Guía de procedementos e servizos

TR351G

Subvención para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural).

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 02/02/2022 00:00 - 01/03/2022 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa (código de procedemento TR351G), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Subvención: contía.

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para os efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 20.250 €.

Para o grupo de cotización 2: 16.500 €.

Para o grupo de cotización 3: 15.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 14.250 €.

Para os grupos de cotización comprendidos entre o 5 e o 10: 13.970 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou nun servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, coas que é compatible, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos rurais sempre que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos. Considérase concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra, Vigo.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Programas de Cooperación

San Lázaro, s/n - planta 2

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544604/ 981544612/ 981545767

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social da Coruña

Avda. Salvador de Madariaga, 9 1º Centro comercial de Elviña

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881881599/ 881881596

Fax: 981881581

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Lugo

Ronda da Muralla, nº 70 baixo

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294241

Fax: 982294258

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Ourense

Avda. da Habana, nº 79- 7ª

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386816/ 988386807

Fax: 988386770

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Vigo

Rúa Concepción Arenal, nº 8 – 2ª

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986817032/ 986817693

Fax: 986817010

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

02/02/2022 00:00 - 01/03/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos das obras ou servizos.

As obras ou os servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e as prácticas profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 9 meses.

e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.

Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

4. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria.

1. Xunto co formulario de solicitude, anexo I, deberá anexarse a seguinte documentación:

a) Unha memoria da obra ou servizo que se vai realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II. A relación de traballadores, por orde de preferencia, debidamente formalizada por grupo de cotización, é a que se terá en conta para os efectos da adxudicación sucesiva dos contratos.

b) Certificación da persoa secretaria da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

– A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate de quen teña a representación legal.

– A aprobación da solicitude de subvención.

– A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

– As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

c) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta da obra ou servizo con indicación das achegas de organización, medios persoais e materiais ou recursos financeiros dos concellos agrupados, de acordo co número 1 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

d) Certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia, expedido con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, no que se acredite a proposta de habilitación do concello como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business» ou diploma no que se acredita como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business».

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cada concello deberá cumprir coa citada remisión.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 7 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e as subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2022 (DOG nº 21 do 1 de febreiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 7 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e as subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural), e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2022 (DOG nº 21 do 1 de febreiro de 2022).

Outros procedementos relacionados

IN229A

Declaración de concello emprendedor.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT200A

Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT811A

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59

PR402A

Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano