Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR811A
Axudas ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A concesión de subvencións a entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social.
A súa finalidade é a promoción, a visibilización e o desenvolvemento da economía social a través de accións de formación, divulgación e asesoramento, fomentando o espírito emprendedor e a creación e consolidación de emprego.
Actividades subvencionables
Son subvencionables as actividades de carácter divulgativo, formativo e de asesoramento incluídas nas actividades xerais e nas actividades relativas aos sectores específicos que estean dirixidas a fomentar a economía social e o emprendemento nesta.
1. Actividades xerais de promoción da economía social.
a) Actividades de divulgación da economía social.
– Organización de actividades de difusión como charlas, xornadas, conferencias, simposios ou visitas formativas, así como calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo e a economía social. As charlas terán unha duración mínima de 2 horas e as xornadas terán unha duración mínima de 4 horas.
– Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, así como manuais, guías, unidades didácticas ou similares, sempre que sexan inéditos.
b) Actividades de asesoramento.
– Celebración de encontros e networking entre entidades de economía social, ou entre estas e outros actores económicos, dirixidas á mellora da xestión, os intercambios comerciais, a intercooperación para a posta en marcha de actividades, a obtención de financiamento e outras que contribúan de xeito directo á consolidación dos proxectos de economía social. Duración mínima de 2 horas.
– Actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores ou a entidades de economía social preexistentes, para a posta en marcha de novos proxectos ou consolidación do negocio. Duración mínima de 7 horas.
c) Actividades de formación.
Organización de actividades formativas, tales como cursos e obradoiros, que teñan por obxecto dar a coñecer os principios e características propias da economía social ou dalgunha das tipoloxías de entidades que a conforman, mellorar o funcionamento das entidades e propiciar a súa consolidación e crecemento, así como formar o persoal responsable de titorías, especializado no asesoramento e acompañamento de proxectos. Os cursos terán unha duración mínima de 20 horas e 10 participantes.
2. Actividades relativas aos sectores específicos da economía social.
Son subvencionables as actividades de carácter divulgativo, de asesoramento e formativo que estean dirixidas a fomentar o emprendemento nos seguintes sectores específicos da economía social: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías; intelixencia artificial; transporte e mobilidade. A título orientativo as actividades poderán consistir en:
a) Actividades de divulgación.
Organización de actividades divulgativas como xornadas, conferencias, simposios, charlas, visitas formativas ou campañas de comunicación. Para dar a coñecer as oportunidades de negocio nos ámbitos da economía social propostos no marco dos principios da economía social. As charlas terán unha duración mínima de 2 horas e as xornadas terán unha duración mínima de 4 horas.
b) Xeración de novo coñecemento en economía social.
Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, así como materiais sobre algún dos seguintes ámbitos da economía social: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías e intelixencia artificial; transporte e mobilidade.
c) Formación para a creación e consolidación de proxectos de economía social.
Organización de actividades formativas, tales como cursos e obradoiros, que teñan por obxecto:
– Dar a coñecer os principios da economía social e a tipoloxía de entidades que a conforman como ferramentas para desenvolver novos modelos de negocio nos sectores específicos da economía social que se promoven nesta orde.
– Mellorar o funcionamento das entidades e propiciar a súa consolidación e crecemento.
– Formación específica nos ámbitos da economía social antes descritos para o persoal das entidades de economía social.
Os cursos terán unha duración mínima de 20 horas e 10 participantes.
d) Asesoramento e apoio a proxectos de economía social.
– Celebración de encontros e networking entre entidades de economía social, ou entre estas e outros actores económicos, para a posta en marcha de novos proxectos nalgún dos seguintes sectores específicos da economía social: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías e intelixencia artificial; transporte e mobilidade. Duración mínima de 2 horas.
– Actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores para a posta en marcha de novos proxectos nos sectores específicos de interese para a economía social que se promoven: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías e intelixencia artificial; transporte e mobilidade. Duración mínima de 7 horas.
e) Difusión e visibilización da economía social.
Organización de eventos como a celebración de feiras, mostras e congresos para visibilizar os sectores específicos da economía social: economía dos coidados; agroalimentación, produtos locais e alimentación sustentable; economía circular e xestión de residuos; enerxías renovables e transición enerxética; industrias culturais; novas tecnoloxías e intelixencia artificial; transporte e mobilidade.
a) As asociacións de entidades de economía social.
b) Os concellos de Galicia, e as áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e os consorcios locais.
c) As cámaras de comercio.
d) As universidades.
e) As fundacións e asociacións, e as organizacións profesionais, empresariais e sindicais.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Edificios Admvos. San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544666
Fax: 981544659
Email: economiasocial.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
03/08/2023 00:00 - 04/09/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Con carácter xeral as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As asociacións de entidades de economía social, as fundacións e asociacións, e as organizacións profesionais, empresariais e sindicais deberán estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e estar ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos ditos rexistros.
b) Respecto das entidades locais, ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos establecidos polo Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
c) Ter formalizada a súa adhesión á Rede Eusumo mediante a subscrición de convenio de colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.
d) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
f) Non ter cometido, incitado ou promocionado a LGTBIfobia, incluíndo a promoción ou realización de terapias de conversión, segundo o disposto no artigo 82 da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.
Non se concederán, proporcionarán ou outorgarán subvencións, recursos nin fondos públicos de ningún tipo, nin directa nin indirectamente, a ningunha persoa física ou xurídica, pública, privada ou de financiamento mixto que cometa, incite ou promocione LGTBIfobia, incluíndo a promoción ou realización de terapias de conversión.
3. As entidades que poden ser beneficiarias poderán concorrer ás axudas de xeito individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo. Neste suposto, todas as entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
En particular, deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe de subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
4. Ningunha entidade poderá figurar en máis dunha solicitude individual. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude presentada en primeiro lugar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figure a entidade incumpridora.
Non obstante, unha mesma entidade poderá figurar nunha solicitude individual e, ademais, nunha ou varias solicitudes conxuntas, sempre que concorra nestas con diferentes entidades socias.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. A documentación que deberá acompañar a solicitude é a seguinte:
a) Para as entidades a que se refire o artigo 6.1.a) e 6.1.e), certificación do rexistro competente que acredite a súa inscrición nel, así como que están ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos ditos rexistros. Non será necesario achegar a documentación acreditativa dos datos que constan nos rexistros dependentes da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.
b) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.
c) Memoria de cada entidade asinada pola persoa que exerza a representación legal e que conteña unha breve descrición das actividades que son obxecto da solicitude de axuda para o fomento do cooperativismo e a economía social.
d) Proposta das actividades para as que se solicita a axuda, especificando como mínimo para cada unha delas:
1º. A súa finalidade.
2º. A descrición detallada do seu contido e plan de traballo.
3º. As persoas destinatarias, indicando o número previsto delas.
4º. Os medios previstos para a súa realización.
5º. Cronograma.
6º. Informe relativo á capacidade profesional das persoas que vaian desenvolver as actividades.
7º. Orzamento detallado e individualizado por conceptos, cuantificado economicamente por anualidades e co IVE desagregado, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento.
8º. Declaración da lingua utilizada no desenvolvemento das actividades.
e) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente por varias entidades:
1º. Documento en que se acorde a colaboración entre elas, a designación da que as representa, a autorización á entidade sinalada como representante para presentar a solicitude en nome do resto, os compromisos asumidos por cada unha delas para a execución das actividades e o importe de subvención solicitado por cada unha.
2º. Declaración de datos de cada unha das entidades solicitantes adicionais segundo o anexo II.
3º. Declaración complementaria de cada unha das entidades participantes (agás a que actúe como representante), do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo III.
f) De ser o caso, declaración relativa aos grupos promotores que formalizaron a súa constitución como entidade de economía social no ano inmediatamente anterior, con identificación das súas características e as persoas integrantes, e asinada de conformidade por todas elas.
g) Se é o caso, documentación acreditativa de que a entidade solicitante non pode recuperar o IVE soportado.
h) No caso de concellos ou outras entidades a que se refire o artigo 6.1.b), certificación expedida pola secretaría da entidade local, ou persoa a que legalmente lle corresponda, do acordo polo que se solicita a subvención e se aceptan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incursa a entidade solicitante nas prohibicións para obter a condición de entidade beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes do procedemento regulado nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Atriga.
e) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os devanditos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 19 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (DOG nº 146 do 2 de agosto de 2023).
-
Extracto da Orde do 19 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (DOG nº 146 do 2 de agosto de 2023).
-
Resolución do 30 de outubro de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidos na Orde do 19 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (DOG nº 212 do 8 de novembro de 2023).
-
Resolución do 28 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 19 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (DOG nº 49 do 8 de marzo de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Subvención para o fomento da comercialización da artesanía galega.
Prazo aberto: 18/06/2025 00:00 - 17/07/2025 23:59
Obtención/renovación do selo de mercado excelente.
Aberto todo o ano
Axudas encamiñadas á mellora da seguridade, a competitividade e á obtención de certificacións, selos ou marcas de calidade nas áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.
Prazo aberto: 20/06/2025 00:00 - 21/07/2025 23:59
Autorización para o visado dos documentos de acompañamento R(CE) 436/2009.
Aberto todo o ano