Guía de procedementos e servizos

TU985C

Adhesión das empresas turísticas ao programa Bono Turístico #QuedamosenGalicia2

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 24/03/2021 00:00 - 15/12/2021 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

O obxecto desta resolución é establecer o procedemento e as condicións que deben reunir os establecementos turísticos de aloxamento e as axencias de viaxes para a participar no programa Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2.

Duración da prestación.

Os servizos, actividades ou produtos turísticos poden prestarse desde o día da entrega pola entidade colaboradora da tarxeta prepagamento aos beneficiarios e ata o 15 de decembro de 2021, no que este programa quedará extinguido.

Relacións coas persoas beneficiarias do programa.

As persoas beneficiarias do Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2 poderán consumir os servizos ofertados para este programa no establecemento adherido. No caso de que se faga reserva previa, esta pode ser realizada directamente no establecemento ou en calquera web de central de reservas que non implique prepagamento desta, sendo necesario que o pagamento se realice no propio establecemento.

As persoas beneficiarias poderán utilizar o saldo da súa tarxeta de forma total ou parcial, así como completar os pagamentos, de non ter saldo suficiente, con outras formas de pagamento admitidas polo establecemento turístico.

Empresas turísticas.

Obrigas dos solicitantes.

Os solicitantes obríganse ao cumprimento das seguintes condicións na prestación dos servizos ou produtos:

a) Cumprimento das medidas de prevención de riscos sanitarios e laborais establecidas pola autoridade sanitaria, laboral ou turística para a prevención de contaxios derivados da COVID-19.

b) Dispor dunha terminal de punto de venda (TPV) para a realización da transacción de compra do servizo ou actividade turística a través da tarxeta moedeiro Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2. Para os efectos da validación da TPV, o establecemento adherido deberá facilitar o/os número/s de comercio de que dispoña á entidade bancaria.

c) Unha empresa que xa estivo adherida á campaña Bono turístico#Quedamos en Galicia do ano 2020 debe volver adherirse, cos datos requiridos, para poder participar na campaña 2021

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa

Área de Apoio Xurídico e Lexislativo

Estrada Santiago-Noia km. 3, A Barcia

15896  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997633

Email: xuridico.turismo@xunta.gal

Axencia Turismo de Galicia

Prazo de presentación: PECHADO

24/03/2021 00:00 - 15/12/2021 23:59

O prazo de presentación das solicitudes de adhesión das empresas turísticas estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata a finalización do programa, o 15 de decembro de 2021.

Poderán solicitar a súa adhesión aquelas empresas, empresarios ou agrupacións empresariais que dispoñan de aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e tamén as axencias de viaxe que, con independencia do lugar no que radique a súa sede social, desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.

Todas estas empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria, ter coñecemento da sinatura que se lle proporcionou no momento da alta no nomeado Rexistro e dispor de TPV con número de comercio que os identifiquen no servizo de pagamentos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.

Forma de presentación das solicitudes e das declaracións responsables.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As empresas solicitantes deberán declarar responsablemente, segundo o modelo do anexo I, o seguinte:

– Que todos os datos que se achegan na solicitude son certos.

– Que cumpre e asume todos os requisitos e condicións recollidos na resolución para a adhesión ao programa.

– Que procede a rexistrar na plataforma Turespazo a súa oferta ou, no caso das axencias de viaxe, o seu paquete turístico.

3. Ademais da solicitude de participación, sinalada nos puntos anteriores, as empresas que se presenten deberán rexistrarse na plataforma Turespazo, no caso que non o estean, no enderezo https://turespazo.turismo.gal.

As empresas que se adhiran ao programa poderán presentar nesta plataforma as súas ofertas específicas de:

– Aloxamentos/servizos ou produtos específicos que se oferten, se é o caso, para a promoción do programa.

– Paquetes turísticos, no caso das axencias de viaxe.

As ditas ofertas e paquetes aparecerán na web de Turismo de Galicia nun lugar destacado só para coñecemento dos beneficiarios do programa.

O Clúster de Turismo colaborará coa Axencia Turismo de Galicia nas relacións coas empresas que soliciten á adhesión ao programa no seu asesoramento e resolución de dúbidas na operativa do programa.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se determinan as condicións de adhesión das empresas turísticas ao programa Bono turístico #QuedamosenGalicia2 e se abre o prazo para a presentación das solicitudes de participación (DOG nº 55 do 23 de marzo de 2021).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504B

Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR303A

Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR303B

Autorización modificación de sala de bingo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano