Guía de procedementos e servizos

TR341Y

Axudas para o reequilibrio financeiro dos CEEIS e EIL especialmente afectados pola crise do COVID-19.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 18/02/2021 00:00 - 17/03/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e das empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19 (procedemento TR341Y).

2. Deste xeito, coa finalidade de consolidar os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, poderase conceder unha axuda de carácter excepcional e extraordinaria destinada a equilibrar e reestruturar financeiramente estas entidades que lles permita acadar niveis de produtividade e rendibilidade que garantan a súa viabilidade e estabilidade.

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde os CEEIS e as EIL que cumpran os seguintes requisitos:

a) Figurar inscritos como tales nos rexistros correspondentes:

– No caso de CEEIS, deben estar inscritos no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento, cunha antigüidade mínima de 42 meses na data de presentación da solicitude.

Na data da solicitude, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto. Ademais, os CEE deben ter recoñecido polo rexistro administrativo de CEE a súa condición de CEE sen ánimo de lucro ou de iniciativa social.

– No caso de EIL, deben estar inscritas no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, e ter o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima de 42 meses na data de presentación da solicitude.

b) Ter presentadas as contas anuais dos últimos tres anos (2017, 2018 e 2019) no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Fundacións ou no Rexistro de Asociacións, segundo corresponda.

No suposto de non estaren obrigadas a presentar as contas en ningún destes rexistros, deberán ter aprobados o balance e conta de resultados pola súa asemblea xeral.

c) Acreditar perdas no ano 2020, nos centros de traballo de Galicia, que poñan en perigo o mantemento dos postos de traballo, como consecuencia do impacto producido pola crise do COVID-19. No caso de CEE sen personalidade xurídica propia, as perdas deberán referirse unicamente á actividade do CEE.

2. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias:

a) As empresas incursas en causa de disolución ou en crise, segundo o establecido nos artigos 363 da Lei de sociedades de capital e 2 do Regulamento UE nº 651/2014, respectivamente. En consonancia co sinalado no artigo 13 da Lei 3/2020, do 18 de setembro, de medidas procesuais e organizativas para facer fronte á COVID-19 no ámbito da Administración de xustiza, para determinar a concorrencia da causa de disolución prevista no artigo 363.1.e) da Lei de sociedades de capital non se tomarán en consideración as perdas do exercicio 2020.

b) Os CEE e EIL en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Os CEE e EIL excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de ter unha xestión diferenciada, deberán levar unha contabilidade separada desa entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

e) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

f) As EIL que non cumpran coa porcentaxe mínima de persoas en situación ou risco de exclusión social contratadas respecto do total do cadro de persoal conforme o estipulado na Lei 44/2007, do 13 de decembro (30 % os 3 primeiros anos de actividade e 50 % a partir do cuarto ano).

g) Os CEE e EIL que non estean a aplicar o convenio colectivo que resulte de aplicación preceptiva.

h) Os CEE e EIL que non estean ao día nas súas obrigas rexistrais, segundo o establecido nos decretos 200/2005, do 7 de xullo, e 156/2007, do 19 de xullo.

3. A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que non concorren nelas as circunstancias sinaladas nas letras a), b), c), d), e), f) e g) do punto 2 deste artigo para poderen obter a condición de beneficiarias das axudas realizarase mediante a declaración responsable que se inclúe no anexo de solicitude (anexo I).

O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade desas declaracións.

O cumprimento da condición sinalada na letra h) do punto 2 será verificada de oficio polo órgano instrutor.

4. Os CEEIS ou EIL que perciban estas axudas non poderán volver obtelas ata transcorridos tres anos desde a data de concesión.

Obrigas das entidades beneficiarias.

1. Son obrigas xerais das entidades beneficiarias das subvencións as seguintes:

a) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que deberán achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e a realizar a proposta de pagamento da subvención.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

De acordo con esta obriga, as entidades beneficiarias deberán anunciar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo que están sendo subvencionadas pola Xunta de Galicia. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público que inclúa o nome do centro e o logotipo da Xunta de Galicia.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Someter a auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio en que recibisen subvencións ou axudas públicas por un importe total acumulado superior a 600.000 €, e naqueles exercicios en que se realicen operacións ou se executen investimentos correspondentes ás ditas subvencións ou axudas, conforme o establecido no texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, e o regulamento que o desenvolve, aprobado polo Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro.

j) Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

2. Ademais das recollidas con carácter xeral no punto anterior, as entidades beneficiarias das axudas terán as obrigas seguintes:

a) Manter a actividade económica e o emprego durante 6 meses posteriores á concesión da axuda.

Non se considerará incumprido este compromiso cando o contrato de traballo se extinga por algunha das causas seguintes:

– Por despedimento disciplinario declarado como procedente, dimisión, morte, xubilación ou incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora.

– Polo fin do chamamento das persoas con contrato fixo-descontinuo, cando este non supoña un despedimento senón unha interrupción do contrato.

– No caso de contratos temporais, cando o contrato se extinga por expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto ou cando non se poida realizar de forma inmediata a actividade obxecto de contratación.

– No caso de extincións de contrato de persoas traballadoras con discapacidade (no caso de CEEIS) ou en inserción (no caso de EIL) que se incorporen a unha empresa ordinaria ou que inicien unha actividade por conta propia.

– No caso de EIL, os contratos de inserción que acaden os tres anos de duración.

b) Presentar, ante o órgano concedente da axuda, as contas do exercicio 2020 debidamente depositadas no rexistro correspondente ou, de ser o caso, aprobadas pola asemblea xeral, conforme o establecido no artigo 5.1.b) desta orde, antes do 30 de setembro. No caso de que por disposición legal ou regulamentaria a data límite para o seu depósito ou aprobación sexa maior, deberá presentalas no prazo de 10 días desde que se efectúe o dito depósito ou aprobación. No suposto de entidades que dispoñan de centros de traballo en máis dunha comunidade autónoma ou de CEE sen personalidade xurídica propia, deberán presentar o balance e a conta de perdas e ganancias definitivas do ano 2020, segundo o anexo II, revisada, verificada e asinada por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, relativa aos centros de traballo do CEE ou EIL de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Edificio administrativo San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545679

Email: economiasocial.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

18/02/2021 00:00 - 17/03/2021 23:59

O prazo de presentación das solicitudes é dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude, que deberá estar acompañada da documentación complementaria sinalada nesta orde.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación rexistral acreditativa de ter depositado as contas anuais dos tres últimos exercicios, segundo o establecido no artigo 5.1.b) desta orde. No suposto de non estar obrigadas a depositar as contas, deberán achegar certificación da aprobación do balance e conta de resultados pola asemblea xeral.

b) Contas anuais de 2019 debidamente rexistradas ou aprobadas conforme o requirido no artigo 5.1.b).

c) Anexo II relativo aos estados contables provisionais da solicitante respecto da anualidade 2020, mediante o cal deberá acreditar o cumprimento do requisito sinalado no artigo 5.1.c). No suposto de entidades que dispoñan de centros de traballo en máis dunha comunidade autónoma ou de CEE sen personalidade xurídica propia, este estado contable provisional debe referirse unicamente aos centros de traballo do CEE ou EIL de Galicia. Este anexo deberá presentarse debidamente asinado polo representante ou polo responsable económico-financeiro da entidade.

d) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. O Informe sobre as aperturas de centro de traballo comunicadas á autoridade laboral obterao de oficio o órgano instrutor.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19 (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2021).

    • Extracto da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19 (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2021).

    • Corrección de erros. Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19 (DOG nº 37 do 24 de febreiro de 2021).

    • Resolución do 10 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e das empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise da COVID-19 (código de procedemento TR341Y) (Diario Oficial de Galicia número 32, do 17 de febreiro de 2021) (DOG nº 118 do 23 de xuño de 2021).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano