para o deseño do itinerario proposto, que deberá incluír intervencións de carácter individualizado para cada unha das persoas participantes, entendidas como a planificación do proceso formativo prelaboral de cada persoa mediante a avaliación das necesidades e asesoramento, garantindo a asignación daquela formación que máis cumpra coas características do participante, así como os recursos de apoio necesarios.

A formación para recibir polas persoas participantes desenvolverase en función do itinerario establecido para cada unha e agruparase nas seguintes áreas: área de desenvolvemento persoal e social, área básica e prelaboral.

b) Resultar adecuados para os obxectivos e finalidades contidos nesta orde, así como para os principios xerais dos servizos sociais incluídos no artigo 4 da Lei 13/2008, do 3 de decembro.

c) Referirse a un ou varios dos eidos previstos no artigo 4, e procurar que se adapten ás necesidades específicas do concreto colectivo ao que se dirixan.

d) Desenvolver o proxecto formativo durante 2017 e 2018. Poden executar as accións formativas entre o 1 de abril de 2017 e o 30 de xuño de 2018. En todo caso, as accións formativas non poden finalizar antes do 4 de abril de 2017, data na que se acadou a aprobación desta operación participada de financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo.

e) A contía máxima concedida por proxecto formativo, que poderá cubrir ata o 100 % do custo do programa, será de 60.000 euros. Para obter o importe máximo, deberá acadarse un mínimo de 30 participantes e cumprir as ratios mínimas establecidas no punto 2 deste artigo. A diminución do número de participantes comporta unha redución proporcional da contía máxima da subvención.

f) Poderase solicitar a axuda para un ou varios proxectos formativos.

g) A entidade solicitante deberá achegar co anexo III: información xeral dos proxectos, os criterios elixidos para a selección das persoas beneficiarias da convocatoria publicitada para o efecto, do detalle das solicitudes recibidas e do baremo empregado para a selección, se é o caso. Entre os criterios de selección de persoas participantes deberán incluírse aqueles que procuren incrementar a participación das mulleres con discapacidade en Galicia.

  • Documentación que se deberá presentar para solicitar a axuda:

    • a) Anexo I, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerza a representación da entidade ou agrupación solicitante, acompañada dos seguintes documentos:

      • 1º. Documentación acreditativa da representatividade para actuar en nome do solicitante, para o caso de que esta se lle atribúa a unha persoa distinta da designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

      • 2º. Acreditación documental suficiente da experiencia da entidade ou agrupación na realización e desenvolvemento de proxectos de atención dirixidos a persoas que cumpran os requirimentos para resultar beneficiarias das accións previstas nesta orde.

      • 3º. Para o caso das entidades de segundo nivel asociativo: federacións, confederacións, certificación orixinal da/do secretaria/o, conformada pola persoa que asine a solicitude, acreditativa das asociacións e federacións integradas, que especifique respecto de cada unha delas a denominación, o NIF e o número de socias e socios.

      • 4º. Para o caso de agrupación de entidades, acordo regulador da agrupación asinado polos representantes de cada unha das entidades da agrupación, que lle outorgue á promotora a autorización para presentar a solicitude de axuda no seu nome e exercer as facultades de representación fronte á Administración. Neste documento contractual atoparanse incluídos os compromisos e deberes que asume cada entidade e conterá os requirimentos mínimos estipulados no artigo 2, puntos 2 e 3.

    • b) Anexo II: memoria da entidade ou agrupación solicitante.

    • c) Anexo III: información xeral dos proxectos da entidade ou agrupación solicitante e detalle destes, que deberán conter a información sobre estimación de persoas participantes así como o resto de epígrafes sinaladas neste anexo.

    • d) Certificación do persoal referido no anexo III, de acordo co modelo publicado na páxina web da Consellería de Política Social, emitida polo órgano responsable da entidade ou agrupación, asinada por este e pola persoa traballadora por conta propia que realizará servizos ou funcións, segundo o previsto no artigo 4.2, na que figure a asignación das ditas funcións durante o período subvencionable, de ser o caso.

    • e) De ser o caso, compromiso de subcontratación, que deberá incluír o detalle da parte do proxecto que se prevé subcontratar e a motivación da súa necesidade, para os efectos da autorización referida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade no punto 2) do artigo 6. Esta autorización outorgarase no prazo de quince días desde a data de entrada da solicitude nos servizos centrais deste órgano administrativo; entenderase outorgada se transcorre o devandito prazo sen notificarse a súa autorización.

  • Comprobación de datos.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas.

De acordo co artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, presumirase que a consulta ou obtención dos datos sinalados no parágrafo anterior é autorizada polas persoas interesadas, salvo que fagan constar no procedemento a súa oposición expresa, de acordo co punto 3 do mesmo artigo.

En ausencia de oposición do interesado, o órgano xestor deberá obter os documentos electronicamente a través das súas redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto.

Particularmente consultaranse os datos correspondentes ao cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas, as referidas á Seguridade Social e, no relativo ás persoas participantes nos proxectos, o grao de discapacidade, de acordo co Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, os datos de residencia con data da última variación padroal e os servizos e prestacións dos que poida ser beneficiario no Sistema galego de servizos sociais.

Consultaranse, ademais, o DNI/NIE da persoa representante da entidade ou agrupación solicitante, para o caso de que esta se lle atribúa a unha persoa distinta da designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e o NIF da entidade ou agrupación solicitante, se procede.

En caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario e achegar a devandita documentación.

Así mesmo, segundo o mesmo artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o órgano xestor non lles requirirá aos interesados datos ou documentos non exixidos pola normativa reguladora aplicable ou que fosen presentados anteriormente polo interesado ante calquera Administración. Para estes efectos, o interesado deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, e as administracións públicas deberanos obter electronicamente a través das súas redes corporativas ou dunha consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto. Presumirase que esta consulta é autorizada polos interesados, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa ou a lei especial aplicable requira consentimento expreso.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo/a representante legal das entidades ou agrupacións correspondentes ou persoa debidamente acreditada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que se realizase a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365: https://sede.xunta.gal/chave365.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

De xeito análogo, para o caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da entidade ou agrupación solicitante de forma electrónica superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, e para o caso de presentar documentación en formatos non admitidos, permitirase a presentación desta de forma presencial, dentro dos prazos previstos, a través de calquera dos rexistros habilitados. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido na documentación complementaria para cada procedemento.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 31 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e ás entidades de iniciativa social, non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018 8DOG nº 111 do 13 de xuño de 2017).

    • Resolución do 29 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, pola que se procede á publicación das subvencións concedidas en virtude da Orde do 31 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e ás entidades de iniciativa social, non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018 (DOG nº 13 do 18 de xaneiro de 2018).

Outros procedementos relacionados

BS210A

Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS604A

Traslado en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS605A

Solicitude de estancias temporais nos servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS611B

Expedición da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade (nova tarxeta)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano