Guía de procedementos e servizos

VI406H

Participación no Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextgenerationEU.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 20/07/2022 00:00 - 19/10/2022 23:59

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para participar no programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro), que se tramitará co código de procedemento VI406H.

2. Igualmente, por medio desta resolución, ábrese o prazo de presentación de solicitudes de participación neste programa para a anualidade 2022.

Poderán participar no programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio os concellos que teñan algunha área de rehabilitación integral (en diante, ARI) ou área de rexeneración urbana de interese autonómico (en diante, área Rexurbe) declarada no seu termo municipal, así como os que teñan declarado ou pretendan declarar, antes do acordo de comisión bilateral ao que fai referencia o artigo 12 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, un contorno residencial de rehabilitación programada (en diante, ERRP) nas condicións establecidas no artigo 10 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro. Neste último caso, o concello deberá achegar toda a documentación xustificativa dos requisitos establecidos no citado artigo e realizar a declaración dentro do prazo previsto no ordinal décimo sexto desta resolución.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Dirección Técnica de Axudas e Vivenda

Servizo de Rexeneración e Renovación Urbana

Área Central, s/n - Polígono de Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541954

Email: rehabilitacion.igvs@xunta.gal

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Prazo de presentación: PECHADO

20/07/2022 00:00 - 19/10/2022 23:59

Tres meses, que se contará a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

1. Os edificios para os que se solicite financiamento deste programa deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de proxecto das actuacións que se van realizar. Para o caso de que as actuacións non exixan proxecto, será necesario xustificar nunha memoria subscrita por técnico competente a adecuación da actuación ao Código técnico da edificación e demais normativa de aplicación. En ambos casos deberá incluírse o Libro do edificio existente para a rehabilitación ou, no seu defecto, un estudo sobre o potencial de mellora do edificio ou vivenda en relación cos requisitos básicos definidos na Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, e un plan de actuacións no que se identifique a actuación e mellora proposta.

O proxecto incluirá un estudo de xestión de residuos de construción e demolición que se desenvolverá posteriormente no correspondente plan de xestión de residuos de construción e demolición, conforme o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, onde se cumprirán as seguintes condicións:

1ª. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados no sitio de construción prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2ª. Os operadores deberán limitar a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de sustancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición. Así mesmo, establecerase que a demolición se leve a cabo preferiblemente de forma selectiva e a clasificación realizarase de forma preferente no lugar de xeración dos residuos.

b) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade e, en particular, demostrarán, con referencia á ISO 20887 ou outras normas para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como están deseñados para ser máis eficientes no uso de recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e reciclaxe.

c) Retirar do edificio ou do ámbito obxecto de actuación aqueles produtos de construción que conteñan amianto. A retirada deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, por unha empresa legalmente autorizada. A xestión dos residuos orixinados no proceso deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

d) No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, deberanse cumprir, ademais, as seguintes condicións:

1ª. Que, polo menos, 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.

2ª. Que as actuacións conten co acordo da comunidade ou comunidades de persoas propietarias de que se trate, debidamente agrupadas, salvo nos casos de edificios de propietario único, e coa autorización ou autorizacións administrativas correspondentes, cando sexa preceptivo.

Solicitudes.

1. Os concellos que queiran participar no programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio na anualidade 2022 deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral do IGVS, segundo o modelo que figura como anexo I.

2. Os concellos que teñan varias ARI declaradas no seu termo municipal deberán presentar unha solicitude para cada unha das áreas que queiran incorporar a este programa como ERRP.

3. No suposto de que nun mesmo ERRP queiran agrupar máis dun ARI, deberán presentar, antes do acordo de comisión bilateral a que fai referencia o artigo 12 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e, en todo caso, dentro do prazo establecido no ordinal décimo sexto, un acordo delimitando os ámbitos das ARI como un único ERRP.

4. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da alcaldía ou a persoa en quen esta delegue.

5. No formulario de solicitude, deberán realizarse as seguintes declaracións:

a) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade pública ou, de ser o caso, declaración de que non se solicitaron ou obtiveron outras axudas para a mesma finalidade. No caso de que se solicitasen ou obtivesen outras axudas para a mesma finalidade, deberanse indicar cales, así como o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou concedida para a mesma finalidade, así como o seu importe.

c) Declaración responsable de que o concello non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas das previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de que o concello está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 13.2.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable de que o concello coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nesta resolución e as establecidas no artigo 4 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que lle sexan de aplicación na súa condición de entidade xestora do programa.

f) Declaración responsable de que todos os datos consignados na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

Forma de presentación das solicitudes de participación.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. Os concellos deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, en galego e castelán, para a súa posterior remisión ao ministerio:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a participación neste programa e do compromiso do concello de actuar como entidade xestora das actuacións, logo da sinatura do correspondente acordo específico, así como de tramitar os correspondentes procedementos con arranxo aos requisitos previstos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, en particular os establecidos no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

b) Certificado municipal do acordo de delimitación do ERRP, de ser o caso.

c) Certificado municipal de que, polo menos, un 50 % da superficie construída sobre rasante, podéndose excluír as plantas baixas ou plantas inferiores destinadas a outros usos compatibles, existente dentro do ERRP ou da edificabilidade resultante segundo o planeamento vixente, ten como uso principal o residencial de vivenda.

d) A delimitación cartográfica do ERRP en formato dixital, a ser posible, nun ficheiro shape xeorreferenciado e unha relación que permita identificar inequivocamente a todos os inmobles incluídos no ERRP sobre os que se vai actuar.

e) Unha memoria-programa na que constarán, polo menos, os seguintes documentos:

1º. Unha diagnose sobre a situación demográfica, social, económica e ambiental do ERRP, que incluirá unha estimación dos casos de vulnerabilidade económica.

2º. Un programa de actuacións que inclúa a descrición das actuacións subvencionables, a súa idoneidade técnica e as formas da súa execución e xestión, así como a súa programación temporal, que non poderá superar, en ningún caso, o 30 de xuño de 2026. Incluiranse tamén as medidas complementarias propostas nos ámbitos social, económico e ambiental, especificando de forma detallada as institucións públicas e privadas implicadas e os compromisos establecidos para a súa posta en marcha, desenvolvemento e seguimento.

3º. Unha memoria de viabilidade técnica, que acredite a súa compatibilidade coa ordenación urbanística, e outra de viabilidade económica, que analizará a rendibilidade e o equilibrio entre os beneficios e as cargas derivadas da actuación para as persoas propietarias.

4º. Unha memoria técnica, na que se identifiquen os obxectivos enerxéticos e ambientais da proposta de actuación, que incluirá a estimación da obtención da redución do consumo de enerxía primaria non renovable, referida á certificación enerxética, nos termos establecidos no artigo 14 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no ordinal décimo noveno.

5º. Un plan de realoxo temporal e retorno, de ser o caso, con indicación dos prazos e custos dos realoxos e das medidas sociais complementarias previstas para a poboación afectada.

6º. Un informe sobre os criterios aplicados para a selección do ERRP, podendo basearse, entre outros, na calidade técnica da proposta, a eficiencia no uso dos recursos, o carácter integral das actuacións, o carácter estratéxico e a súa vinculación coa implementación da axenda urbana no ámbito territorial, a mellora da sustentabilidade, dixitalización e/ou a mellora de procedementos administrativos para asegurar o desenvolvemento das actuacións nos prazos previstos.

f) No caso de ERRP que procedan de áreas de rehabilitación definidas en plans estatais de vivenda, utilizando de base a documentación achegada ao plan estatal, ou de áreas Rexurbe, o acordo de delimitación como ERRP; unha memoria na que se xustifiquen os requisitos establecidos para este programa e, en particular, os relativos á mellora da eficiencia enerxética, así como planimetría actualizada no caso de que a existente non o estivese, debendo remitila conforme o disposto na letra d).

g) Anexo II, relativo á oficina municipal de rehabilitación, de ser o caso, no que se relacionará o persoal adscrito á oficina, os locais, os medios materiais e outros recursos empregados no desenvolvemento das tarefas da oficina municipal de rehabilitación.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente polo concello interesado ante calquera Administración. Neste caso, deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa do concello interesado.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente ao concello interesado a súa achega.

Forma de presentación da documentación complementaria.

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo concello interesado, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos nesta resolución e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

b) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa representante.

c) Certificados acreditativos do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de obrigas coa Seguridade Social e/ou de obrigas tributarias e de non ter débedas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais de cada exercicio.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 8 de xullo de 2022 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e se abre o prazo de participación para a anualidade 2022 (DOG nº 137 do 19 de xullo de 2022).

    • Corrección de erros. Resolución do 8 de xullo de 2022 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e se abre o prazo de participación para a anualidade de 2022 (DOG nº 25 do 6 de febreiro de 2023).

Outros procedementos relacionados

VI402B

Programa "Avais para a adquisición de vivenda".

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59

VI406A

Subvencións do programa de infravivenda.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 27/01/2025 00:00 - 03/06/2025 23:59

VI406E

Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 08/05/2025 00:00 - 08/07/2025 23:59

VI408O

Cualificación provisional para participar no Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e de renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, das Illas Atlánticas e na ARI da Ribeira Sacra.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2023 00:00 - 28/11/2025 23:59