Guía de procedementos e servizos

ED421A

Axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 29/09/2021 00:00 - 28/10/2021 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar, no curso académico 2021/22, os gastos derivados da matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, a persoas desempregadas con titulación universitaria (código de procedemento ED421A).

Contía da axuda.

1. A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos, do máster universitario oficial segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 103/2021, do 1 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2021/22.

Para os incluídos nos puntos 2 e 3 do anexo do decreto a contía máxima asignada será de 835,80 euros para os da epígrafe A) e de 591,00 euros para os da epígrafe B).

2. A axuda só alcanzará para a realización dun único máster universitario.

3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas a que tiver dereito a persoa beneficiaria.

4. A repartición da axuda efectuarase en función dos criterios de avaliación previstos no artigo 12 desta orde ata esgotar a asignación orzamentaria ou, de ser o caso, o seu incremento.

Persoas desempregadas con titulación universitaria.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Secretaría Xeral de Universidades

Subdirección Xeral de Universidades

Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544430

Fax: 981545422

http://www.edu.xunta.es

Secretaría Xeral de Universidades
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

29/09/2021 00:00 - 28/10/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Poderán solicitar estas axudas as persoas tituladas universitarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de desemprego na data de presentación da solicitude.

b) Ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 30 de xullo de 2020.

c) Estar matriculado no curso académico 2021/22 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

d) Non estar incluídas nos casos de beneficios e exención total de matrícula previstos nos artigos 11 e 12 do Decreto 103/2021, do 1 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2021/22 (DOG núm. 132, do 13 de xullo).

e) Non ter gozado desta axuda en convocatorias anteriores.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao teren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizaren as solicitudes.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1) DNI ou NIE da persoa solicitante.

2) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

3) Vida laboral dos últimos 12 meses.

4) Título universitario oficial que lle dá acceso ao máster.

5) Documento emitido pola universidade correspondente en que deberá figurar o máster universitario oficial en que está matriculada a persoa solicitante, os créditos matriculados no curso académico 2021/22, excluídos os recoñecidos, validados e adaptados e o importe dos créditos aboados polo/a alumno/a.

6) Un informe de períodos de inscrición como demandante de emprego expedido pola correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, que determinará o número de días de inscrición ininterrompida ata a data finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

8) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

9) Certificado de estar ao día do pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 15 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2021/22 (DOG nº 187 do 28 de setembro de 2021).

    • Extracto da Orde do 15 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2021/22 (DOG nº 187 do 28 de setembro de 2021).

    • Resolución do 21 de decembro de 2021 pola que se adxudican as axudas convocadas pola Orde do 15 de setembro de 2021 destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2021/22. (DOG nº 251 do 31 de decembro de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

SA655B

Formación práctica de alumnos en centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT100A

Inscrición, depósito documental e certificación da sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego do Protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 01/02/2023 00:00 - 03/03/2024 23:59

ED109A

Bolsas de formación para proxectos de investigación no centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 06/06/2018 00:00 - 05/07/2018 23:59

ED415A

Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado universitario.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 29/01/2025 00:00 - 28/02/2025 23:59