Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR807C
Axudas para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural. Programa I: Fomento de laboratorios cooperativos no rural.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais, Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha dos laboratorios cooperativos no rural e proceder á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020.
Os ditos laboratorios teñen por finalidade fomentar a dinamización da economía local, identificando oportunidades de negocio no territorio e seleccionando un grupo de persoas interesadas en iniciar unha actividade económica no dito sector a través da constitución dunha cooperativa ou sociedade laboral.
Establécese o seguinte programa de axuda:
- Programa I: fomento de laboratorios cooperativos no rural (procedemento TR807C).
Este programa ten por obxecto establecer subvencións para a dinamización da economía local mediante fórmulas de economía social, a través de entidades mentoras que identifiquen oportunidades de negocio no seu territorio e seleccionen un grupo de persoas interesadas en iniciar unha actividade económica nun determinado sector, ao que lle impartirán a formación específica necesaria nesa área de actividade, así como o asesoramento e acompañamento.
Os concellos de Galicia, as áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e os consorcios locais; as asociacións de entidades de economía social, as asociacións e fundacións que teñan entre os seus fins a promoción do cooperativismo e da economía social, do emprendemento ou o desenvolvemento económico ou local, e as empresas privadas, que actúen como entidades mentoras dun grupo de persoas que teñan interese en iniciar unha actividade económica nun determinado sector. Non haberá límites ao tipo de actividade, sempre que se desenvolva a través da fórmula de cooperativa ou sociedade laboral nun concello rural de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Subdirección Xeral de Economía Social
Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social
Edificios Admvos. San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545679
Fax: 981957748
Prazo de presentación: PECHADO
22/05/2019 00:00 - 21/06/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para o programa I, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.
c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
d) Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.
e) Respecto das entidades locais, ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos establecidos polo Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación recollida no artigo 27.
Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Documentación para a solicitude da subvención.
A documentación que deben presentar as entidades para solicitar a subvención deste programa, de acordo co previsto nos artigos 8 e 27, é a seguinte:
a) Acta de constitución e estatutos da entidade solicitante, excepto cando se trate dunha entidade local.
b) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude, así como as persoas que asinan as declaracións responsables das entidades solicitantes.
c) Se é o caso, alta no Censo de Obrigados/as Tributarios/as do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
d) Memoria explicativa do proxecto que deberá facer referencia, de xeito obrigatorio, aos seguintes aspectos:
Descrición detallada da actividade económica e ámbito territorial en que se pretende actuar, así como análise da viabilidade da oportunidade de negocio que xustifique os criterios determinantes da súa elección.
Descrición do proxecto, que inclúa unha enumeración detallada de cada unha das accións que compoñen o itinerario a que se refire o artigo 23.3 desta orde; a metodoloxía que se vai aplicar, xustificada en relación cos obxectivos pretendidos; os sistemas de avaliación e seguimento das persoas participantes que se van utilizar, así como os sistemas de avaliación de calidade do programa empregados.
Estrutura e cronograma completo do proxecto, indicando a data de inicio e fin prevista de cada unha das accións propostas.
Criterios de selección das persoas que participarán no proxecto, que necesariamente deberán estar desempregadas e inscritas como demandantes de emprego. Deberase xustificar a idoneidade destes criterios, que en ningún caso poderán ser discriminatorios.
Relación de medios materiais e recursos humanos dos que disporá a entidade solicitante para levar a cabo as accións propostas, na cal se especifiquen as condicións daqueles, o seu historial formativo e laboral e as súas capacidades. Cando os medios materiais destinados ao proxecto non sexan propiedade da entidade solicitante, deberá acreditarse a súa disposición de uso.
Relación das persoas ou entidades colaboradoras que actuarán como mentoras do proxecto, detallando a súa experiencia e méritos para esta actividade.
Orzamento detallado e individualizado por conceptos, co IVE desagregado, que concrete o importe da axuda solicitada e a porcentaxe de actividades que se pretendan subcontratar. No caso de solicitar a subvención do IVE, deberá indicalo expresamente e achegar declaración responsable de que non pode recuperalo.
e) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente por varias entidades:
1) Documento en que se acorde a colaboración entre elas, a designación da que as representa, a autorización á entidade sinalada como representante para presentar a solicitude en nome do resto, os compromisos asumidos por cada unha delas para a execución das actividades e o importe de subvención solicitado por cada unha.
2) Declaración de datos de cada unha das entidades solicitantes adicionais segundo o anexo II.
3) Declaración complementaria de cada unha das entidades participantes (agás a que actúe como representante) do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o anexo V.
Comprobación de datos.
1. Para este programa I o órgano xestor comprobará de oficio a seguinte documentación, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta, de acordo co disposto nos artigos 10 e 27 desta orde:
a) Número de identificación fiscal da entidade ou entidades solicitantes.
b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade ou entidades solicitantes.
c) Alta no imposto de actividades económicas da entidade ou entidades solicitantes, se é o caso.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT referido á entidade ou entidades solicitantes.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga referido á entidade ou entidades solicitantes.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social referido á entidade ou entidades solicitantes.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sen prexuízo do sinalado no artigo 9, serán denegadas as solicitudes en que non se detallen e xustifiquen de forma suficiente os elementos e criterios a que se refire a letra d) do punto 1 do artigo 27 desta orde.
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 30 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020 (DOG nº 95 do 21 de maio de 2019).
-
Extracto da Orde do 30 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020 (DOG nº 95 do 21 de maio de 2019).
-
Resolución do 2 de setembro de 2020, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dá publicidade ás subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 30 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020 (Diario Oficial de Galicia número 95, do 21 de maio).(DOG núm. 187 do 15 de setembro de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.
Aberto todo o ano
Mantemento da inscrición / acreditación por cambio de titularidade dun centro de formación.
Aberto todo o ano
Cualificación iniciativas de emprego.
Aberto todo o ano
Cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT).
Aberto todo o ano