Guía de procedementos e servizos

SI427B

Axudas e subvencións a entidades locais: Programa de CIM.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Entidades locais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 23/01/2018 00:00 - 22/02/2018 23:59

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2018 as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, para o desenvolvemento de programas, actividades, actuacións e medidas para facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, o tratamento integral da violencia de xénero, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural, así como para consolidar o funcionamento de servizos de atención integral de información e asesoramento ás mulleres no territorio, co fin de prestarlles unha atención e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación sociolaboral ás mulleres, en particular a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou se atopen nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.

Coa dita finalidade establécese o seguinte programa:

- Programa de apoio aos centros de información á muller, en diante, Programa de apoio aos CIM (SI427B).

Programa de apoio aos centros de información á muller(CIM): accións subvencionables e contía da axuda.

1. Ao abeiro deste programa financiaranse as actuacións desenvolvidas nos CIM en relación coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, de acordo co establecido na disposición adicional única desta resolución. Co dito obxecto, para reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan estes servizos, serán subvencionables:

1.1. A existencia no cadro de persoal ou na relación de postos de traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, en concreto para os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Cando as prazas ou os postos antes referidos non se atopen ocupados con carácter definitivo por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido, a entidade deberá presentar xustificación razoada da motivación que lle impide tal cobertura. Con carácter xeral só se admitirá como xustificación a cobertura por persoal funcionario interino, baixas por enfermidade ou similares, as que deriven da aplicación da lexislación vixente, ou por estar en curso o proceso de oposición ou concurso correspondente.

1.2. A contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, sempre que a entidade local non conte con persoal que preste servizos no CIM para a realización das correspondentes funcións.

2. Cada entidade local deberá solicitar axuda para os diferentes postos do CIM nunha única solicitude. En primeiro lugar, atenderase ao financiamento dos postos necesarios para o normal funcionamento do CIM segundo o disposto no artigo 10 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, e o crédito restante destinarase ao financiamento dos postos de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

3. O número mínimo de usuarias con atención individualizada e con atención continuada establécese segundo a poboación do ámbito territorial do CIM, de acordo co seguinte:

a) Máis de 15.000 habitantes: o número de usuarias con atención individualizada terá que ser como mínimo de 100 mulleres en situación de vulnerabilidade, das cales cando menos 15 deberán ter unha atención continuada e de seguimento, cun mínimo de 3 intervencións.

b) Entre 5.001 e ata 15.000 habitantes: o número de usuarias con atención individualizada terá que ser como mínimo de 40 mulleres en situación de vulnerabilidade, das cales cando menos 6 deberán ter unha atención continuada e de seguimento cun mínimo de 3 intervencións.

c) Ata 5.000 habitantes: o número de usuarias con atención individualizada terá que ser como mínimo de 20 mulleres en situación de vulnerabilidade, das cales cando menos 4 deberán ter unha atención continuada e de seguimento cun mínimo de 3 intervencións.

Para estes efectos teranse en conta as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2017, fonte IGE.

4. Serán gastos subvencionables os custos directos de persoal que desenvolva funcións no CIM correspondentes ao tempo efectivo de traballo dedicado a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, nos termos establecidos no artigo 9.1. a) e segundo resulta do previsto no artigo 8 desta Resolución.

Serán subvencionables os custos de persoal xerados entre o 1 de abril de 2018 e ata o 31 de marzo de 2019.

As entidades beneficiarias deberán identificar e xustificar de maneira independente os gastos directos de persoal, segundo as horas efectivamente traballadas dedicadas a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, que se imputarán en cada exercicio. Os gastos de persoal correspondentes ao período comprendido entre o 1 de abril de 2018 ata o 30 de novembro de 2018 imputaranse ao exercicio 2018, e os gastos correspondentes ao período comprendido entre o 1 de decembro de 2018 ata o 31 de marzo de 2019, ao exercicio 2019.

5. Para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención establécense custos unitarios por hora efectivamente traballada dedicada a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, así como contías máximas en atención ao posto ou función que se vaia realizar, a dedicación ao CIM a tempo completo ou a tempo parcial e ao tipo de relación ou vinculación coa entidade beneficiaria, así como unha contía máxima global, segundo o seguinte:

5.1. Para os postos de dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica coas funcións establecidas, respectivamente, nos artigos 11, 12 e 13 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, ocupados con carácter definitivo por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido, cando ocupen postos ou prazas existentes no cadro de persoal ou RPT, ou coas particularidades previstas no punto 1.1 anterior.

O custo unitario por hora efectivamente traballada dedicada a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade será de 19,86 euros, ata un máximo de 1.720 horas, correspondente a unha dedicación dun ou dunha profesional a tempo completo durante un período de doce meses, de acordo co previsto no artigo 68.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Cando a dedicación ao CIM sexa a tempo completo, a contía máxima da axuda será de ata 30.000 euros e cando sexa a tempo parcial será de ata 18.000 euros. En todo caso, a xornada da dirección do CIM terá que realizarse  nos termos establecidos no apartado a) do artigo 10.1 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

Cando se teña que recorrer á contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica establecidos no Decreto 130/2016, aplicarase o custo hora correspondente e a contía máxima da axuda será de 14.000 euros.

5.2. Para os postos de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero ocupados con carácter definitivo por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido, dos grupos A1, A2, C1 ou equivalente, cando ocupen postos ou prazas existentes no cadro de persoal ou RPT, e coas particularidades previstas no punto 1.1.

O custo unitario por hora efectivamente traballada, segundo se requira titulación universitaria ou non para o desenvolvemento das funcións que se lle asignen, será o seguinte:

- titulación universitaria: 16,98 €/hora

- sen titulación: 14,13 €

Ao custo unitario por hora efectivamente traballada dedicada a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade aplicarase ata un máximo de 1.720 horas, correspondente a unha dedicación dun ou dunha profesional a tempo completo durante un período de doce meses, segundo o previsto no artigo 68.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

A contía máxima da axuda será de ata 25.000 euros por posto ocupado a tempo completo e de 15.000 euros, cando se ocupe a tempo parcial.

Cando se teña que recorrer á contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, aplicarase o custo hora correspondente e a contía máxima da axuda será de 12.000 euros.

5.3. A contía total máxima de axuda que se pode conceder ao abeiro do Programa de apoio aos CIM é de 45.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.

6. O importe da axuda calcularase aplicando ao custo unitario polas horas estimadas de traballo efectivo dedicadas ao CIM en tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, a porcentaxe que resulte da puntuación obtida segundo o establecido no artigo 15 desta resolución, cos límites de axuda máxima que correspondan segundo o indicado no punto 5 anterior ou, de ser inferior, da contía solicitada.

7. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas de traballo, en cada un dos períodos previstos no apartado 4 do artigo 8, tidas en conta para a determinación da contía do gasto subvencionable ou cando o número de persoas usuarias con atención individualizada sexa inferior ao numero mínimo previsto no punto 3 deste artigo, segundo o número de poboación do ámbito territorial do CIM.

Así mesmo, cando o número de usuarias con atención individualizada sexa inferior en máis dun 30 % ás declaradas na solicitude e sempre que se acade o número mínimo previsto no punto 3 deste artigo, a subvención concedida será minorada nun 2 %.

No caso de concorrer máis dunha destas causas de minoración, a que supoña menor importe entenderase subsumida na de contía superior.

En todo caso, non se xerará dereito ao cobramento da subvención e procederá o reintegro do anticipo cando as xustificacións non acaden como mínimo o 50 % das horas previstas como efectivamente traballadas ou o 50 % do número mínimo de usuarias con atención individualizada, ou cando non se cumpra o número de atencións continuadas exixidas cun mínimo de tres intervencións segundo o indicado no punto 3 do artigo 8 desta resolución.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade

Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545369

Email: igualdade@xunta.es

http://www.mulleresengalicia.es

Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade

Prazo de presentación: PECHADO

23/01/2018 00:00 - 22/02/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

- Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións, comúns ou específicos de cada uns dos programas de axuda ou derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida dun proxecto ou servizo.

- Ademais do anterior, para poder ser beneficiaria das subvencións correspondentes ao programa de apoio aos CIM, a entidade local ten que ser titular dun centro de información á muller (CIM) acreditado segundo o establecido no Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.

Poderase presentar solicitude individual ou conxunta para a xestión compartida da prestación deste servizo, mediante a agrupación ou asociación das entidades locais titulares de CIM ou con outros concellos que non o teñan acreditado.

- Por outra banda, para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2016 ao Consello de Contas de Galicia e, ademais, no caso dos CIM ter presentada a memoria de funcionamento anual do CIM correspondente ao ano 2017 ante a Secretaría Xeral da Igualdade, segundo os termos e prazos establecidos no artigo 14 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

- Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Solicitudes de xestión compartida: requisitos e condicións.

1. Para estes efectos, terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren varios concellos.

2. Os concellos que se agrupen ou asocien para o programa de prevención da violencia de xénero ou para o de conciliación, así como os titulares de CIM que se agrupen entre eles ou ben con outros concellos non titulares, deberán:

a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor. A Secretaría Xeral da Igualdade, a través do seu portal, publicará un ou varios modelos de convenio relativos á xestión compartida, de forma conxunta, agrupada ou asociada, que terán carácter orientativo.

Se non se achega o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase que desiste da súa solicitude. Non obstante, para o caso de que se trate dunha solicitude do programa de apoio aos CIM, poderase tramitar como solicitude individual do CIM sempre que o manifeste expresamente e por escrito no dito prazo.

b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Secretaría Xeral da Igualdade, que será a que reciba e xustifique a subvención. No caso dos agrupamentos para a prestación do servizo CIM, a representación corresponderá á persoa titular da alcaldía dun concello que teña acreditado o CIM.

c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.

d) Os concellos agrupados ou asociados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e os que participan no proxecto ou servizo para o cal se solicita subvención.

4. Procederá a exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes de xestión compartida nas cales non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para a cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Sen prexuízo do anterior, considerarase que cumpren o requisito de xestión compartida os agrupamentos para a prestación do servizo de CIM. No programa de prevención da violencia de xénero e no de conciliación, mesmo de se realizaren actuacións independentes en cada concello, considerarase cumprido este requisito cando na memoria xustificativa se acrediten os beneficios da solicitude conxunta, tales como licitacións conxuntas, razóns de economía de escala, racionalización do gasto, criterios de eficiencia e eficacia e colaboración técnica e administrativa, entre outros.

Nos supostos de mancomunidades e consorcios, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

  • Solicitude segundo o Anexo I.3, acompañada da seguinte documentación:

    • Anexo II (certificación sobre o acordo de solicitar a subvención).

    • Anexo II-bis (certificación relativa aos concellos agrupados ou asociados), só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos.

    • Anexo IV.1 (memoria descritiva do funcionamento do CIM).

    • Anexo IV.2 (ficha individualizada do persoal do CIM).

    • Memoria de aforro de custos, só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades ou consorcios.

  • DOCUMENTACIÓN PRESENTADA CON ANTERIORIDADE (presumirase que a consulta é autorizada) 

    • Convenio de colaboración, só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 29 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (DOG nº 15 do 22 de xaneiro de 2018).

    • Resolución do 3 de abril de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se procede á publicación dos requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018 (DOG nº 76 do 19 de abril de 2018).

    • Resolución do 12 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as subvencións previstas na Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018 (DOG nº 118 do 21 de xuño de 2018).

    • Resolución do 25 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018 (SI435B, SI435A, SI427B) (Diario Oficial de Galicia número 15, do 22 de xaneiro) (DOG nº 128 do 5 de xullo de 2018).

    • Resolución do 5 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as subvencións previstas na Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018 (DOG nº 134 do 13 de xullo de 2018).

    • Resolución do 16 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía por segunda vez a dotación orzamentaria da Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018 (SI435B, SI435A, SI427B) (Diario Oficial de Galicia número 15, do 22 de xaneiro de 2018) (DOG nº 142 do 26 de xullo de 2018).

    • Resolución do 27 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as subvencións previstas na Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018 (DOG nº 151 do 8 de agosto de 2018).

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS308A

Inclusión no censo de entidades xuvenís.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano