Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR332E
Subvención para o financiamento do programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano (código de procedemento TR332E), dirixida á mellora da capacitación e inserción laboral das mulleres das áreas rurais e urbanas.
Constitúe unha actuación incluída no investimento 2, Emprego muller e transversalidade de xénero nas políticas públicas de apoio á activación para o emprego, comprendida no compoñente 23, Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021 e pola Decisión de execución do Consello relativa a aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.
Será obxecto das subvencións reguladas nesta orde a atención personalizada ás mulleres de áreas rurais e urbanas participantes en itinerarios individualizados que combinen accións de diferente natureza, tales como orientación laboral, asesoramento, información, formación, adquisición de competencias e habilidades transversais, que faciliten a inserción laboral e acompañamento no emprego, e teñan por obxecto a súa capacitación e inserción laboral, nos ámbitos que se establecen nos artigos 4 e 5, fortalecendo ao tempo a igualdade efectiva e a non discriminación no acceso ao emprego.
2. As subvencións reguladas nesta orde están suxeitas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos e fitos fixados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e estarán sometidas á plena aplicación dos procedementos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia e demais normativa da Unión Europea aplicable á xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como aos específicos relativos á información e publicidade, verificación e demais impostos pola normativa da Unión Europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento.
3. Así mesmo, estas axudas reúnen as condicións para cualificarse como subvención e están suxeitas á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao seu regulamento, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á súa normativa de desenvolvemento e demais normativa aplicable. Estas axudas non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, favorecendo determinadas empresas ou producións, ao seren as entidades beneficiarias das subvencións administracións públicas, segundo o disposto no artigo seguinte.
Actuacións subvencionables.
1. As subvencións reguladas nesta norma teñen por obxecto o financiamento dos itinerarios individualizados indicados no artigo 1, que desenvolvan as mulleres participantes no Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano durante o seu período de execución plurianual entre os anos 2022 e 2023, que pode estar integrado polas seguintes actuacións:
a) Diagnóstico de empregabilidade e itinerario personalizado de inserción que, logo de acordo persoal de emprego, identificará as actuacións que as participantes desenvolverán ao longo da súa participación no programa e vertebrará a atención que se lles preste, incluíndo o seu calendario de realización, o seu sistema de seguimento e o resultado da súa realización respecto da evolución da súa empregabilidade.
b) Accións de orientación laboral e para facilitar a procura de emprego das participantes: actuacións de sensibilización e para o desenvolvemento de aspectos persoais para a ocupación; técnicas, recursos e ferramentas de procura activa de emprego: procura activa de emprego e preparación de entrevistas de traballo e probas de selección; confección do currículo; información xeral sobre o mercado de traballo e, particularmente, sobre tendencias, oportunidades profesionais, alternativas laborais vinculadas ao territorio prioritariamente nos ámbitos indicados no artigo 5 desta orde; información, asesoramento e motivación para o autoemprego e o emprendemento e a economía social.
c) Accións formativas de cualificación e recualificación profesional, que principalmente versarán sobre contidos relacionados cos ámbitos e actividades profesionais sinalados no artigo 5, que permitan a adquisición de coñecementos técnicos e habilidades adecuadas e suficientes para desempeñar un traballo, formación para o emprego preferentemente neses ámbitos laborais, ou a reciclaxe e actualización de coñecementos, procedementos, tecnoloxías ou novas tendencias, prioritariamente nos ámbitos indicados.
d) Talleres de competencias transversais (alfabetización dixital, traballo en equipo, xestión eficaz do tempo, orientación ao logro, entre outras) e de apoderamento para a integración laboral e social das participantes e o reforzo da igualdade no acceso ao emprego, atendendo ás singulares características do colectivo destinatario do programa.
e) Acompañamento durante o desenvolvemento do itinerario personalizado realizado polas participantes coa finalidade de efectuar o seu impulso e seguimento respecto da mellora da súa empregabilidade, así como acompañamento ao comezo da incorporación laboral.
f) Incentivos para a participante atendida pola contía e condicións reguladas nesta orde.
g) Prospección do mercado laboral do territorio en que se desenvolva o programa, que permita a obtención de información actualizada sobre a situación económica e laboral da contorna, a identificación das necesidades de persoal do seu tecido empresarial e perfís laborais requiridos.
h) Captación de ofertas de emprego, así como a difusión do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano e a proposta da candidatura das participantes para cubrir as vacantes detectadas nas empresas, todo iso coa finalidade de cumprir o obxectivo de inserción laboral previsto no artigo 5.
2. O desenvolvemento das accións, individuais ou colectivas, que conformen os itinerarios personalizados indicados no artigo 1 realizarase preferentemente de acordo cos protocolos previstos no anexo da Orde ESS/381/2018, do 10 de abril, pola que se aproba a Guía técnica de referencia para o desenvolvemento dos protocolos da Carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego.
3. A duración do programa, así como o prazo de execución das actuacións previstas nel, será de 12 meses. Tanto a data de inicio do programa como a da súa finalización estableceranse na resolución de concesión da subvención. Excepcionalmente poderase reducir a duración do programa ata un mínimo de 9 meses cando a data de resolución non permita a finalización do programa antes do 31 de decembro de 2023.
4. Non obstante o anterior, e só para o suposto do cómputo da inserción das mulleres participantes no programa, teranse en conta os tres meses posteriores á data de finalización do programa.
5. Poderán ser obxecto de subcontratación unicamente as accións previstas nas letras c) e d) do punto 1 deste artigo.
a) Entenderase por subcontratación os gastos derivados da contratación con terceiros da execución da formación dirixida ás persoas desempregadas participantes no programa nos termos establecidos nesta orde. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Non se considera subcontratación a contratación directa por parte da entidade beneficiaria do persoal docente para a impartición da formación subvencionada. Por contratación de persoal docente enténdese exclusivamente a contratación de persoas físicas (por conta propia ou allea).
c) Poderán ser obxecto de subcontratación unicamente as actividades de formación incluídas no artigo 4.1.c) e 4.1.d) e ata o límite do 40 % do custo final da actividade subvencionada.
d) A/as entidade/s subcontratada/s deberán presentar unha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do Not Significant Harm-DNSH) no sentido establecido no número 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, segundo o anexo V da orde de convocatoria.
En todo caso, a entidade beneficiaria asume a responsabilidade da execución da actividade subvencionada frente á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Poderán ser beneficiarias da subvención as seguintes entidades:
a) Os concellos de menos de 5.000 habitantes ou as entidades públicas dependentes ou vinculadas cuxa titularidade corresponda integramente a estes, que presenten a súa solicitude de forma individualizada.
b) Tamén poderán ser beneficiarias as mancomunidades de concellos e as agrupacións de concellos, sempre e cando, polo menos o 35 % dos concellos que as conformen teñan menos de 5.000 habitantes. Polo menos un terzo das participantes atendidas deberán ser residentes nun municipio de menos de 5.000 habitantes.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Subdirección Xeral do Servicio Público de Emprego de Galicia
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547224
Email: programas-integrados.traballo.santiago@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
01/04/2022 00:00 - 14/10/2022 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 14 de outubro de 2022. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte.
1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas na presente orde deberán cumprir as obrigas que se establecen no artigo 23 desta orde.
Presentación de solicitudes.
1. As solicitudes de concesión de subvencións dirixiranse á Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade dentro do prazo establecido. As solicitudes presentadas fóra de prazo darán lugar á súa inadmisión.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Unha memoria coa descrición do proxecto para desenvolver no marco do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, empregando obrigatoriamente o modelo que se publica como anexo II e cun máximo de 30 páxinas e que fará referencia, polo menos, aos seguintes puntos:
– Descrición do proxecto para desenvolver o Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano e actuacións subvencionables que compoñen o itinerario personalizado para a atención das participantes do programa.
– Ámbito territorial do programa.
– Medios persoais, materiais e técnicos que se van dedicar ao programa.
– Metodoloxía e ferramentas para levar a cabo as accións (metodoloxía para realizar a diagnose e deseño dos itinerarios personalizados, ferramentas e variables que se considerarán, modelos de itinerarios…).
– Actividades, sectores, familias profesionais en que se pretende actuar, xustificando as necesidades do mercado laboral territorial que pretenden cubrirse e indicando de forma diferenciada os orientados ao desenvolvemento de competencias e empregos verdes, os orientados a competencias e empregos dixitais e os orientados ao desenvolvemento doutras competencias e empregos.
– Cronograma completo do programa e modelo base de calendarización dun itinerario tipo coa ordenación, distribución e periodización das súas posibles accións.
– Obxectivos de atención previstos que especifique o número de mulleres participantes que se van atender, o número e porcentaxe das participantes en itinerarios individualizados orientados ao desenvolvemento de competencias e empregos, ben verdes, ben dixitais.
– Obxectivos de inserción laboral previstos, que non poderán ser inferiores ao 20 % das participantes redondeado por defecto.
– Previsión do orzamento total do programa diferenciando entre subvención solicitada e, se é o caso, achega da entidade beneficiaria con indicación do orzamento destinado, respectivamente, a competencias e empregos verdes e dixitais. Os cálculos deben realizarse tendo en conta que o custo unitario por muller atendida é de 1.715 euros, e o importe adicional que se aboará por muller inserida de 2.500 euros que financiará a un máximo do 20 % das mulleres participantes que se insiran no mercado laboral.
Non se aceptarán memorias que non se presenten segundo o modelo normalizado.
b) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade solicitante mediante copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante. Quedan exceptuadas da presentación destes documentos as entidades locais, agás que concorran en agrupación de concellos constituída a través dun convenio de colaboración, suposto no cal deberán achegar copia del. O dito convenio de colaboración debe reunir o contido recollido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e incluír a mención expresa á realización conxunta do proxecto con indicación das achegas económicas e doutra índole dos concellos agrupados, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, de acordo co exixido no artigo 8.3 in fine da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Para agrupación de concellos, ademais, cada un dos concellos da agrupación, agás a entidade promotora solicitante, deberá presentar unha declaración, asinada pola persoa representante legal de cada un deles, en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais segundo o modelo que se xunta como anexo III.
d) Para as entidades públicas, acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, segundo o modelo que se xunta como anexo IV, ou acta, onde se determine a dita representación.
e) Anexo V de declaración responsable de adecuación ao principio de non causar prexuízo significativo, segundo o establecido no artigo 16 desta orde.
2. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude e soamente para un único proxecto. Os itinerarios individualizados en que se concrete cada proxecto, así como as actividades subvencionables que os configuren, organizaranse de forma que, cando menos, o 35 % das participantes desenvolvan competencias e empregos verdes, e outro 35 % competencias e empregos dixitais. O importe total solicitado por cada entidade beneficiaria non poderá superar o 20 % da dotación dispoñible para a convocatoria establecida no número 2 do artigo 3 desta orde. Ademais, cada proxecto debe incluír como obxectivo de inserción profesional a colocación por conta propia ou allea de, polo menos, o 20 % do total de mulleres participantes a que pretende atender, tendo presente que só se aboará o módulo económico por inserción a un número máximo igual ao dito 20 %.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén na cal se fan constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
c) Que se compromete a dedicar os recursos persoais e materiais apropiados para o desenvolvemento das actuacións previstas no programa.
d) A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude.
A entidade solicitante terá a obriga de presentar ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable, se se lle solicita.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas, responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
d) DNI/NIE, certificación de residencia e vida laboral das mulleres participantes no programa.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario respectivo e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de Solicitude
- Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determi (Anexo IV)
- Iniciación
- Solicitude (Anexo I)
- Fase de Solicitude
- Para agrupacións de concellos, cada un dos concellos da participación, agás a entidade promotora solicitante, deberá presentar unha declaración (Anexo III)
- Memoria explicativa do proxecto (Anexo II)
- Declaración responsable de adecuación ao principio de non causar prexuizo significativo (Anexo V)
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de Xustificación
- Ficha participación (Anexo VI)
- Solicitude anticipo (Anexo VII)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (DOG nº 63 do 31 de marzo de 2022).
-
Extracto da Orde do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (DOG nº 63 do 31 de marzo de 2022).
-
Orde do 22 de agosto de 2022 pola que se modifica a Orde do 21 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (DOG nº 166 do 1 de setembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento da condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas.
Aberto todo o ano
Programa EMEGA
Prazo pechado: 28/08/2024 00:00 - 27/09/2024 23:59
Subvencións mobilidade xeográfica mulleres vítimas de violencia de xénero.
Prazo pechado: 26/10/2024 00:00 - 02/12/2024 23:59
Subvencións a entidades para a contratación de persoal técnico de orientación laboral.
Prazo pechado: 24/01/2025 00:00 - 24/02/2025 23:59