Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS412A
Axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do Bono Coidado.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia de ata doce anos de idade, estes incluídos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 14 de setembro de 2022, (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.
Aos efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes:
- Do 1 ao 7 de xaneiro.
- Os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo .
- Do 11 ao 18 de abril .
- Do 23 de xuño ao 14 de setembro.
As axudas previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.
Accións e gastos subvencionables.
1. Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar atoparse nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan:
1º Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.
2º Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
3º Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.
4º Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade sempre que impidan a atención do neno ou nena.
b) Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións sempre que ambos pais /nais, persoas titoras,acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais /nais con custodia non compartida acrediten que por motivos laborais non poden facerse cargo da atención do neno ou nena.
2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, nos supostos previstos no número anterior e realizadas dentro do período indicado no artigo 1.1:
1º Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar de forma temporal para o coidado do neno ou nena. Consideraranse tamén as ampliacións horarias de contratos laborais preexistentes que se realicen con esta finalidade no que se refire á dita ampliación.
2º Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
3º Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na Sección quinta do Capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
4º Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares .
Tipo de axuda e contía.
1. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100% do custo das actuacións previstas no artigo 4 desta orde. A contía máxima da axuda será :
a) De 500 euros por unidade familiar no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
b) De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
2. Cada suposto de conciliación ao que dá cobertura esta orde será obxecto dunha axuda dentro das dispoñibilidades orzamentarias.
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Coidado os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade da Coruña
Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981185771
Fax: 981185701
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Lugo
Ronda da Muralla, 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294358/ 982889588
Fax: 982294359
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Ourense
Rúa Sáenz Díez, nº 39 baixo
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386798/ 988386583
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Vigo
Rúa Concepción Arenal, 8
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817817
Fax: 986817729
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Vigo
Servizo de Coordinación Administrativa de Vigo
Oficina Local de Pontevedra
Avda. Fernández Ladreda, 43-1
36071 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 886206524
Fax: 986805554
Prazo de presentación: PECHADO
09/07/2022 00:00 - 30/09/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de setembro de 2022. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
a) Que o neno ou nena sexa menor de trece anos no momento no que se produce o suposto para o que se solicita a axuda.
b) Que ambos pais /nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais /nais con custodia non compartida, estean efectivamente traballando, no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo no que esta se exerza efectivamente, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.
- Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), dirixida á xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude da provincia onde teñan o seu domicilio, a seguinte documentación:
1. Documentación xeral:
a) Anexo II, relativo á comprobación de datos dos membros da unidade familiar.
b) Certificado de empadroamento das persoas menores que non dispoñan de documento nacional de identidade (DNI).
c) Copia do/s libro/s de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.
d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas por outra comunidade autónoma.
e) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra comunidade autónoma.
f) Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra Comunidade autónoma.
g) Documentación acreditativa da monoparentalidade, de ser o caso, cando fora expedida por outra Comunidade autónoma.
h) Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, nos casos de familias con custodia compartida ou formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.
2. Así mesmo, deberán achegar a seguinte documentación acreditativa da causa que dá dereito á axuda:
a) Xustificante médico acreditativo da situación de enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, de ser o caso.
b) Documento acreditativo da asistencia á entrevista ou curso no que conste expresamente a data e horas da súa celebración, no caso de asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.
c) Se é o caso, xustificante médico acreditativo da situación establecida no artigo 4.1.a) 4º que dá lugar á necesidade de coidado e documentación acreditativa do parentesco co neno ou nena ou coa persoa coidadora habitual no caso de situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena.
3. Igualmente, presentarase a seguinte documentación acreditativa da situación laboral da persoa beneficiaria en caso de enfermidade ou accidente do neno ou nena, de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual ou de asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares:
a) Traballadores/as por conta allea, certificado da empresa na que traballe cada pai/nai, proxenitor, titor/a, ou persoa que teña o neno ou nena en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, acreditativo de que está efectivamente traballando, no período de desfrute das vacacións. Este certificado incluirá ademais, no suposto de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, descrición sucinta da situación e indicación da súa duración.
b) No caso de traballadores/as autónomos/as, presentarase a seguinte documentación:
1º. Declaración responsable de cada pai/nai, proxenitor, titor/a, ou persoa que teña o neno ou nena en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos de que está efectivamente traballando, no período de desfrute das vacacións. No suposto de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, descrición sucinta da situación e indicación da súa duración.
2º. Alta censal ou alta no réxime especial de autónomos.
4. Presentarase a seguinte documentación acreditativa da actuación realizada que a continuación se relaciona:
a) No caso de contratación de servizos de atención a domicilio, de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude ou de recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares achegarase:
1º. Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, dos gastos realizados onde conste expresamente a identificación co nome, apelidos e DNI/NIE, da persoa beneficiaria da axuda e do/s neno/s ou nena/s que recibe/n o servizo e o/os día/s nos que se prestou. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
2º. Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura.
b) No caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou ampliación das horas dun contrato preexistente:
1º. Contrato de traballo onde conste expresamente o período de contratación, o seu obxecto como coidado de menores e o intervalo horario no que se presta o servizo.
2º. Xustificantes bancarios do pagamento do salario e das cotas da Seguridade Social.
5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados con anterioridade pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
6. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante, das demais persoas membros da unidade familiar e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, das demais persoas membros da unidade familiar e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) da persoa solicitante.
d) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social da persoa solicitante.
e) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.
f) Vida laboral da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Resolución xudicial ou administrativa que declara a adopción ou a garda con fins adoptivos formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Resolución xudicial ou administrativa que declara a situación de tutela formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Resolución administrativa de acollemento formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Certificado de monoparentalidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 22 de xuño de 2022 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Coidado e se convoca para o ano 2022 (DOG nº 130 do 8 de xullo de 2022).
-
Extracto da Orde do 22 de xuño de 2022 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Coidado e se convoca para o ano 2022 (DOG nº 130 do 8 de xullo de 2022).
-
Orde do 18 de novembro de 2022 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 22 de xuño de 2022 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Coidado e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 224 do 24 de novembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Novo ingreso en escolas infantís 0-3.
Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 13/03/2026 23:59
Programa de axudas a través da tarxeta Benvida.
Prazo aberto: 30/01/2025 00:00 - 31/03/2026 23:59
Novo ingreso en escolas infantís 0-3 do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 13/03/2026 23:59
Título de familia numerosa / Carné familiar.
Aberto todo o ano