Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR342A
Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2018 coa finalidade de facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.
2. Por medio desta convocatoria as empresas que soliciten participar terán a posibilidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea (procedemento TR342A).
Inclúense dous tipos de axuda compatibles:
a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal cunha duración mínima de doce meses das persoas desempregadas de longa duración, persoas con discapacidade e persoas en risco de exclusión social.
b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.
1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.
As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do dito real decreto.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas nin os centros especiais de emprego.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non encontrarse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.
4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria os solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a xustificación de non estaren incursas na prohibición contida no número 3.e) anterior poderá ser substituída por unha declaración responsable a que se refire o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544610 / 981957728
Fax: 981544678
Prazo de presentación: PECHADO
03/02/2018 00:00 - 15/10/2018 23:59
O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.
As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación.
As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses desde a data en que se inicie a relación laboral pola que se solicita a axuda.
O prazo para presentar as solicitudes rematará o 15 de outubro de 2018, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Requisitos. Bono de contratación para incentivar a contratación indefinida inicial ou a temporal cunha duración mínima de doce meses:
1. A persoa traballadora por quen se solicita a subvención debe ser unha persoa desempregada, segundo o establecido no artigo 5 desta orde.
2. Como consecuencia da contratación inicial que se fomenta, tense que incrementar o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola cal se solicita subvención.
3. Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se produzan por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas, ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.
No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola cal se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.
4. As contratacións polas cales se solicita subvención deberanse formalizar e comunicar á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
Requisitos. Bono de formación (opcional) para accións formativas:
As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas contratadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo II.
b) Ten que ofrecerse unha acción formativa, que terá lugar dentro dos tres primeiros meses de formalización do contrato.
Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data de publicación desta orde a acción formativa levarase a cabo no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación.
Para as contratacións realizadas entre o 15 de setembro de 2018 e o 15 de outubro de 2018 a acción formativa terá como data límite para a súa finalización o 15 de decembro de 2018.
c) A acción formativa deberá ter unha duración mínima de 50 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo ás cales asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
d) Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Documentación. Bono de contratación para incentivar a contratación indefinida inicial ou a temporal cunha duración mínima de doce meses:
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Deberase achegar declaración ante un notario ou secretario municipal e esta adquirirá a categoría de documento público; poderá ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.
b) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente aos tres meses anteriores ao mes en que se realiza a contratación inicial, máis o correspondente ao mes en que se realiza a dita contratación.
c) Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada pola cal se solicita a subvención, anexo I-B. De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 22.3 da orde de convocatoria.
d) Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención, onde se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola cal se solicita subvención, anexo I-C, e a nómina do mes de contratación.
e) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia).
f) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada, anexo I-D.
g) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nada en Galicia, documentación que acredite o vinculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.
h) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) NIF da empresa solicitante.
c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
f) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
g) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia ou certificado de prestacións sociais públicas, según proceda, relativo ás persoas polas que se solicita subvención.
h) Certificado de empadroamento, de ser o caso.
i) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.
j) Informe da vida laboral da persoa traballadora contratada.
k) Contratos de traballo.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no cadro indicado no formulario de solicitude, como figura no anexo I-A e anexo I-D, e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración expresa doutras axudas (Anexo I-E)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 22 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 24 do 2 de febreiro de 2018).
-
Extracto da Orde do 22 de decembro 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 24 do 2 de febreiro de 2018).
-
Corrección de erros. Orde do 22 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 32 do 14 de febreiro de 2018).
-
Resolución do 13 de novembro de 2018, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se publica a modificación orzamentaria da Orde do 22 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 221 do 20 de novembro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Accións formativas para o emprego dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas.
Prazo aberto: 16/07/2025 00:00 - 01/12/2025 23:59
Cualificación iniciativas de emprego.
Aberto todo o ano
Cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT).
Aberto todo o ano
Incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica-IEBT.
Prazo aberto: 21/04/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59