Guía de procedementos e servizos

TU503D

Subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 17/02/2023 12:00 - 31/03/2023 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

Sobre o procedemento

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos en concellos de ata 10.000 habitantes cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

3. Ao abeiro desta resolución, son subvencionables as seguintes accións:

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos.

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas ou outros elementos de interese turístico.

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes nos cales a súa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten o seu contorno de protección. Estas últimas poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Ocultamento de contedores de residuos.

– Eliminación de cables aéreos e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos, que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– As destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.

En todo caso, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

e) Sinalización dos recursos turísticos.

A sinalización poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica, así como nos núcleos urbanos cando esta se atope deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.

Só será subvencionable a sinalización turística, que é a referida exclusivamente aos recursos e servizos turísticos.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas, ao vandalismo e deberán harmonizar co contorno en que se instalen.

Os materiais e características da sinalización deberán cumprir o disposto no manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), os correspondentes manuais de homologación de sendeiros, conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo, e estar de acordo coa sinalización deseñada pola Axencia Turismo de Galicia para os centros BTT.

4. Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa coa contorna en que se atopa o recurso. Neste sentido, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente co medio.

Gastos subvencionables e importe máximo da subvención por entidade solicitante.

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante durante o ano 2023 con respecto aos conceptos seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, incluíndo, de ser o caso, os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e os de peritaxe, sempre e cando fosen indispensables para a execución da intervención.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos (IVE) serán gastos subvencionables cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

d) Os custos derivados do emprego de medios propios do concello no desenvolvemento das actuacións subvencionadas, e custos indirectos imputables polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, sempre que se recollan no orzamento do proxecto para o que se solicita a subvención.

2. Non son gastos subvencionables:

a) Os gastos correntes de funcionamento da entidade beneficiaria.

b) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

c) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso en perfecto uso ou estado (limpeza, roza de sendeiros existentes, pintura, arranxos de carpintaría e similares).

d) Mobiliarios ou infraestruturas destinadas a xogos ou actividades deportivas.

e) O cartel publicitario.

3. Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos non son subvencionables:

a) Os pagamentos efectuados polo contratista á Administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade.

b) Calquera outro concepto que supoña ingreso ou desconto que derive da execución do contrato.

c) Os pagamentos efectuados polo beneficiario que deriven da execución dos contratos públicos.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

5. Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que en cada proxecto se poderá incluír máis dunha actuación. Para os efectos desta convocatoria, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención.

Cada actuación virá definida no documento que corresponda segundo á súa tipoloxía:

a) Equipamento: memoria detallada e valorada.

b) Obras: proxecto/s ou anteproxecto/s ou memorias valoradas.

O orzamento total do proxecto obxecto da solicitude é o resultado da suma dos orzamentos parciais das actuacións que o integran, incluído o imposto sobre o valor engadido, que deberá recollerse dun xeito diferenciado.

6. A entidade solicitante deberá acreditar a dispoñibilidade sobre os terreos ou inmobles en que se pretende realizar as actuacións, como mínimo, durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no artigo 18.c). Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo III.

7. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito, ben por dispoñer delas ou por non ser preceptiva, acreditarase na fase de xustificación mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante.

8. No caso das actuacións consistentes en sinalización dos recursos turísticos recollidas no artigo 1.3.e) destas bases, deberán contar co informe da Axencia Turismo de Galicia sobre o cumprimento do Manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia.

9. O importe máximo da subvención que se vai aboar será do 100 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 30.000 €.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos de Galicia de ata 10.000 habitantes, segundo as cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1037/2022, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2022.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Competitividade

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3

15896  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981540146/ 981540261

Fax: 981546371

Email: fomento.turismo@xunta.gal

Axencia Turismo de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

17/02/2023 12:00 - 31/03/2023 23:59

As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata o día 31 de marzo de 2023.

1. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles concellos nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade.

3. Só poderá solicitarse unha axuda por concello.

4. Os concellos solicitantes deberán ter remitidas as contas correspondentes do último exercicio orzamentario ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta resolución.

3. Ademais, no modelo de declaración que se incorpora no anexo II farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou recibidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Que o concello non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

e) Que o concello está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.

g) Que o concello está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda Autonómica e coa Facenda Estatal e fronte a Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda con ningunha outra Administración pública.

Documentación complementaria.

1. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello solicitante no modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a) O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para a actuación que se pretende executar ao abeiro desta resolución, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

O acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia.

c) Que as obras non estaban iniciadas a data 1 de xaneiro de 2023.

d) A dispoñibilidade do concello sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 18.c).

O incumprimento dos requisitos recollidos nas letras a) a d) constituirá causa de inadmisión da solicitude.

1.2. Proxecto, anteproxecto ou memoria asinado por técnico/a competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, que deberá incluír:

– Memoria explicativa e xustificativa da actuación que se vai desenvolver (cunha extensión máxima de 30 páxinas).

– Planos de localización do investimento.

– No caso de proxectos de sinalización, deberán indicarse as medidas dos sinais cuxa colocación se pretende, a súa localización, os recursos que se van sinalizar e, neste caso, os planos deberán ser en cor.

– Reportaxe fotográfica do ben sobre o que se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna.

– Planos descritivos do proxecto que se vai levar a cabo.

– Relación (indicando calidades) dos materiais e acabados propostos.

– Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

– Orzamento detallado, agrupado por partidas, dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a persoa solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase a solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 9 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 33 do 16 de febreiro de 2023).

    • Extracto da Resolución do 9 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 33 do 16 de febreiro de 2023).

    • Resolución do 28 de abril de 2023 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 9 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 89 do 10 de maio de 2023).

    • Resolución do 25 de outubro de 2023 pola que se amplía o prazo de xustificación previsto na Resolución do 9 de febreiro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 206 do 30 de outubro de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR477A

Autorización para espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TU400A

Declaración de municipio turístico.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TU401A

Declaración de festa de interese turístico de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS304A

Cesión do uso de instalacións xuvenís da administración galega para a realización de programas de lecer educativo e de tempo libre.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 02/05/2025 00:00 - 12/05/2025 23:59