Guía de procedementos e servizos

TR807J

Axudas destinadas a creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 11/05/2022 00:00 - 10/06/2022 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 da concesión de subvencións, pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de subvencionar a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial (código de procedemento TR807J).

Gastos subvencionables e período de imputación.

1. Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións de carácter concreto e específico derivadas do funcionamento ordinario dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial que impliquen o normal desenvolvemento das súas funcións e, en concreto, as especificadas no artigo 2 da presente orde.

2. Os gastos derivados de persoal adscrito aos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial incluído o persoal de xestión administrativa, coordinación e dirección técnica poderán imputarse desde o 1 de novembro de 2021 ata o 31 de outubro de 2022.

3. Os gastos das actividades levadas a cabo serán imputables de acordo co seguinte:

a) Gastos xerais de execución que teñan relación directa coa actividade subvencionable e poderán comprender: compra de material funxible, gastos de deseño, maquetación, impresión, distribución e publicidade.

b) Gastos derivados da subcontratación.

c) Gastos de persoal propio: a súa porcentaxe poderá ser do 100 %. Deberá terse en conta que o referido límite se calculará en función das nóminas do período que corresponda á actividade que se vai realizar, non en función do custo total anual, e debe especificarse as horas destinadas así como a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos realizados.

d) Gastos de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento da actividade subvencionable, poderá imputarse o 100 % do custo laboral.

e) Gastos de axudas de custos do persoal técnico: poderán ser por desprazamento, coas contías máximas de 0,19 euros por quilómetro.

f) Gastos indirectos: gastos tales como consumo eléctrico, teléfono, mensaxaría, entre outros; poderá imputarse ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións, tendo en conta que:

I. Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

II. O período máximo para imputar estes gastos estará en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións.

4. O cobramento destas subvencións será compatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Gastos non subvencionables.

1. Non se poderán imputar os gastos do persoal directivo ou dos cargos electos executivos das entidades solicitantes.

2. Non se admitirán gastos referidos á manutención nin ningún outro de carácter protocolario.

3. Non serán subvencionables os gastos financeiros, os derivados de actividades de asesoría financeira ou xurídica e os gastos notariais e rexistrais, nin os gastos derivados da compra de equipamentos informáticos nin de calquera outro tipo de investimento que supoña un incremento patrimonial.

As entidades beneficiarias da subvención serán:

1. As asociacións empresariais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 2 de agosto, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

2. As organizacións sindicais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Entidades non beneficiarias.

a) Aquelas entidades en que concorra nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

c) As asociacións que se atopen integradas nunha entidade de ámbito federal ou confederal, cando a federación ou confederación de que formen parte sexa tamén beneficiaria desta subvención.

d) No caso de que a entidade solicitante sexa unha fundación ou outra entidade constituída por unha organización sindical ou asociación empresarial, substituirá esta última para todos os efectos recollidos nesta orde.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Relacións Laborais

Servizo de Relacións Laborais, Seguridade e Saúde Laboral

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957759

Email: responsabilidadesocialempresarial@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

11/05/2022 00:00 - 10/06/2022 23:59

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes e, se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Cada entidade solicitante presentará unha única solicitude de axudas. No caso de que se presente máis dunha solicitude, só será tida en conta aquela que se presentou en primeiro lugar.

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial deberán estar integrados, como mínimo, por 1 persoa experta en igualdade laboral, cunha titulación de grao ou equivalente e contratada nos grupos de cotización 1 ou 2 a tempo completo, que acredite unha experiencia nesta materia de, polo menos, 2 anos, e/ou unha formación mínima de 200 horas en materia de igualdade de xénero e de oportunidades entre mulleres e homes. Ou unha persoa con titulación de «Técnico superior en Promoción da Igualdade de Xénero», contratado a tempo completo no grupo de cotización que lle corresponda como técnico superior.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.

2) Acordo do órgano reitor competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicitar a subvención.

3) Unha memoria explicativa das funcións que vai desenvolver o gabinete que inclúa unha desagregación orzamentaria segundo a tipoloxía do gasto.

4) Unha relación do número de persoas que van conformar o gabinete e as funcións que vai desenvolver cada unha delas.

5) Compromiso asinado pola persoa responsable da entidade solicitante de dispor, ou estar se situación de dispor, do equipo mínimo exixido, no artigo 6 da presente orde.

6) No caso das entidades previstas no artigo 9 desta orde deberá achegarse:

a) Nomeamento dunha persoa representante ou apoderada única da asociación ou agrupación, con poderes suficientes para cumprir coas obrigas das entidades beneficiarias.

b) Copia do instrumento de formalización da asociación ou agrupación.

c) Certificado expedido por quen teña estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no cal se acredite a condición de membro asociado integrante da asociación.

d) Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, no cal se concrete que partes do proxecto realizará cada entidade.

e) Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución mentres non transcorran os prazos de prescrición legalmente previstos.

No caso das entidades do artigo 9 exixirase achegar só os documentos sinalados nas letras c), d) e e) do presente parágrafo.

7) Acción solicitada segundo o anexo II.

8) Orzamento total do solicitado por tipoloxía de gasto (anexo III).

9) Vida laboral das entidades beneficiarias, ou das que están integradas nelas e van xestionar os fondos adxudicados, dos 30 últimos días inmediatamente anteriores á data da solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 22 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022 (DOG nº 90 do 10 de maio de 2022).

    • Extracto da Orde do 22 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022 (DOG nº 90 do 10 de maio de 2022).

    • Resolución do 31 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se publican as axudas concedidas en virtude da Orde do 22 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, e se procede a súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2022 (DOG nº 31 do 14 de febreiro de 2023).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano