Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR358A
Subvencións ás entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e á contratación de persoal de apoio.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 das subvencións destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas máis representativas de Galicia de persoas traballadoras autónomas, coa finalidade de apoiar de forma eficaz a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios, a través do programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas (código de procedemento TR358A).
2. Esta axuda ten por finalidade sufragar os gastos de organización interna e funcionamento das entidades asociativas máis representativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial, coa finalidade de apoiar a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios.
3. Tamén ten por finalidade sufragar a contratación ou a prórroga da contratación realizada ao abeiro da convocatoria do ano 2022 se fose o caso, dunha persoa técnica para a realización de funcións de asesoría e apoio directo ás persoas autónomas para a mellora da súa competitividade, integradas nas entidades asociativas máis representativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial que obteñan a subvención da liña 1 desta convocatoria, coa finalidade de apoiar a consecución e o cumprimento dos fins que lles son propios.
4. Para os efectos deste programa, enténdese por entidade asociativa máis representativa de Galicia de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial aquela que conte con membros en, polo menos, dous sectores económicos entre os da agricultura e pesca, industria, construción e servizos.
Gastos subvencionables
1. Liña 1. Subvención ás entidades asociativas para o seu funcionamento.
a) Serán subvencionables os gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada, realizados no período comprendido entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
b) Consideraranse gastos subvencionables os seguintes gastos xerais:
a.1) Gastos de persoal. Neste concepto só se terán en conta o salario base e as cotizacións sociais, incluídas as pagas extraordinarias.
b.1) Arrendamentos de locais.
c.1) Servizos profesionais independentes.
d.1) Primas de seguros.
e.1) Publicidade e propaganda.
f.1) Material de oficina, fotocopias e imprenta.
g.1) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas, de auga, de limpeza dos locais e aloxamento e mantemento da web.
h.1) Cotas de subscrición a publicacións e inscrición en actividades e pola pertenza a outras organizacións autonómicas ou estatais.
i.1) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante, incluídos os gastos de desprazamento e manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nestas actividades, non poderá superar o 50 % do seu custo.
j.1) Gastos ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción do emprego autónomo en Galicia, en particular o programa de remuda xeracional dos negocios dos autónomos, incluídos, neste suposto, os gastos de desprazamento e manutención. A contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención por participar nestas actividades non poderá superar o 50 % do seu custo.
k.1) Gastos de arrendamento financeiro sen opción de compra (renting).
c). En ningún caso serán subvencionables os seguintes gastos:
• Os gastos de persoal e os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.
• Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente.
2. Liña 2. Subvención para a contratación laboral ou prórroga da contratación dunha persoa que realice funcións de asesoría e apoio ás persoas autónomas integradas nas entidades asociativas.
a) Co obxecto de asesorar e apoiar de maneira directa as persoas autónomas integradas nas entidades asociativas recollidas no artigo 1, será subvencionable a contratación ou a prórroga da contratación concedida na convocatoria do ano 2022 se fose o caso, dunha persoa técnica para a realización desas funcións, durante un período máximo dun ano, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023, para as entidades asociativas que obtivesen a subvención da liña 1 desta convocatoria.
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial cuxo ámbito de actuación comprenda todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non sexa superior ao da Comunidade Autónoma.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Emprego Autónomo
Edificios Administrativos San Lázaro, s/n
15871 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544691
Email: autonomos.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
25/01/2023 00:00 - 24/02/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
1. As entidades solicitantes, para seren beneficiarias, deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica propia e independente.
b) Estar inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia na data de publicación desta orde.
c) Desenvolver a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Ter o seu domicilio social e a sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñeren dunha oficina permanente nela.
2. Non poderán solicitar as subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unión de asociacións que, igualmente, presentasen unha solicitude de axudas ao abeiro deste programa.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas se algunha das entidades presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
2. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.
Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Estatutos da entidade.
b) Memoria das actividades realizadas pola entidade e dos servizos prestados ás súas persoas asociadas no exercicio 2022, que inclúa unha breve historia da entidade e a descrición da súa implantación territorial e do seu carácter intersectorial, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia e na oficina virtual do autónomo: https://oficinadoautonomo.gal/es
c) Memoria das actividades previstas para o exercicio 2023, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia e na oficina virtual do autónomo: https://oficinadoautonomo.gal/es
d) As últimas contas anuais aprobadas acompañadas da certificación acreditativa do dito extremo expedida polo representante legal.
e) Orzamento de ingresos e gastos do exercicio 2023.
f) Para o suposto de subcontratación con persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, xuntarase unha petición de autorización para que se poida efectuar a subcontratación, así como a memoria co contido sinalado no segundo parágrafo do número 2 do artigo 8.
g) Libro de rexistro das persoas asociadas á entidade e das que o son a través de entidades asociadas, debidamente actualizado ao ano corrente.
h) Declaración responsable do representante legal da entidade do número de sedes que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ou cuxa inscrición fose solicitada con carácter previo á presentación da solicitude de subvención, acompañada dos títulos de propiedade, contratos de arrendamento ou contratos de cesión de uso en vigor.
2. Ademais, para acreditar os criterios de valoración establecidos no artigo 18 desta orde, as entidades solicitantes deberán presentar a documentación específica que a continuación se relaciona e que servirá de fundamento para a concesión da subvención:
a) Contratos de traballo das persoas traballadoras que prestan os seus servizos na entidade.
b) Documentos de cotización á Seguridade Social, documento RNT (relación nominal de traballadores) e documento RLC (recibo de liquidación de cotizacións), correspondentes ao exercicio 2022.
c) Escritura de poder suficiente para actuar en nome da entidade ante a Administración pública, agás que a capacidade de representación se recolla nos estatutos.
d) Acta de constitución da entidade.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante da entidade.
c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de Solicitude
- Solicitude (Anexo I)
- Modelo Memoria 2023
- Modelo Memoria 2022
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 16 do 24 de xaneiro de 2023).
-
Extracto da Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 16 do 24 de xaneiro de 2023).
-
Resolución do 12 de xullo de 2024, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se da publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 143 do 24 de xullo de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Remisión da declaración responsable para o inicio da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)
Aberto todo o ano
Remisión da documentación necesaria para o recoñecemento oficial da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)
Aberto todo o ano
Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59
Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59