Guía de procedementos e servizos

SI461A

Subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 04/06/2019 00:00 - 03/09/2019 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral o social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.

Así mesmo, convócanse estas subvencións para a anualidade 2019.

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzar ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

4. As subvencións recollidas na presente resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.

2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, a entidade deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2017 ao Consello de Contas de Galicia.

5. Os concellos agrupados ou asociados terán en todo caso a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos indicados nos puntos anteriores, así como as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os concellos integrantes da agrupación ou asociación nomearán unha persoa como representante única que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Secretaría Xeral da Igualdade e que será quen solicite, reciba e xustifique a subvención no nome da agrupación ou asociación.

6. Cada concello só poderá participar nunha solicitude, individual ou conxunta con outros concellos. A inclusión dun concello nunha solicitude conxunta exclúe a posibilidade de presentar unha solicitude individual e de participar con outros concellos noutra solicitude.

No caso de se producir solicitudes simultáneas, individuais e conxuntas, daráselle validez á solicitude conxunta. Nos supostos non previstos, o órgano instrutor poñerao de manifesto á entidade para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido no artigo 5 desta Resolución.

7. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no punto 4 do artigo 5 desta Resolución.

Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requistos e as obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención, e acreditala ante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta resolución e na de concesión.

b) Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión.

c) Aboarlles ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais de Seguridade Social totais, de ser o caso.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

e) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade, nun prazo de 5 días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

g) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta resolución e na Lei 9/2007.

h) Utilizar os documentos de información da subvención ás traballadoras, no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

i) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, poida realizar o persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade.

k) Para os efectos de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos pola Secretaría Xeral da Igualdade, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento do disposto no artigo seguinte.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero

Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero

Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación

San Lázaro s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957268 / 981545361

Email: vx.igualdade@xunta.gal

https://igualdad.xunta.gal

Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Prazo de presentación: PECHADO

04/06/2019 00:00 - 03/09/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Requisitos da contratación.

1. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se encomende a súa execución.

b) Que a duración dos contratos sexa como mínimo de 4 meses.

c) Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 por 100.

d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta resolución, se for o caso.

e) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.

f) Que a entidade local designe unha persoa de apoio para a traballadora ou traballadoras contratada/s que actúe como profesional de referencia no tempo que dure a contratación das ditas traballadoras e que poderá contar pola súa vez con apoio de persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade con formación en xénero.

2. Con independencia da duración do contrato, o período subvencionable será como máximo de 12 meses.

3. Os contratos deberán formalizarse por parte da entidade beneficiaria no prazo de 2 meses desde a notificación da resolución de concesión da subvención e, en todo caso, antes do 31 outubro de 2019.

  • A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

Documentación necesaria para tramitar o procedemento.

  • A solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante, xunto coa seguinte documentación:

    • a) Anexo II: certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

      • 1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

      • 2º. A adopción do acordo de solicitar a subvención.

      • 3º. A disposición de financiamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.

      • 4º. As retribucións salariais brutas das traballadoras a contratar.

    • b) Anexo III (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do secretario ou secretaria do concello representante, en que se fagan constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados ou asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo.

    • c) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

  • b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 103 do 3 de xuño de 2019)

    • Extracto da Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 103 do 3 de xuño de 2019).

    • Resolución do 5 de agosto de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se fai público o esgotamento do crédito para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas (DOG nº 156 do 20 de agosto de 2019).

Outros procedementos relacionados

SI460A

Indemnizacións para vítimas de violencia de xénero.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 23/01/2025 00:00 - 01/12/2025 23:59

SI435B

Axudas e subvencións a entidades locais: Programa de fomento da conciliación.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 17/03/2022 00:00 - 18/04/2022 23:59

SI435C

Axudas e subvencións a entidades locais: Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 13/03/2021 00:00 - 12/04/2021 23:59

SI461B

Subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen animo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 23/04/2025 00:00 - 22/05/2025 23:59