Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
VI420C
Axudas para a adquisición de vivendas protexidas.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2022 as subvencións para a adquisición de vivendas protexidas, que se tramitarán co código de procedemento VI420C.
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas físicas maiores de idade.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Servizo de Coordinación e Información en Materia de Vivenda
Área Central. Fontiñas
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541981/ 981957529
Prazo de presentación: PECHADO
22/01/2022 00:00 - 30/09/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
b) Ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.
c) Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 un contrato privado de compravenda visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda protexida ao abeiro da Resolución do 5 de xullo de 2021 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados neste ordinal, agás o relativo á data prevista no punto 1.c).
3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no primeiro parágrafo para poder ser beneficiaria da axuda.
Solicitudes.
1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto. Deberá dirixirse ao IGVS. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá presentar a súa correspondente solicitude.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou ou obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están incursas nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.
b) Anexo II, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos.
c) Contrato privado de compravenda da vivenda, visado pola área provincial do IGVS da provincia na que se sitúe a vivenda, no caso de non dispoñer da correspondente escritura pública.
d) Escritura pública de compravenda da vivenda, no caso de que fose formalizada con anterioridade á data de presentación da solicitude.
e) Certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de compravenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da correspondente solicitude.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.
Forma de presentación da documentación complementaria.
1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.
b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.
c) Certificacións acreditativas do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social e de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.
d) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.
e) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante.
2. Consultarase, ademais, o permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando faga constar na solicitude que concorre nela esta circunstancia.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivendas protexidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 140 do 23 de xullo de 2021).
-
Extracto da Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivendas protexidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 140 do 23 de xullo de 2021).
-
Resolución do 11 de xaneiro de 2022 pola que se convocan para o ano 2022 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (DOG nº 14 do 21 de xaneiro de 2022).
-
Extracto da Resolución do 11 de xaneiro de 2022 pola que se convocan para o ano 2022 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (DOG nº 14 do 21 de xaneiro de 2022).
-
Resolución do 17 de marzo de 2023 pola que se dá publicidade da relación de persoas beneficiarias de varios programas de axudas para a adquisición de vivenda, concedidas ao abeiro das convocatorias realizadas no ano 2022 (DOG nº 61 do 28 de marzo de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Programa "Avais para a adquisición de vivenda".
Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59
Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Prazo aberto: 08/05/2025 00:00 - 08/07/2025 23:59