Guía de procedementos e servizos

TR301R

Accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, non financiadas con fondos públicos.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Aberto todo o ano
Sobre o procedemento

Establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento de solicitude, autorización, desenvolvemento, seguimento e control a seguir para a impartición de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, non financiadas con fondos públicos.

Entidades e centros de formación acreditados ou, de ser o caso, inscritos.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral de Formación para o Emprego

Servizo de Planificación da Formación para o Emprego

Edificios Admvos. San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957370 / 881999605

Email: sx.formacionemprego@xunta.gal

https://emprego.xunta.gal/portal/gl/

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: Aberto todo o ano

Esta orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o prazo de presentación das solicitudes estará aberto todo o ano.

1. Poderán acollerse ao disposto nesta norma aquelas entidades e centros de formación acreditados ou, de ser o caso, inscritos, para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, e/ou competencias clave, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.

As entidades solicitantes deberán estar acreditadas ou inscritas para impartir as especialidades formativas no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, que a formación se imparta na modalidade virtual, no correspondente rexistro estatal.

2. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, de instalacións homologadas que permitan a impartición das actividades presenciais das acciones formativas solicitadas.

3. As entidades que soliciten impartir a formación na modalidade virtual deberán contar con autorización previa para a impartición das mesmas ofertas na modalidade presencial.

No caso de contar coa autorización para impartir a oferta presencial, deberá garantirse que se dispón dos requisitos de espazos e recursos necesarios para a súa realización ou, de ser o caso, formalizar un convenio ou acordo público cun centro de formación profesional localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, que, estando acreditado na data de solicitude da autorización para impartir a oferta formativa na modalidade presencial, garanta a presencialidade nos casos necesarios, incluídas, se é o caso, as probas de avaliación final de cada módulo profesional. Estes centros non se poderán modificar durante o desenvolvemento da acción formativa.

O convenio ou acordo de vinculación deberá estar formalizado, vixente e dado de alta no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de resolución favorable da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, con anterioridade á presentación da solicitude de autorización.

4. As entidades autorizadas poderán facer uso da aula virtual, nos termos establecidos nesta orde e nas instrucións que ao respecto publique a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Entenderase por aula virtual, a contorna de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono. A aula virtual terá a consideración de formación na modalidade presencial.

  • Solicitude de autorización para impartir acciones formativas ( 30.57.01)
  • Seguimento, control e avaliación das accións autorizadas ( 30.57.02)

Pode realizar o pago destas taxas na Oficina Virtual Tributaria.

Forma e lugar de presentación das solicitudes e a documentación complementaria.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal, ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

De conformidade co disposto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos establecidos nesta orde, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Caso de que o requirimento afecte só algunha das accións formativas da solicitude, entenderanse como desistidas unicamente estas, continuándose coa tramitación do resto do expediente.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou, se é o caso, de que se produzan modificacións no decreto de estrutura, a aquel órgano administrativo que asuma a competencia.

4. Cada solicitude de autorización poderá incluír ata un máximo de 3 accións formativas.

A solicitude, que incluirá a ficha das accións formativas que se vaian impartir (anexo II), deberá presentarse acompañada da documentación complementaria relacionada no artigo 5 desta orde.

Declaración responsable que forma parte da solicitude.

1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:

a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

b) Que coñece as estipulacións desta orde e que cumpre cos requisitos establecidos nela.

c) Que as dotacións, os equipamentos, os medios materiais, as instalacións, os lugares e as modalidades de impartición das accións formativas serán aqueles para os que está acreditada e/ou inscrita para tal fin, e que son aptas e que cumpren e manterán durante todo o período de impartición das accións formativas as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable.

d) Que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas para as que solicita autorización.

e) Que dispón da documentación que acredita o cumprimento dos anteriores puntos e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida.

f) Que, de acordo co establecido no artigo 1 desta orde, a acción formativa non se financia con fondos públicos do Sistema de formación profesional ou, se é o caso, do Sistema de formación no traballo.

2. A presentación dunha declaración responsable que falsee ou oculte circunstancias que alteren a resolución de autorización poderá ter a consideración de infracción coas posibles consecuencias que se recollen na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Coa finalidade de garantir a veracidade das declaracións responsables contidas neste artigo, poderán realizarse comprobacións durante calquera das fases do procedemento por parte do persoal técnico dos departamentos territoriais da consellería das cales poderán derivarse, se é o caso, as consecuencias sinaladas neste punto para os supostos de falseamento do contido das declaracións responsables.

Se así se encomenda a través do instrumento xurídico correspondente, estas actuacións de comprobación poderán efectuarse a través doutra entidade, pública ou privada.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:

a) Ficha da acción formativa (anexo II).

b) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

c) Acreditación do pagamento da taxa de solicitude de autorización para impartir as accións formativas (código 30.57.01).

Caso de que unha solicitude inclúa a petición de autorización para impartir máis dunha acción formativa, deberá abonarse e achegarse a taxa para cada unha delas.

d) Cando as accións formativas que se solicitan se correspondan con ofertas formativas do grao C, compromiso da subscrición dun convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que terá lugar o módulo de formación en empresa.

e) Memoria explicativa detallada que acredite a viabilidade de impartir mediante aula virtual aqueles contidos do programa formativo que, de ser o caso, estea previsto realizar utilizando este medio complementario e adicional de impartición da acción formativa.

A memoria deberá indicar expresamente que contidos se impartirán mediante aula virtual, a súa duración e datas de realización, así como o calendario de sesións presenciais e de probas de avaliación que se vaian realizar.

f) As entidades de formación que soliciten impartir ofertas formativas na modalidade virtual deberán acreditar que contan con autorización previa para impartilas na modalidade presencial, se é o caso. Esta acreditación non será necesaria en caso de estar dada de alta no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia para impartir as ofertas solicitadas na modalidade presencial.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. De existir discrepancia entre a información contida na solicitude (anexo I) e/ou na ficha da acción formativa (anexo II), en relación coa información achegada no resto de documentación que se vai presentar, será considerada como correcta, para os efectos de tramitar e revisar a solicitude, a alegada nos anexos I e II, con independencia de que para ter validez, esta deba acreditarse documentalmente.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os correspondentes documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, e a presentación de documentación derivada das notificacións practicadas pola Administración deberá adecuarse ao disposto no artigo 8.6 desta orde.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Un mes

Sentido do silencio:

Positivo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 28 de abril de 2025 pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, non financiadas con fondos públicos (DOG nº 91 do 14 de maio de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED301A

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301B

Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301C

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301D

Modificación de autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano