Guía de procedementos e servizos

BS213A

Selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica de acordo coa LORPM nos centros para o cumprimento de medidas xudiciais privativas de liberdade do Complexo Montealegre (Ourense).

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 16/01/2019 00:00 - 12/02/2019 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

A presente convocatoria ten por obxecto establecer o proceso para a selección dunha entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na LORPM nos centros do complexo Montealegre. Así mesmo, incluirá a atención dos fillos e fillas menores de tres anos que convivan coas súas nais internadas, de acordo co disposto na letra n) do artigo 56 da citada lei e no artigo 34 do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

O termo «persoa menor», entenderase, no marco do disposto na LORPM así como na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, como extensivo á totalidade daquelas persoas ás cales lles sexa aplicable algunha medida derivada da LORPM, independentemente de que alcanzasen ou non a maioría de idade no momento da execución, de acordo ao uso que do dito termo se dá na antedita lei.

Finalidade e obxectivos da convocatoria.

1. Seleccionarase unha entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade no complexo Montealegre, de xeito que quede garantida a execución das seguintes medidas:

a) Internamento en réxime aberto, semiaberto ou pechado (tanto preventivas como firmes).

b) Internamento terapéutico en réxime aberto, semiaberto e pechado (tanto preventivas como firmes).

c) Permanencia fin de semana en centro.

2. As necesidades que se tratan de satisfacer a través do convenio son as seguintes:

a) Dar cumprimento ás medidas xudiciais privativas de liberdade impostas polos xulgados de menores.

b) Proporcionar unha atención residencial integral e continuada ás persoas menores internadas, que dea cobertura ás necesidades de alimentación, lavandaría, limpeza e mantemento das instalacións, de xeito que se asegure unha atención residencial de calidade.

c) Levar a cabo unha intervención educativa integral dirixida á súa inserción social.

d) Realizar, nos casos en que así se estableza na sentenza, unha intervención terapéutica específica.

e) Garantir a vixilancia no centro e a saúde das persoas menores e facilitar a atención sanitaria nos supostos previstos na normativa aplicable.

3. O complexo Montealegre (Ourense) comprende os seguintes equipamentos:

a) Centro de reeducación Monteledo, con trinta e sete prazas autorizadas.

Vinte e cinco destas prazas destinaranse á execución das medidas de internamento en réxime aberto, semiaberto ou pechado, tanto preventivas como firmes, así como de permanencia fin de semana en centro.

As doce prazas restantes conformarán unha unidade de atención específica para o cumprimento das medidas de internamento terapéutico en réxime aberto, semiaberto e pechado.

Excepcionalmente, en ausencia de medidas de internamento terapéutico en réxime aberto, semiabierto ou pechado, a dita unidade destinarase ao cumprimento das medidas de internamento en réxime aberto, semiaberto ou pechado, tanto preventivas como firmes, e permanencia fin de semana.

b) Centro de atención específica Montefiz con vinte e tres prazas autorizadas.

Neste centro levarase a cabo a execución das medidas de internamento terapéutico en réxime aberto, semiaberto ou pechado, tanto preventivas como firmes.

4. Para a levar a cabo a execución das medidas xudiciais, a Xunta de Galicia cederá o uso á entidade seleccionada coa que se formalice o instrumento convencional dos seguintes inmobles sitos no complexo Montealegre (Ourense), por un período de tempo igual á duración do convenio e das súas posibles prórrogas.

A cesión de uso dos bens inmobles así como dos bens mobles de que dispoñen os centros axustarase ao establecido na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase outorgada, en todo caso, coa salvidade do dereito de propiedade e sen prexuízo de dereitos de terceiras persoas. A utilización dos centros pola entidade colaboradora terá un mero carácter instrumental para a execución da actividade conveniada e queda circunscrita a súa vixencia, sen que se poida alegar dereito ningún, nin usarse para outro fin distinto do previsto.

O equipamento e os bens mobles necesarios dos que dispoñen os centros estarán identificados e relacionados con carácter de inventario nun anexo ao convenio que se asinará xunto co convenio e será parte deste.

5. No desenvolvemento da actividade conveniada, a entidade debe cumprir de forma estrita a a normativa aplicable así como as circulares que resulten de aplicación e, en particular, a título meramente enunciativo:

a) Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

b) Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

c) Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

d) Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia.

f) Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

g) Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

h) Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

i) Orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 1 de agosto de 1996, pola que se regulan os contidos mínimos do regulamento de réxime interior e o proxecto educativo dos centros de atención a menores.

j) Circular nº 12 do 16 de maio de 2008, en que se establece o procedemento das actuacións para a execución das medidas xudiciais de internamento acordadas polos xulgados de menores.

Así mesmo, serán de aplicación cantas outras disposicións lexislativas e regulamentarias relacionadas coa actividade obxecto de execución sexan de aplicación, así como aquelas que entren en vigor durante o período de execución do convenio e as modificacións que afecten á normativa aplicable.

Poderán participar no procedemento de selección as entidades privadas sen ánimo de lucro cuxos fins, obxecto ou ámbito de actividades teñan relación directa co obxecto do convenio segundo os seus estatutos ou regras fundacionais que figuren inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais da Consellería de Política Social na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia

Servizo de Xustiza Penal Xuvenil

San Caetanoi, s/n

Teléfono: 981545761/ 881999356

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Prazo de presentación: PECHADO

16/01/2019 00:00 - 12/02/2019 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Deberán dispoñer dunha organización con elementos persoais e materiais suficientes para a debida execución do convenio.

Considéranse tarefas análogas ás do obxecto do convenio a execución de programas de intervención, en réxime residencial ou de atención de día, dirixidos a menores que se atopen baixo unha medida de protección por parte da Administración pública ou que deban cumprir medidas xudiciais impostas ao abeiro da LORPM.

  • As entidades deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Escritura ou documento de constitución, estatutos en que conste a finalidade e as normas polas que se regula a entidade na súa actividade así como as súas modificacións se as houber, inscritos no correspondente rexistro oficial cando isto fose exixible conforme a normativa que lle sexa aplicable.

    • b) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais da Consellería de Política Social ou que no dito rexistro esta se atribúa a persoa distinta á designada.

    • c) Certificación/s expedida/s pola entidade pública acreditativa/s da experiencia da entidade en programas con menores, de ser o caso.

    • d) Proxecto de intervención educativa para cada centro coa estrutura e contidos mínimos determinados no punto 1.8 do anexo II. No dito proxecto incluiranse, se é o caso, os programas que presente a entidade a maiores para a súa valoración.

O proxecto de intervención educativa do centro Monteledo debe contemplar, de maneira específica a existencia dunha unidade terapéutica, atendendo ás súas características singulares.

  • e) Memoria en que se indiquen os recursos humanos e materiais con que contará a entidade en cada centro para a execución das medidas de acordo co previsto no punto 2 do anexo II.

Na dita memoria figurarán así mesmo, se é o caso, os medios materiais e persoais que a maiores presente a entidade en cada centro para a súa valoración, con indicación nestes últimos do número de horas anuais que prestará cada profesional.

  • f) Plan de formación continua do persoal de cada centro co contido indicado no punto 3 do anexo II.

  • g) Memoria descritiva dos proxectos de investigación relacionados coa intervención educativa e/ou terapéutica que se leva a cabo nos centros para o cumprimento de medidas privativas de liberdade, avalados por universidades e outros organismos públicos de investigación, se é o caso.

  • h) Proposta desagregada dos gastos totais derivados da execución da actividade obxecto de convenio, asinada polo responsable da entidade, cuxo importe en ningún caso poderá superar o previsto na presente convocatoria.

A dita proposta diferenciará para cada un dos centros entre gastos de persoal, gastos da seguridade, gastos de funcionamento do centro e gastos das persoas menores internadas.

  • i) Relación das persoas traballadoras fixas con discapacidade da entidade, acompañada da resolución ou certificación acreditativa do grao e vixencia da discapacidade e unha declaración responsable do número de persoas traballadoras fixas con discapacidade e porcentaxe que representan sobre o cadro total de persoal, se é o caso.

  • j) Certificación ou resolución do órgano administrativo correspondente, no caso de que conte coa Marca Galega de Excelencia en Igualdade ou cun plan de igualdade.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse no marco do cumprimento da norma reguladora en materia de protección de datos, os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da entidade solicitante.

  • b) DNI ou NIE da persoa representante.

  • c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

  • d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

  • e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que corresponde ao anexo III, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Na solicitude, anexo III, asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta resolución e demais normativa aplicable:

    • a) Identificación do solicitante, do/a representante, enderezo para notificacións, datos bancarios e identificación da persoa para as funcións de coordinación e comunicación.

    • b) Declaracións sobre:

1º. Subscrición para cada centro, das seguintes pólizas de seguros:

1º.1. Póliza de seguros que cubra os danos e sinistros que se produzan nos locais, instalacións ou bens, aparellos e materiais afectos ao servizo.

1º.2. De responsabilidade civil que cubra:

1º.2.1. Os danos que puidese sufrir calquera persoa, en si mesma ou nos seus bens, e que deriven do funcionamento dos centros ou instalacións en que se leva a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral.

1º.2.2. Os danos que puidesen ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polos/as profesionais e, en xeral, por calquera persoa dependente do centro ou entidade, incluídos os actos derivados de actividades relacionadas coa actividade conveniada, realizadas por calquera das persoas anteriormente citadas, tanto dentro como fóra das instalacións.

1º.2.3. Os danos que puidesen ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polas persoas menores atendidas, tanto dentro como fóra das instalacións.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 150.000 € por sinistro e 300.000 € por anualidade e equipamento.

1º.3. De accidentes de menores residentes nos centros, causados tanto no interior dos centros e instalacións anexas, como nos desprazamentos e actividades realizadas no exterior dos centros.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 6.000 € por persoa por falecemento e 30.000 € por invalidez permanente, incluír a asistencia médica ilimitada e cubrir os gastos sanitarios e de enterramento.

2º. Adscrición á execución das medidas dos medios persoais e materiais precisos para a súa boa execución e, en todo caso, os indicados na memoria que se achega como documentación complementaria.

3º. Condicións do persoal que vai desempeñar as súas funcións nos centros: inexistencia de sentenza firme pola comisión de delito contra a liberdade e indemnidade sexual que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil.

  • c) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no punto sexto.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Accederase á dita consulta de acordo co previsto ao respecto na normativa en materia de protección de datos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se convoca o procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral e terapéutica con menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores nos centros para o cumprimento de medidas xudiciais privativas de liberdade do complexo Montealegre (Ourense) (DOG nº 10 do 15 de xaneiro de 2019).

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano