Campamentos de verán
Un ano máis abre o prazo para presentar as solicitudes das prazas de campamentos da Campaña de verán da Xunta de Galicia, unha iniciativa que ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal moi diversas: actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital.
Como xa ocorreu nas campañas precedentes, a Campaña de Verán da Xunta de Galicia realizarase baixo as medidas de prevención e seguridade que sexan precisas, e tendo presente tamén o actual escenario tras a aprobación do Real decreto 286/2022, do 19 de abril.
Baixo o lema “O verán que queres contar”, a Campaña de Verán de 2022 da Xunta de Galicia recupera a normalidade tras a Covid-19 e oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:
- Campamentos en Galicia.
- Campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.
- Programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.
- Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración.
- Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades.
