Guía de procedementos e servizos

BS508C

Subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa de voluntariado sénior.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Entidades locais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 15/06/2019 00:00 - 15/07/2019 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no Programa Voluntariado Sénior, integrado no procedemento BS508C, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019.

2. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, a persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias a que se refire o artigo seguinte.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Proxectos subvencionables.

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas maiores de 55 anos; e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia; prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha/s das seguintes áreas:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades orientadas á conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables.

d) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

e) Actividades orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.

f) Actividades orientadas á humanización das contornas rurais e urbanas partindo da experiencia e da realidade en que se moven de xeito habitual.

g) Actividades relacionadas co fomento da utilización das TIC por e para este colectivo.

h) Actividades orientadas á catalogación de necesidades comunitarias destinadas a recoller iniciativas de mellora dos servizos comunitarios.

i) Actividades orientadas a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e a crear unha imaxe máis social e dinámica deste colectivo.

j) Actividades orientadas a fomentar a cooperación interxeracional entre persoas mozas e persoas maiores, como xeito de aprendizaxe mutuo.

2. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019. As xornadas diarias serán de 3 horas e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 3 horas.

3. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte co previsto no anexo I, indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias coas que se conta para a súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

4. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto.

5. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula: agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

6. No caso de que a solicitude se presentase por varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

7. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que rematase este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co número 4 do artigo 6 desta orde.

As entidades beneficiarias das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no Programa Voluntariado Sénior no ano 2019.ç

Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades de acción voluntaria e as entidades locais que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios.

d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tamén son obrigas das entidades beneficiarias desta subvención as referidas no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Servizo de Voluntariado e Participación

San Lazaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957915

Email: voluntariado@xunta.gal

Dirección Xeral de Xuventude

Prazo de presentación: PECHADO

15/06/2019 00:00 - 15/07/2019 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Para poder ser entidade beneficiaria destas axudas serán condicións imprescindibles:

a) Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

d) Estar ao días nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

e) Ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio, no caso das entidades locais.

2. As entidades locais con personalidade xurídica propia a que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles, deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

3. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I procedemento BS508C) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • De ser o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local deben indicar expresamente cal destas entidades se debe considerar como representante ou a cal se deben dirixir as actuacións administrativas. En ausencia de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar. As ditas entidades non poderán presentar solicitude de subvención, a título individual, para o mesmo ou distinto proxecto.

  • Non serán admitidas ou serán excluídas todas aquelas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e, que en todo caso, non supón unha actuación illada e independente.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • As entidades de acción voluntaria interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

    • a) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha das persoas voluntarias e do número de días que participará cada unha, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

    • b) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación da persoa secretaria sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir este, de ser o caso.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • Comprobación de datos.

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI ou NIE da persoa representante.

  • b) NIF da entidade solicitante.

  • c) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

  • d) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

  • e) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Para a comprobación do cumprimento do requisito establecido no artigo 4.1.e) consultaranse os datos da rendición do sector local en Galicia publicados polo Consello de Contas na súa páxina web oficial.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 3 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa Voluntariado Sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 112 do 14 de xuño de 2019).

    • Extracto da Orde do 3 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa Voluntariado Sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 112 do 14 de xuño de 2019).

    • Resolución do 9 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 2 de setembro de 2019, da concesión das subvencións ao abeiro da Orde do 3 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa Voluntariado Sénior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 178 do 19 de setembro de 2019).

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS105A

Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano