Guía de procedementos e servizos

BS213E

Participación na convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución do programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Entidades locais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 13/02/2024 00:00 - 12/03/2024 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

É a prestación do servizo de Promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes (NNA) en situación de desprotección a través da realización, por parte dunha única entidade, de tarefas relacionadas con catro ámbitos:

a) Captación, selección, formación e apoio das persoas acolledoras especializadas.

b) Apoio técnico ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de NNA.

c) Xestión dos acollementos familiares especializados con dedicación exclusiva propostos pola entidade pública e coordinación con esta.

d) Fomento da relación entre a familia acolledora especializada e a de orixe seguindo as indicacións do Plan individualizado de intervención do NNA. Procurarase sempre que as ditas relacións sexan cordiais pero sen recaer en informalidades e sempre baixo as directrices e recomendacións da entidade pública. Promoverase, previamente, de ser o caso, a capacitación parental destas familias de orixe.

Entidades que presten servizos sociais.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia

Servizo de Protección de Menores

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544630

Fax: 981544634

Email: proteccionmenores@xunta.gal

https://www.xunta.gal/politica-social

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

13/02/2024 00:00 - 12/03/2024 23:59

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para poderen acollerse ao réxime de concerto social as entidades que presten servizos sociais deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Rntidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar coa solvencia suficiente segundo os seguintes indicadores:

b.1) Solvencia económica e financeira. Acreditarase por un dos seguintes medios:

b.1.1) Volume anual de negocios, referido aos tres últimos exercicios concluídos dispoñibles en función da data de creación ou inicio das actividades da entidade. Reputarase solvente a entidade licitadora que acredite ter un volume de negocios no ámbito da atención á infancia e á adolescencia, referido ao ano de maior volume de negocios dos últimos tres concluídos, por un importe igual ou superior a 350.000 €.

b.1.2) Un seguro de indemnización de responsabilidade civil por riscos profesionais, vixente ata o fin do prazo de presentación de ofertas, por un importe igual ou superior aos seguintes valores anuais: 350.000,00 €.

A súa acreditación efectuarase mediante:

1. Unha declaración responsable asinada polo representante legal do licitador, en que se expresen o importe asegurado e a súa vixencia, que deberá ser igual ou superior aos valores anuais indicados.

2. Unha vez adxudicado o concerto, a entidade que resulte adxudicataria estará en condicións de achegar, de ser requirida, un certificado expedido pola aseguradora, en que consten os importes e riscos asegurados e a data de vencemento do seguro, así como un documento de compromiso vinculante de subscrición, prórroga ou renovación do seguro, no caso en que proceda, para garantir o mantemento da súa cobertura durante a execución do concerto.

b.2) Solvencia técnica e profesional:

Reputarase solvente a entidade concertante que acredite, cando menos, un dos seguintes requisitos:

– Ter un ou varios servizos de natureza análoga ao obxecto deste concerto, que se prestasen a algunha Administración pública ou entidade privada (contabilizados ata a fin do prazo de presentación de proposicións) cuxo importe acumulado no ano de maior execución sexa igual ou superior 635.964 €.

– Que, polo menos a persoa que exerza de coordinador/a e outro membro do equipo técnico conten, respectivamente, en postos de características asimilables, cunha experiencia mínima de 2 anos, dentro dos últimos 3, nalgunha empresa ou entidade que pola súa vez prestase servizos para unha Administración pública ou entidade privada, sempre que tanto o servizo prestado como as tarefas desempeñadas polo persoal teñan natureza análoga ao obxecto do concerto.

c) Contar con unha experiencia mínima de atención á infancia e á adolescencia de 2 anos.

d) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se detallan no punto L.3 desta resolución (póliza de seguros dos locais e de responsabilidade civil).

h) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

Solicitudes.

As solicitudes de participación na convocatoria de concerto social deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo II).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada da persoa solicitante da totalidade do contido da convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha relación de todos os documentos que se presentan.

b) Declaración responsable ou certificación que acredite que conta coa solvencia económica e financeira e técnica ou profesional, segundo se indica na cláusula F desta convocatoria, no caso de optar por acreditala neste momento.

c) Documentación que acredite que a entidade conta cunha experiencia mínima de 2 anos na atención á infancia e á adolescencia, no caso de optar por acreditala neste momento. No caso de que esta experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. A entidade presentará, de ser o caso, unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.

d) Relación do persoal adscrito ao servizo segundo o anexo VIII da resolución da convocatoria. O persoal poderase contratar ou asignar a este programa tras a adxudicación do concerto. Neste caso indicarase neste momento «pendente de contratación». No caso de que se manteña o persoal subrogado, indicarase o número de orde que figure na táboa de subrogación que figura para cada lote no anexo XI.

e) Documentación que acredite os criterios de selección e preferencia (cláusula P) da resolución da convocatoria:

e.1) Proxecto técnico, diferenciado nos seguintes puntos:

– Accións de divulgación do programa, en que se detallarán, polo menos, os seguintes aspectos:

• Descrición das accións de divulgación previstas, contido básico destas e medio a través do cal se levarán a cabo.

• Temporalización.

• Público destinatario.

– Proxecto formativo, en que se especificará:

• Contidos das actividades formativas.

• Metodoloxía.

• Recursos empregados.

• Duración e temporalización.

– Proxecto de intervención coas familias e nenos, nenas e adolescentes, sinalando:

• Obxectivos específicos da intervención e contidos, en función das distintas problemáticas que poidan presentarse.

• Metodoloxía.

• Recursos empregados.

• Proposta de avaliación do programa, xustificando os criterios de éxito ou fracaso empregados.

e.2) Descrición das instalacións en que se levará a cabo o servizo: para cada unha das instalacións ofertadas achegaranse as informacións e documentos seguintes:

–- Situación xeográfica, coa súa localización en plano.

– Descrición clara das súas condicións físicas e arquitectónicas, xuntando planos de planta e fotografías, tanto do exterior como dos espazos interiores, e sinalando para cada un destes o número de metros cadrados útiles e os usos correspondentes.

– Descrición do equipamento e recursos materiais con que conta.

e.3) Documentación que acredite a posesión da Marca Galega de Excelencia en Igualdade e/ou do certificado de empresa familiarmente responsable, ou documentos equivalentes.

e.4) Declaración sobre a experiencia do persoal asignado ao proxecto e documentación que a acredite (contratos laborais e certificados de ter prestado servizos en programas relacionados co acollemento familiar ou documentación administrativa que acredite a experiencia como familia acolledora), de acordo co establecido na cláusula P.

e.5) Declaración sobre a formación do persoal asignado ao proxecto e documentación que a acredite, de acordo co establecido na cláusula P.

e.6) Documentación que acredite a experiencia da entidade no ámbito da protección á infancia e adolescencia. En caso de que a experiencia da entidade se refira a programas efectuados no ámbito da Xunta de Galicia, será suficiente cunha declaración responsable, que comprobará de oficio a Comisión de Valoración.

f) Certificado de estar en condicións de poder presentar, de resultar adxudicataria, os seguros que se mencionan no punto L.3 desta resolución do concerto (póliza de seguros dos locais e de responsabilidade civil).

g) Certificado de estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.

Os requisitos das alíneas a), d), e) e f) da cláusula F) serán comprobados de oficio polo órgano competente para a formalización do concerto social.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE do representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE do persoal adscrito ao servizo.

d) Inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia das entidades solicitantes.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

f) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Comprobación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Consulta da inexistencia de antecedentes penais do persoal que se designe para a prestación do servizo.

i) Inexistencia de antecedentes penais por delitos de natureza sexual do persoal que se designe para a prestación do servizo.

j) Títulos oficiais universitarios do persoal adscrito ao servizo, segundo o punto 5.4 do prego de prescricións técnicas.

2. No caso de que a entidade interesada se opoña á consulta, deberá indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia (DOG nº 45 do 6 de marzo de 2000).

    • Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se modifica o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia (DOG nº 222 do 14 de novembro de 2003).

    • Corrección de erros.-Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se modifica o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia (DOG nº 235 do 3 de decembro de 2003).

    • Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 3 do 7 de xaneiro de 2021).

    • Resolución do 23 de xaneiro de 2024 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, da execución do programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección, incluído dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 30 do 12 de febreiro de 2024).

    • Resolución do 8 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publica a Resolución do 7 de maio de 2024 de selección de entidade privada sen ánimo de lucro no procedemento de asignación do concerto social para a execución do Programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección, incluído dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG nº 98 do 22 de maio de 2024).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto do 24 de xullo de 1889 polo que se publica o Código Civil (BOE nº 206 do 25 de xullo de 1889).

    • Lei Orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro,de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código Civil e da Lei de Axuizamento Civil (BOE nº 15 do 17 de xaneiro de 1996).

    • Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia (BOE nº 182, do 30 de xullo de 2011).

    • Lei Orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia (BOE nº 175 do 23 de xullo de 2015).

    • Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia (BOE nº 180 do 29 de xullo de 2015).

    • Corrección de erros da Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia (BOE nº 285 do 28 de novembro de 2015).

    • Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (BOE nº 134 do 5 de xuño de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano