Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR351B
Subvención para entidades locais que contraten axentes de emprego e desenvolvemento local.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais, Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria no exercicio 2020, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito da colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade coas entidades locais (procedemento TR351B), a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego na contorna local.
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde as entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local sempre que todas elas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As devanditas entidades, para poder ser beneficiarias destas axudas, necesariamente han de estar adheridas á REDE XATEmprego para o uso da aplicación web na xestión de actividades vinculadas á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa promoción do emprego, o autoemprego e o desenvolvemento local (https://xatemprego.gal/), na cal deberán rexistrar todas as actividades e proxectos desenvoltos ao abeiro destas axudas.
Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán cumprir as seguintes obrigas:
a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.
d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.
e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.
f) Comunicar, no prazo de 10 días, á xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade que corresponda:
1º. As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
2º. Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que desenvolvan as persoas contratadas como AEDL, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
g) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Emprego e Igualdade, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.
h) Poñer á disposición das persoas contratadas como axentes de emprego todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipamentos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico.
i) Utilizar as ferramentas informáticas postas á disposición dos técnicos, especialmente, o sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades (XATEmprego) que permita avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.
j) Presentar ante a respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizada a execución dos proxectos subvencionados, a seguinte documentación:
1º. Unha memoria descritiva sobre a experiencia e práctica profesionais adquiridas polas persoas traballadoras contratados.
2º. Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia.
3º. Nóminas aboadas ás persoas traballadoras que se contraten e boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas) e mais o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111) correspondentes aos trimestres en que se desenvolveu o proxecto, unha vez se dispoña destes.
k) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da respectiva xefatura territorial.
2. Polo que respecta á protección de datos de carácter persoal:
a) As entidades beneficiarias obríganse a dar cumprimento ao Regulamento (UE) nº 2016/679, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa aplicable vixente, en relación co tratamento de datos das persoas beneficiarias que leven a cabo como responsables do ficheiro.
b) A entidade beneficiaria deberá tratar os datos coa finalidade exclusiva da xestión da subvención. En ningún caso os datos poderán ser obxecto dun tratamento distinto ao previsto na convocatoria. Calquera tratamento dos datos que non se axuste ao disposto na presente orde será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, respondendo fronte a terceiros das infraccións en que incorrese, e fronte á Consellería de Emprego e Igualdade polos danos e perdas que lles puidesen causar.
c) A entidade beneficiaria manifesta cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e, en particular, coas medidas de seguridade correspondentes aos seus ficheiros.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social da Coruña
Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881585/ 881881596
Fax: 881881576
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Lugo
Ronda da Muralla, 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294241
Fax: 982294282
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Ourense
Avda. da Habana, 79 - 6º
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386816/ 988386807
Fax: 988386829
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Vigo
Rúa Concepción Arenal, nº 8 - 2ª
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817032/ 986817768
Fax: 986817010
Prazo de presentación: PECHADO
31/10/2020 00:00 - 30/11/2020 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. As persoas candidatas para seren contratadas e desempeñar as funcións de axentes de emprego e desenvolvemento local deberán ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo de educación universitaria, valorándose a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos de desenvolvemento local ou proxectos de emprego.
2. Non será preciso realizar ningún proceso de selección cando a persoa que se contrate estea a prestar servizos na entidade beneficiaria da subvención e cumpra cos requisitos establecidos no parágrafo anterior.
3. De ser necesario realizar algún proceso de selección, este será efectuado pola entidade beneficiaria mediante o procedemento que consideren máis apropiado, sempre que se garanta a idoneidade para o posto, o cumprimento do disposto no parágrafo primeiro deste artigo, e se trate de persoas demandantes de emprego, ocupadas ou non, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (Emprego Galicia).
Se a entidade decide optar pola presentación dunha oferta na oficina de emprego correspondente ao seu domicilio, esta terá a consideración de oferta de emprego ordinaria.
A selección deberá realizarse tendo en conta a data límite para remitir a documentación xustificativa establecida na resolución de concesión da subvención.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Esta obriga de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso da presentación de varias solicitudes só se terá en conta a última, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicional das presentes bases reguladoras.
4. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Documentación complementaria
1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I) deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 3 deste artigo, poderá ser identificada pola entidade solicitante como información accesible de xeito que a correspondente xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:
a) Certificación do secretario ou secretaria da entidade solicitante segundo o modelo que se publica como anexo II en que conste:
1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.
2º. A disposición de financiamento para custear a parte non subvencionada pola Consellería de Emprego e Igualdade.
3º. A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención. En caso de solicitude conxunta de tres ou máis concellos, ou de dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos, achegaranse as respectivas certificacións de todos os concellos que se agrupan.
4º. As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.
b) Memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL ou grupo de AEDL en que se especifique:
1º. Breve diagnose socioeconómica da zona de actuación.
2º. Definición do proxecto global.
3º. Fases de desenvolvemento do proxecto.
4º. Obxectivos operativos de cada fase e tempos estimados de execución.
5º. Instrumentos e infraestrutura que se posúe para a súa posta en práctica.
6º. Número de AEDL para contratar.
7º. Accións e actividades que desenvolverán as persoas contratadas como axentes de emprego.
8º. Tempo previsto para a realización do proxecto e duración estimada dos contratos.
9º. Custos laborais totais anuais dos contratos.
10º. Plan de adaptación das persoas contratadas como axentes de emprego ao posto de traballo.
c) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración de desenvolvemento conxunto do proxecto e referencia ás achegas económicas e ás achegas dos concellos agrupados.
2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nesta, e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O conxunto de todas as axudas solicitadas e/ou concedidas para este mesmo proxecto e conceptos para os que solicita esta subvención, das distintas administracións públicas competentes.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nas alíneas 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
g) Acreditación de que a entidade local solicitante, ou entidades locais no caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cumpriron co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
h) Que, en relación co establecido no artigo 2 da orde de convocatoria, a entidade solicitante dispón de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos proxectos solicitados.
i) Que a entidade solicitante dispón de financiamento suficiente para sufragar os custos do proxecto que, de ser o caso, deban ser asumidos pola devandita entidade.
j) Que as copias dos documentos sinalados nos puntos 1.a) e 1.b) do artigo 6 da orde de convocatoria coinciden cos orixinais, poñéndose á disposición da Administración actuante para achegalos cando sexan requiridos.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 desta lei.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI da persoa representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
- Certificado do/a secretario/a (Anexo II)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración responsable de axudas (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 15 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 219 do 30 de outubro de 2020).
-
Extractp da Orde do 15 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 219 do 30 de outubro de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00
Bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
Prazo aberto: 26/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59
Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano