Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS320A
Subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa servizo de voluntariado xuvenil.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no Programa servizo de voluntariado xuvenil, integrado no procedemento BS320A, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019.
2. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, mozas/os galegas/os para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias a que se refire o artigo seguinte, tendo unha especial relevancia aquelas actuacións dirixidas a proxectos ou programas que desenvolvan as medidas establecidas no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.
3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Proxectos subvencionables.
1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozas/os de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, para os menores 18 anos precísase, ademais, autorización da/o nai/pai ou titora/titor legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha/s das seguintes áreas:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.
g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
j) Actividades relacionadas co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero: accións de sensibilización e prevención da violencia de xénero (campañas diversas), promoción de actividades de apoio ás vítimas, información, formación, entre outras medidas, do documento refundido de medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero:
1º. Eixe 1.2: Campañas.
1º.1. Medida 24: desenvolver campañas de prevención e sensibilización con mensaxes positivas, unitarias e adaptadas ás exixencias de cada momento, implicando á sociedade no seu conxunto e elixindo os momentos máis favorables para a súa difusión, como por exemplo, os veráns. Esas campañas deben focalizarse no rexeitamento ao maltratador, e presentar exemplos de mulleres fortes e valentes, sen recorrer ao cliché das vítimas.
1º.2. Medida 26: realizar campañas que teñan como público obxectivo á xuventude, utilizando preferentemente as tecnoloxías da información e a comunicación.
1º.3. Medida 30: implicar as entidades locais na elaboración de materiais, campañas e protocolos de actuación, que incidan na necesidade de establecer puntos seguros e de información sobre violencia sexual, en espazos públicos. Así mesmo, fomentar o establecemento de vixilancia por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, nos chamados «puntos negros»: aparcadoiros, canellóns ou pasadizos.
1º.4. Medida 31: ter en conta na realización das campañas de sensibilización contra a violencia de xénero a maior incidencia desta nas mulleres que viven no ámbito rural e as súas circunstancias.
1º.5. Medida 33: promover campañas contra a cosificación do corpo das mulleres e a hipersexualización das nenas.
1º.6. Medida 34: dar formación á xuventude sobre o uso axeitado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming...).
2º. Eixe 1.4: medios.
2º.1. Medida 56: atender as necesidades informativas da xuventude para frear condutas machistas que desembocan en malos tratos.
3º. Eixe 2.5: sectores vulnerables.
3º.1. Medida 99: implicar colectivos como os de inmigrantes ou mulleres xitanas no deseño de políticas específicas.
3º.2. Medida 100: realizar estudos sobre a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero e preparar recursos adaptados a elas.
3º.3. Medida 101: incrementar a colaboración entre as institucións públicas e as ONG e asociacións que traballan con mulleres migradas no deseño das políticas específicas contra a violencia de xénero.
4º. Eixe 3.3: Administración.
4º.1. Medida 166: realizar, xunto ás comunidades autónomas, un mapeo sobre os recursos e servizos de atención ás vítimas.
5º. Eixe 3.5: rural.
5º.1. Medida 180: impulsar as asociacións de mulleres no ámbito rural para axudar as vítimas. Coordinación e campañas de sensibilización coas asociacións de mulleres rurais para sensibilización, prevención e acompañamento das vítimas.
5º.2. Medida 181: realizar un estudo da situación das mulleres vítimas de violencia de xénero no mundo rural, para analizar actuacións policiais, resposta penal, asistencia sanitaria, xurídica e asistencial. Coa participación de entidades públicas e privadas do medio rural e testemuños das propias vítimas, no marco do CIS.
6º. Eixe 3.7: diversidade funcional/discapacidade.
6º.1. Medida 193: facilitar o acceso de mulleres e nenas con diversidade funcional/discapacidade a lecturas informativas adaptadas (Braille, comunicación aumentativa, etc) sobre prevención da violencia de xénero, acoso, agresións sexuais, etc.
6º.2. Medida 194: deseñar protocolos específicos ou incorporar medidas especializadas nos que xa existen, para a atención de mulleres de colectivos máis vulnerables, como as mulleres maiores, mulleres con diversidade funcional/discapacidade ou mulleres migrantes en situación irregular.
6º.3. Medida 197: garantir a plena accesibilidade en lingua de signos das persoas xordas usuarias desta lingua ao 112, o 062, o 091, e todos aqueles teléfonos públicos á disposición da cidadanía a través do servizo de vídeo interpretación á lingua de signos SVisual que xa se utiliza no 016.
7º. Eixe 8: visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres.
7º.1. Medida 252: introducir módulos transversais sobre violencia sexual e as súas tipoloxías, nos contidos das accións formativas desenvolvidas por e para empresas privadas e as administracións públicas.
7º.2. Medida 254: deseñar programas de prevención, detección e protocolos especializados ou actualizar os existentes en atención e actuación, adaptándoos ás especificidades das diferentes violencias sexuais. Así mesmo, desenvolver protocolos de intervención e detección precoz en todos os ámbitos da educación infantil, primaria e secundaria, así como no ámbito universitario.
7º.3. Medida 255: promover o desenvolvemento de programas integrais de atención á violencia sexual en todo o territorio, en colaboración e con respecto ás competencias das comunidades autónomas.
7º.4. Medida 256: elaborar campañas e materiais informativos contra a violencia sexual, as violencias sexuais e as diferentes realidades das mulleres (idade, procedencia ou situación de diversidade funcional/discapacidade), co obxectivo de que exista unha maior conciencia social sobre estas formas de violencia de xénero.
7º.5. Medida 267: desincentivar a demanda de prostitución mediante campañas de concienciación e obradoiros de sensibilización dirixidos á xuventude.
2. Os proxectos subvencionables en calquera da/s área/s anteditas deberán introducir, en todo caso, como actuacións transversais e dotadas de contido propio, accións relacionadas co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, segundo o disposto na letra j) anterior, que representen, cando menos, as porcentaxes de participación indicadas nesta orde.
3. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019. As xornadas diarias serán de 6 horas e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.
4. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte co previsto no anexo I, indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias con que se conta para súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.
5. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto. Permitirase participar nos proxectos subvencionables deste ano ás persoas voluntarias que, como máximo, concorresen á mesma subvención nunha convocatoria anterior.
6. Logo da finalización de cada proxecto, a entidade beneficiaria solicitará a inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria das experiencias voluntarias das persoas participantes. Igualmente, as ditas entidades deberán solicitar da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a expedición dos certificados de experiencia voluntaria a favor das persoas participantes no proxecto con antelación á xustificación da subvención outorgada.
7. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula: agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.
8. No caso de que a solicitude se presente por varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.
9. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias ten que abandonar o proxecto subvencionable antes de que remate este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co número 4 do artigo 6 desta orde.
As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil do ano 2019, incluíndo as medidas establecidas no Pacto do Estado en materia de violencia de xénero nos termos e coa porcentaxe mínima indicada nesta orde de convocatoria.
Obrigas das entidades beneficiarias.
1. As entidades de acción voluntaria e as entidades locais que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.
2. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:
a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.
c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios.
d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.
h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Tamén son obrigas das entidades beneficiarias desta subvención as referidas no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.
4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Xuventude
Servizo de Voluntariado e Participación
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957916
Fax: 981957110
Prazo de presentación: PECHADO
05/07/2019 00:00 - 05/08/2019 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:
a) Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.
c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.
d) Estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
e) Ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio, no caso das entidades locais.
2. As entidades locais con personalidade xurídica propia a que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.
3. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.
5. Permitirase participar nos proxectos subvencionables deste ano ás persoas voluntarias que, como máximo, concorreran á mesma subvención nunha convocatoria anterior.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I procedemento BS320A) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De ser o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local deben indicar expresamente cal destas entidades se debe considerar como representante ou a cal deben dirixirse as actuacións administrativas. En ausencia de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar. As ditas entidades non poderán presentar solicitude de subvención, a título individual, para o mesmo ou distinto proxecto.
Non serán admitidas ou serán excluídas todas aquelas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e, que en todo caso, non supón unha actuación illada e independente.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha das persoas voluntarias e do número de días que participará cada unha, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.
Incorporarase ao proxecto de actividades as medidas desagregadas, indicando en cada caso a medida específica, relacionadas co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero que representen, cando menos, e respecto do conxunto do programa, un 38,46 %, no caso de entidades locais, e un 35,71 %, no caso de entidades de acción voluntaria.
b) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación da persoa secretaria sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir este, de ser o caso.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Para a comprobación do cumprimento do requisito establecido no artigo 4.1.e) consultaranse os datos da rendición do sector local en Galicia publicados polo Consello de Contas na súa páxina web oficial.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de Solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 126 do 4 de xullo de 2019).
-
Extracto da Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 126 do 4 de xullo de 2019).
-
Resolución do 22 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publican os requirimentos de emenda da documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 166 do 3 de setembro de 2019).
-
Resolución do 4 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 3 de outubro de 2019 da concesión das subvencións ao abeiro da Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 196 do 15 de outubro de 2019).
-
Orde do 16 de outubro de 2019 pola que se modifica a Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 202 do 23 de outubro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Inclusión no censo de entidades xuvenís.
Aberto todo o ano