Guía de procedementos e servizos

TU503A

Subvencións a entidades privadas para actuacións de mellora das infraestruturas dos esteblecementos turísticos de aloxamento.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 24/01/2018 00:00 - 23/02/2018 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación a entidades e empresas para a mellora das infraestruturas de establecementos de aloxamento turístico (TU503A).

Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.

2. Serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido

b) Bens de equipamento, comprendidos no proxecto, que deben ser empregados mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra. Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra estas condicións.

3. Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:

a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.

b) Gastos correntes da empresa, así como enxoval de cociña e comedor (vaixela, xogo de cubertos, cristalaría e pequenos utensilios).

c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría...).

d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.

e) Gastos de conectividade.

f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os realicen, presten ou subministren, ao abeiro do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as entidades ou empresas que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Competitividade

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

A Barcia, Carretera Santiago-Noia, km. 3,

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546363 / 981546364

Fax: 981546371

Email: xerencia.turismo@xunta.gal.

http://www.turismo.gal

Axencia Turismo de Galicia

Prazo de presentación: PECHADO

24/01/2018 00:00 - 23/02/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

- As anteditas persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que figura no REAT, deberase acreditar esta condición coa presentación da solicitude.

- Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice o beneficiario a realizar o investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 19 destas bases.

- Deberase acreditar unha antigüidade no exercicio da actividade no establecemento para o que se solicita a subvención non inferior a 5 anos á data de solicitude da axuda. Admitiranse as modificacións de titularidade por sucesión familiar ata o cuarto grado incluído de consanguinidade ou afinidade durante o dito período.

- Os requisitos para ser beneficiario deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

- Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

- Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa titular do establecemento subvencionado terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa subrogación do novo titular na posición xurídica de beneficiario da subvención.

  • As persoas interesadas achegarán a seguinte documentación:

    • a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

    • b) Documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro dereito que autorice a realización do investimento solicitado.

    • c) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que este non coincida co que figura no REAT.

    • d) Memoria explicativa, na cal se defina o investimento, que especificará de xeito pormenorizado as actuacións que se van desenvolver e que, de ser o caso, comprenderá:

      • Planos de localización do investimento

      • Relación, con indicación de calidades, dos materiais e acabamentos propostos.

      • Relación detallada dos mobles e equipamentos, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar.

      • Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e da contorna.

    • e) Orzamento do investimento desagregado por partidas, no cal se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto.

    • f) Memoria explicativa sobre o cumprimento dos criterios de valoración. Acreditarase toda a documentación dispoñible que se poida ter en consideración para valorar a solicitude, segundo os criterios de valoración sinalados no artigo 13.

    • g) Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

  • Comprobación de datos.

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • NIF da entidade solicitante

  • Acreditación de estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao días das citadas obrigas no caso de denegar expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.1. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes. Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

  • A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria deberase presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

  • So se poderá presentar unha única solicitude por establecemento.

  • Se a actuación a require, o titular deberá contar coa correspondente licenza de obras ou, de ser o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza. A dita licenza ou certificado terá que ter, en todo caso, data anterior ao remate de presentación de solicitudes.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades privadas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 16 do 23 de xaneiro de 2018).

    • Extracto da Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades privadas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 16 do 23 de xaneiro de 2018).

    • Resolución do 15 de marzo de 2018 pola que se fai pública a ampliación do crédito existente para a concesión das axudas previstas na Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades privadas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 58 do 22 de marzo de 2018).

    • Resolución do 25 de setembro de 2018 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades privadas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 191 do 5 de outubro de 2018).

Outros procedementos relacionados

PE616A

Tarxeta de identidade marítima náutica de lecer.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR303A

Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR303B

Autorización modificación de sala de bingo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR303C

Cancelación da inscrición de sala de bingo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano