Guía de procedementos e servizos

TR802G

Axudas para o fomento do emprendemento en economía social. Programa I: Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laboráis.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 02/02/2024 00:00 - 16/09/2024 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en réxime de concorrencia non competitiva, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras a cooperativas e sociedades laborais e proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

Establécese o seguinte programa de axudas:

- Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).

Finalidade.

Este programa ten por obxecto apoiar o emprendemento en economía social e establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.

1. Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas:

a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego.

b) Persoas que no momento da súa incorporación estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo fixo descontinuo.

c) Persoas que no momento da súa incorporación sexan socias a proba da cooperativa a que se incorporan, sempre e cando estivesen desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.

d) Persoas que no momento da súa incorporación sexan persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.

A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo indefinidas da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a subvención.

2. Tamén poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.

3. A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.

Admitirase a incorporación en condición de persoa fixa descontinua, sempre que a ocupación acade como mínimo o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas.

4. Non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo que tiveron tal condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral nos dous anos anteriores á súa incorporación como socios ou socias. Tampouco poderá concederse cando se trate da incorporación de persoas polas cales se obtiveron as subvencións previstas para a incorporación como persoas socias, nos últimos 5 anos. Estas limitacións non se aplicarán no caso de que a incorporación anterior fose como persoa socia a proba.

5. As cooperativas e as sociedades laborais deberán acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 44/2015, do 14 de outubro, de sociedades laborais, ao respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

6. En todo caso, as cooperativas ou sociedades laborais deberán acreditar a viabilidade do seu proxecto empresarial.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social da Coruña

Rúa Gregorio Hernández, nº 2-A

15071  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881881594/ 981185799

Email: cee-cooperativas.emprego@xuntal.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Lugo

Ronda da Muralla, nº 70 baixo

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294329/ 982294288

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Ourense

Avda. da Habana, nº 79 - 6º

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386401/ 988386812

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Vigo

Rúa Concepción Arenal, nº 8 - 2º

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986218168

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

02/02/2024 00:00 - 16/09/2024 23:59

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 16 de setembro de 2024 agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Non obstante, se o período de presentación resultase inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

Con carácter xeral as persoas e entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

d) Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.

e) As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día na presentación das contas anuais no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica, no momento da xustificación da axuda, agás as entidades de nova creación.

Solicitudes e documentación complementaria.

1.Para os procedementos do programa I (TR802G) as solicitudes (anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación recollida nos artigos 26 e 32 en función do programa de que se trate.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica da documentación complementaria será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude (programa I-TR802G). Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica (programa II-TR802J), opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante (só para o procedemento TR802G).

b) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante e das persoas por quen se solicita subvención.

c) Número de identificación fiscal da entidade representante.

d) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante (só para o procedemento TR802G).

e) Vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante ou das persoas por quen se solicita subvención.

f) Períodos de inscrición como demandante de emprego da persoa solicitante ou da persoa socia traballadora ou de traballo por quen se solicita subvención.

g) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Atriga.

i) Certificación de atoparse ao día das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante ou da persoa por quen se solicita subvención, cando o dito certificado fose emitido pola Xunta de Galicia.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou das persoas por quen se solicita subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Documentación para a solicitude da subvención e comprobación de datos.

1. A documentación que deben presentar as cooperativas e sociedades laborais para solicitar a subvención deste programa, de acordo co previsto no artigo 8, é a seguinte:

a) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

b) Se é o caso, alta no Censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Función Pública.

c) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Esta memoria deberá axustarse ao modelo dispoñible na páxina web da consellería (https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego), na súa epígrafe de axudas e subvencións.

d) Certificación da relación nominal das persoas polas cales se solicita subvención, segundo o modelo do anexo II.

e) Comunicación á persoa socia sobre a comprobación de datos, conforme o modelo do anexo IV, relativa a cada unha das persoas polas cales se solicita a subvención, debidamente asinada por estas.

f) Se é o caso, documentos acreditativos da discapacidade ou da situación ou risco de exclusión social das persoas polas cales se solicita a subvención. No caso de discapacidade, só será necesario se foi recoñecida por outra comunidade autónoma.

g) No caso de que as persoas polas cales se solicita a subvención teñan a condición de emigrantes retornadas, documentos xustificativos do seu nacemento en Galicia ou, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite este nacemento e o vínculo con aquela.

h) No caso de que as persoas polas cales se solicita a subvención teñan a condición de emigrantes retornadas, certificado de emigrante retornada expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.

i) No caso de que as persoas polas cales se solicita a subvención teñan a condición de trans, documentación xustificativa de ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

j) Nos supostos recollidos no artigo 24.1, se é o caso, certificación do órgano competente da cooperativa acerca da condición de persoa socia a proba das persoas por quen se solicita subvención, referida á data de incorporación (ou á data de presentación da solicitude, se aínda non tivo lugar a incorporación).

k) Certificación relativa á xornada de traballo asignada ás persoas que se incorporan como socias traballadoras ou de traballo.

l) No caso de sociedades laborais, nota simple ou certificación de ter depositadas as contas correspondentes ao último exercicio, emitida polo Rexistro Mercantil correspondente.

2. Para este programa I o órgano xestor comprobará de oficio a seguinte documentación, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta, de acordo co disposto no artigo 11 desta orde:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante e das persoas por quen se solicita subvención.

c) Número de identificación fiscal da entidade representante.

d) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante.

e) Vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas por quen se solicita subvención.

f) Períodos de inscrición como demandante de emprego da persoa socia traballadora ou de traballo por quen se solicita subvención (só no caso de que a persoa xa estea incorporada no momento da solicitude).

g) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Atriga.

i) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

j) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa por quen se solicita subvención, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a dita circunstancia e o dito certificado sexa emitido pola Xunta de Galicia.

k) Certificado de empadroamento da persoa por quen se solicita subvención, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a dita circunstancia.

l) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

m) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

n) Consulta de concesións pola regra de minimis.

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía social) e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento TR802G e TR802J) (DOG nº 23 do 1 de febreiro de 2024).

    • Extracto da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía social) e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento TR802G e TR802J) (DOG nº 23 do 1 de febreiro de 2024).

    • Orde do 25 de outubro de 2024 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria e do prazo de xustificación para a concesión das axudas establecidas na Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía social) e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento TR802G e TR802J) (DOG nº 211 do 31 de outubro de 2024).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano