Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SI449B
Axudas económicas ás Anpas destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara as mulleres.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns
Consellería de Política Social e Igualdade
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPA) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPA, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de programas de actividades de promoción da igualdade ente mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios e/ou ás familias, ás ANPA e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
2. Para os efectos desta convocatoria, é compatible a solicitude de axuda por parte dunha asociación de nais e pais coa pertenza a unha federación ou confederación que, así mesmo, solicite subvención.
3. A denominación e o código do procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI449B-Axudas económicas ás ANPA destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención e loita contra a violencia cara as mulleres.
4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, accesibilidade universal e non discriminación.
Gastos subvencionables.
1. Terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións e actividades previstas no artigo 5.1 xerados no período comprendido entre o 1 de maio de 2019 e o 30 de novembro de 2019, que respondan aos seguintes conceptos:
a) Gastos das persoas relatoras (honorarios, aloxamento, transporte) e/ou contratación mercantil ou externa da prestación dunha actividade ou servizo externo (obradoiro, obradoiro de teatro, xornadas, campañas de difusión, ...).
b) Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionada: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación, así como o material de oficina necesario para a súa realización.
c) Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores e outros).
En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación (comidas) e gastos de agasallos.
2. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.
3. Para os efectos da consideración dos gastos como subvencionables e para a súa xustificación deberán axustarse ao seguinte:
a) Reunir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, estar efectivamente realizado no período establecido e pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da subvención.
Así mesmo, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante factura simplificada (antes denominado tícket), como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
b) De acordo co establecido no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria da axuda. Nestes documentos deben quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento, e será conveniente que no concepto se faga constar o número da factura.
No caso de pagamento mediante cheque terá que ser, en todo caso, nominativo e vir acompañado da xustificación bancaria acreditativa do cargo na conta que figure nel.
1. Solicitude individual: poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) legalmente constituídas dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
2. Solicitude conxunta: tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais e a solicitude de dúas ou máis ANPA do mesmo concello que se agrupen para solicitar e xestionar conxuntamente as actuacións obxecto desta convocatoria que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Obrigas das entidades beneficiarias.
As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación, en particular, as seguintes:
1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.
2. En todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.
En todo caso, nos espazos que utilice a entidade e nos lugares de realización das actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela. En ambos casos a información e documentación terá que levar a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualdade e ademais terán que levar o logotipo do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.
3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.
4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade da Coruña
Unidade Administrativa de Igualdade da Coruña
R/ Vicente Ferrer, 2
15071 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881254
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Lugo
Unidade Administrativa de Igualdade de Lugo
Ronda da Murralla, 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294355
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Ourense
Unidade Administrativa de Igualdade de Ourense
Camiño Prazo Lonia, s/n
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386799
Email: igualdade.ourense@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Vigo
Unidade Administrativa de Igualdade de Vigo
Rúa Concepción Arenal, nº 8
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817658
Prazo de presentación: PECHADO
30/05/2019 00:00 - 01/07/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais dos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 respectivamente da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os seguintes:
a) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
b) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As solicitudes de axuda dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Xefatura Territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución e o compromiso do financiamento do custo do programa. Así mesmo conterá o seguinte:
– No caso de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar o número de familias asociadas, con indicación da porcentaxe que representan respecto do total de familias do centro educativo ao que representan, no curso 2018/19.
– No caso de federacións e/ou confederacións de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar a relación nominal de asociacións que as compoñen, no curso 2018/19.
b) Anexo II-bis (só no caso de solicitude conxunta de dúas ou máis ANPA do mesmo concello): certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar os acordos de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución, o compromiso do financiamento do custo do programa e a ANPA representante para os efectos desta convocatoria. Así mesmo conterá o seguinte:
– Para cada unha das ANPA, deberá facerse constar o número de familias asociadas, con indicación da porcentaxe que representan respecto do total de familias do centro educativo ao que representan, no curso 2018/19.
c) Anexo III: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva das actuacións e actividades singularizadas en materia de promoción da igualdade e de prevención de violencia de xénero para as cales se solicita axuda. A memoria descritiva fará referencia aos seguintes aspectos:
• Descrición da/das actividade/s propostas: contido, metodoloxía, medios materiais e persoais previstos, profesorado e/ou implicación do equipo directivo do centro educativo, implicación e/ou participación doutras entidades (locais, ONGs, centros de saúde, etc.) na actividade e persoa ou persoas responsables da súa execución.
• Lugar e data prevista de realización.
• Número estimado de persoas participantes desagregado por sexo.
d) Estatutos vixentes da entidade.
e) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición da actuación subvencionable mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os cinco folios.
Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 101 do 29 de maio de 2019).
-
Extracto da Resolución do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 101 do 29 de maio de 2019).
-
Resolución do 6 de agosto de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 20 de maio de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 156 do 20 de agosto de 2019).
-
Resolución do 27 de setembro de 2019, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI449B) (Diario Oficial de Galicia número 101, do 29 de maio) (DOG nº 197 do 16 de outubro de 2019).
-
Resolución do 27 de setembro de 2019, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI449B) (Diario Oficial de Galicia número 101, do 29 de maio) (DOG nº 197 do 16 de outubro de 2019).
-
Corrección de erros. Resolución do 27 de setembro de 2019, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI449B) (Diario Oficial de Galicia número 101, do 29 de maio) (DOG nº 207 do 30 de outubro de 2019).
-
Resolución do 27 de setembro de 2019, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI449B) (Diario Oficial de Galicia número 101, do 29 de maio) (DOG nº 197 do 16 de outubro de 2019).
-
Resolución do 27 de setembro de 2019, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 20 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI449B) (Diario Oficial de Galicia número 101, do 29 de maio) (DOG nº 197 do 16 de outubro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano