Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU503A
Subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos esteblecementos turísticos de aloxamento.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Presidencia da Xunta de Galicia
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (TU503A). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
2. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2020.
3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
3.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
3.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.
3.3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
3.4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.
3.5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
3.6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.
4. O investimento neto admitido será de ata 100.000 euros. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase o solicitante para que adapte o proxecto que se vai executar ao citado límite.
Enténdese por investimento neto o importe orzamentado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.
5. Se a actuación o require, o titular deberá contar coa correspondente licenza de obras ou, se for o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza. A dita documentación deberá presentarse no momento da xustificación da subvención.
Gastos subvencionables.
1. Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.
2. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.
3. Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:
a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.
b) Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, como menaxe de cociña e comedor (vaixela, xogo de cubertos, cristalaría e pequenos utensilios).
c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canalóns, pintura, arranxos de carpintaría, ...).
d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.
e) Gastos de conectividade.
f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.
4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores (40.000 euros no caso de obras e 15.000 euros no caso de subministracións, excluído en ambos os dous casos o IVE), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da obra, ou a adquisición do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado un número suficiente de entidades que as realicen ou subministren, ao abeiro do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, en base aos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
A Barcia, Carretera Santiago-Noia, km. 3,
15897 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981540260 / 981546364
Fax: 981546371
Email: fomento.turismo@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
29/11/2019 00:00 - 30/12/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
1. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice o beneficiario á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 19.b) destas bases.
2. Deberá acreditarse unha antigüidade da actividade turística de aloxamento e restauración no establecemento para o que se solicita a subvención non inferior a 5 anos á data de solicitude da axuda (tanto da actividade como do establecemento). Para estes efectos, tomarase como data de referencia para o cálculo da antigüidade a data de inscrición no REAT.
3. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
4. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante unha declaración responsable do interesado.
5. Unha vez recaída a resolución de concesión, os cambios na persoa titular do establecemento subvencionado terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o novo titular na posición xurídica de beneficiario da subvención e nas obrigas dimanantes desta.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
A este respecto, no caso das persoas físicas titulares de establecementos ou servizos turísticos, considérase que por razón da súa actividade profesional queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Só poderá presentarse unha única solicitude por establecemento.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título que autorice a realización do investimento solicitado.
b) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que non coincida cos datos que figuran no REAT.
c) Memoria explicativa en que se defina de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se vaian desenvolver, e que no seu caso comprenderá:
– Planos de localización do investimento.
– Relación, indicando calidades, dos materiais e acabamentos propostos.
– Relación detallada dos bens mobles e equipamentos, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar.
– Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e da contorna.
d) Orzamento do investimento desagregado por partidas en que se especificará o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra, e todo o equipamento proposto.
e) Memoria explicativa sobre o cumprimento dos criterios de valoración sinalados no artigo 12. Deberase acompañar da documentación acreditativa no caso dos aspectos que se vaian valorar recollidos nos puntos b), c), d), e), f) e g) do punto 1 do citado artigo.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
6. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
8. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.
Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
– NIF da entidade solicitante.
– DNI/NIE da persoa solicitante.
– NIF da persoa xurídica representante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– Certificados de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar as certificacións de estar ao día nas citadas obrigas.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 227 do 28 de novembro de 2019).
-
Extracto da Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 227 do 28 de novembro de 2019).
-
Resolución do 16 de novembro de 2020 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 237 do 24 de novembro de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Tarxeta de identidade marítima náutica de lecer.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización modificación de sala de bingo.
Aberto todo o ano
Cancelación da inscrición de sala de bingo.
Aberto todo o ano