Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN858A
Talento Sénior.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do programa Talento sénior, da Axencia Galega de Innovación, dirixidas ás empresas e aos organismos de investigación non universitarios en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo de tres (3) anos de persoal de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia. Este programa ten entre os seus obxectivos a atracción e o retorno de investigadores doutores ou profesionais de alta cualificación con máis de cinco (5) anos de experiencia profesional para desenvolveren a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN858A).
3. As axudas concedidas ás empresas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentaren a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.
Actividades subvencionables.
1. Serán subvencionables, ao abeiro desta convocatoria, as contratacións de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia, que se formalicen desde o día 1 de xaneiro de 2022 ata o 1 de outubro de 2022, ambas incluídas, coas seguintes características:
a) As actividades de I+D+i que realice o persoal de alta cualificación contratado deberanse desenvolver en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia e estar aliñadas cos retos e as prioridades estratéxicas establecidas na RIS3 para Galicia.
b) O contrato de traballo que se formalice deberá ter unha duración mínima de 36 meses e deberá ser a tempo completo.
c) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada profesional de alta cualificación contratado deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 40.000 euros.
d) O persoal de alta cualificación contratado deberá cumprir, no momento formalizar o contrato, as seguintes requisitos:
1º. Estar en posesión dunha das seguintes titulacións: título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado, diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, expedido por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologados.
No caso de estar en posesión dun título obtido nun país estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación.
2º. Ter experiencia laboral correspondente á súa titulación, superior a cinco (5) anos no grupo de cotización 1 e/ou 2, e certificados das entidades nas cales traballou en proxectos de I+D+i. No caso de persoal de alta cualificación estranxeiro, admitiranse certificados de empresa.
3º. No caso de profesionais de alta cualificación estranxeiros, a entidade contratante comprometerase a axudar os profesionais nos trámites de visado e permiso de traballo. O contrato será efectivo só cando o persoal de alta cualificación seleccionado poida traballar legalmente en España.
4º. Non ter sido anteriormente contratado entre o 1 de xuño de 2020 e o 1 de xaneiro de 2022 pola entidade solicitante ou empresas vinculadas a ela.
2. A selección e contratación dos profesionais de alta cualificación, así como a determinación das súas condicións laborais e funcións, serán competencia exclusiva da entidade solicitante. Esta asume a súa condición de empregadora respecto ao dito persoal e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.
3. Non poderán ser beneficiarios as entidades que presenten como candidatos desta convocatoria á contratación de profesionais de alta cualificación que xa foron financiados nalgunha das convocatorias anteriores do programa Talento sénior.
a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.
b) Os organismos de investigación públicos ou privados non universitarios galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Área de Talento e Transferencia
Rúa de Airas Nunes s/n, planta 1ª
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957000
Email: centros.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
09/04/2022 00:00 - 09/05/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria da/s actividade/s de I+D+i que se van realizar segundo o modelo que se inclúe como anexo II.
b) Perfil do persoal de alta cualificación segundo o modelo que se inclúe como anexo III.
c) No caso de ter concedida ou solicitada algunha outra axuda, copia da resolución de concesión ou da solicitude da axuda.
d) Poder da persoa representante que presenta a solicitude, inscrito no rexistro competente.
e) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.
f) Anexo IV. Comprobación de datos da persoa candidata a ser destinataria da axuda.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou doutros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada que o presente ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) Concesións pola regra de minimis.
g) Concesións de subvencións e axudas.
h) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.
i) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata, expedido pola Xunta de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude/declaración responsable/comunicación... deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
45 días naturais contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes.
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 25 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Talento sénior), e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 69 do 8 de abril de 2022).
-
Extracto da Resolución do 25 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Talento sénior), e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 69 do 8 de abril de 2022).
-
Corrección de erros. Resolución do 25 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Talento sénior), e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 75 do 20 de abril de 2022).
-
Resolución do 26 de setembro de 2022 pola que se modifican os prazos para a anualidade 2022 establecidos no artigo 4 da Resolución do 25 de marzo de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Talento sénior), e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2022).
-
Resolución do 19 de setembro de 2022 pola que se adxudican as axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Talento sénior), convocadas pola Resolución do 25 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 69, do 8 de abril) (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano
Programa Ignicia proba de concepto.
Prazo aberto: 29/04/2025 00:00 - 28/05/2025 23:59
Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.
Aberto todo o ano