Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR341K
Programa de axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Subvencionar os custos salariais e de seguridade social por conta da empresa, derivados da contratación indefinida das persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, previstas no artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, como instrumentos de modernización destes servizos de axuste.
A finalidade deste programa é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nos capítulos II a IV desta orde. Igualmente, os centros de traballo para os que se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito decreto, admitíndose a efectos desta subvención os centros de traballo que teñan presentada a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.
En todo caso, para o pagamento das axudas será necesario acreditar a dita cualificación e a inscripción da entidade e dos centros de traballo no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a condición de CEE de iniciativa social cando proceda.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios:
a) Os CEE en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
b) Os CEE excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
c) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.
d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de ter unha xestión diferenciada, deberán levar unha contabilidade separada da dita entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.
e) Os CEE que non estean ao día nas obrigas rexistrais, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.
3. A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), b), c) e d) do apartado 2 deste artigo para poder obter a condición de beneficiarias das axudas realizarase mediante declaracións responsables que se inclúen nos anexos de solicitude de cada procedemento (anexos I, II, III e IV).
O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade das ditas declaracións.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Subdirección Xeral de Economía Social
Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544716/ 981957727
Fax: 981544678
Email: secretaria-xeral.emprego@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
15/02/2024 00:00 - 14/03/2024 23:59
O prazo de presentación das solicitudes para cada un dos programas previstos nesta orde establecerase en cada convocatoria de axudas e será dun mes.
O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan neste programa os CEE da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran, ademais dos requisitos sinalados no artigo 3, os seguintes:
a) Que formen parte do seu cadro de persoal as persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2, letras a) e b), desta orde.
b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional, que teñan a composición establecida no artigo 31 desta orde.
Solicitudes.
1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas regulados nos capítulos II, III e IV desta orde.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados que se publicarán con cada convocatoria de axudas como anexos I, II, III e IV (segundo o tipo de axuda de que se trate) e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación complementaria sinalada para cada un dos programas de axudas definidos nestas bases reguladoras.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se alguna das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social a persoa solicitante.
e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a persoa solicitante.
f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria a persoa solicitante.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.
j) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, de ser o caso.
k) Consulta dos contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.
l) Informe da vida laboral das persoas polas cales se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias da subvención, de ser o caso.
m) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas cales se solicita a subvención e/ou ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.
n) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE destinatarias finais da subvención, de ser o caso.
o) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas cales se solicita a subvención, cando lles sexa de aplicación esta circunstancia.
p) Titulacións universitarias/non universitarias.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os devanditos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Documentación complementaria. Programa I. Programa de axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:
a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.
b) Memoria asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE que recolla os seguintes datos:
1º. Titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo e actividades que desenvolve.
2º. Cumprimento ou non dos seus obxectivos económicos e de axuste persoal e social durante o exercicio anterior e, de ser o caso, as causas que motivaron o incumprimento.
3º. Composición da unidade de apoio e funcións que vai realizar cada unha das persoas que a integran conforme o establecido no artigo 27 desta orde, con indicación da xornada de traballo que dedicarán a cada unha das funcións descritas.
4º. Obxectivos que se pretenden conseguir coa unidade de apoio e recursos de que se dispón.
5º. Modelos de cronogramas, follas de verificación ou seguimento, indicadores de resultados ou calquera outra ferramenta que empregará o centro para avaliar a realización e consecución dos obxectivos descritos.
c) Certificación segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, en que se relacionarán alfabeticamente por apelidos as persoas con discapacidade atendidas pola unidade de apoio e as persoas que compoñen a unidade de apoio á actividade profesional.
d) A relación das persoas indicadas na letra anterior en formato editable (folla de cálculo).
e) Documentación complementaria relativa ao persoal con discapacidade con especiais dificultades definidas no artigo 5.2, que será atendido pola unidade de apoio:
1º. Certificación de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.
2º. Resolución ou certificación na cal figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente.
f) Documentación complementaria relativa ao persoal indefinido que forma parte da unidade de apoio á actividade profesional e polo que se solicita a subvención:
1º. Currículo e outros documentos que acrediten a súa formación e/ou experiencia.
2º. Informe de datos para a cotización (IDC) da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
g) Anexo V: autorización para o tratamento de datos das persoas con discapacidade do CEE que van ser atendidas pola unidade de apoio e das persoas que forman parte da unidade de apoio á actividade profesional, que terá validez para todas as fases da subvención e durante todo o período subvencionable.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 5 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (DOG nº 32 do 14 de febreiro de 2024).
-
Extracto da Orde do 5 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Programa I: subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (DOG nº 32 do 14 de febreiro de 2024).
-
Corrección de erros. Orde do 5 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M) (DOG nº 53 do 14 de marzo de 2024).
-
Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 5 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M) (DOG nº 249 do 27 de decembro de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais
Aberto todo o ano
Remisión polas entidades prestadoras de servizos sociais de reclamacións presentadas no seu libro de reclamacións
Aberto todo o ano
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de escolas de tempo libre.
Aberto todo o ano
Recoñecemento oficial dos servizos de información xuvenil.
Aberto todo o ano