Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
SA463H - Procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e os trastornos adictivos, e atención ás persoas con maior vulnerabilidade pola infección polo VIH, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden a fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e outros trastornos adictivos, e a atención ás persoas con maior vulnerabilidade pola infección da VIH con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Consellería de Sanidade (código de procedemento SA463H).
O contido dos programas, que se desenvolverán durante o ano 2019, deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas no artigo 3 desta orde, de conformidade coa tipoloxía de cada programa recollido no anexo I.
Liña I. Prevención dos trastornos adictivos e de redución do dano asociado .
Enténdense por prevención e redución do dano as actuacións que fomentan a conciencia social sobre a importancia que teñen os problemas, os danos e os custos persoais derivados do consumo de substancias psicoativas. Ademais, tamén teñen esta consideración as actividades que buscan aumentar as capacidades e habilidades de resistencia á oferta destas substancias e aos comportamentos problemáticos derivados delas.
Serán obxecto de subvención os seguintes programas:
a) Programas de prevención escolar universal.
b) Programas de sensibilización, información e apoio a familias.
c) Programas comunitarios de prevención de consumo de drogas na poboación xuvenil.
d) Programas de atención a drogodependentes en situación de emerxencia social.
Liña II. Incorporación social e inserción sociolaboral de persoas con trastornos adictivos .
Enténdese por incorporación social o proceso de socialización personalizado e flexible, constituído por accións e intervencións que pretenden implicar activamente, responsabilizar, promover e facilitar ás persoas a súa autonomía, desenvolvemento e benestar social, participación e capacidade crítica coa súa contorna. Neste sentido, inclúe diferentes ámbitos ou dominios (persoal, familiar, laboral, etc.), nos cales o laboral é importante, pero non o principal ou o único.
Serán obxecto de subvención os seguintes programas:
a) Programas de incorporación social como apoio ao tratamento das persoas diagnosticadas dun trastorno adictivo realizados en vivendas supervisadas. Estes programas se desenvolveranse coordinadamente cos equipos das unidades asistenciais de drogodependencias.
b) Programas dirixidos á procura de emprego das persoas cun trastorno adictivo, mediante a adquisición de valores, competencias e habilidades.
c) Programas de inserción social e laboral destinados a persoas reclusas ou exreclusas con trastornos adictivos.
d) Programas de incorporación social de apoio ao tratamento e reinserción de pacientes estabilizados.
Liña III. Atención integral ás persoas con trastornos adictivos .
O tratamento das adiccións non só reduce os danos sociais e sobre a saúde asociados ao consumo de substancias e a determinadas condutas adictivas, senón que tamén diminúen o seu consumo e os custos asociados. A investigación científica e a práctica clínica demostran o valor da atención continuada, integral e multidisciplinar no tratamento da adicción, entendendo por integral a atención que aborda simultaneamente os aspectos biolóxicos, psicolóxicos e sociais da adicción.
O tratamento da adicción debe axudar ás persoas para deixar de consumir drogas, ou evitar a conduta adictiva e, polo menos, reducir os danos asociados a ese consumo ou conduta, e lograr un funcionamento produtivo na familia, no traballo e na sociedade.
Serán obxecto de subvención os seguintes programas:
a) Os destinados fundamentalmente ao tratamento e á rehabilitación (recuperación funcional) de persoas con trastornos adictivos que precisan atención de forma intensiva, en unidades de día e comunidades terapéuticas. Atendendo ao grao de especialización, o acceso de pacientes a estes dispositivos debe ser coordinado cos dispositivos especializados na atención ás condutas adictivas.
b) Aqueles que favorezan unha atención integral e de calidade mediante a incorporación dalgunha das seguintes actuacións:
• A coordinación da rede de tratamento de adiccións co sistema sociosanitario.
• A mellora no tratamento e no seguimento realizado por parte dos servizos sanitarios e sociais das persoas con adiccións crónicas e de maior idade.
• O desenvolvemento de programas dirixidos a poboación vulnerable en coordinación co sistema de servizos sociais e outras institucións.
c) Aqueles que consoliden a atención ás novas adiccións (con e sen substancia).
d) Os que implementen recursos e programas para a atención a patoloxía dual.
e) Os que fomenten a atención integral ás persoas con adiccións incorporando os condicionantes de xénero e que promovan os tratamentos centrados nas mulleres con trastornos adictivos e aos seus perfís de consumo, con base en intervencións integrais que, no caso dos psicofármacos, consideren aspectos ligados á prescrición e alternativas de tratamento non farmacolóxico.
f) Os centrados en mellorar a atención sociosanitaria prestada aos menores con trastornos adictivos e as súas familias.
Liña IV. Atención as persoas con máis vulnerabilidade pola infección polo VIH .
As persoas que viven co VIH en situación de máis vulnerabilidade, así como a súa contorna familiar, adoitan ter necesidades de asistencia sociosanitaria que dificilmente pode ser prestada polo sistema asistencial ordinario. Por esta razón os programas de entidades sen ánimo de lucro que traballan con estes pacientes e as súas familias van proporcionar un apoio moi importante en aspectos relacionados coa adherencia aos tratamentos, acompañamentos aos dispositivos sanitarios e sociais e fortalecemento das medidas de prevención e resolución de problemas de integración do medio familiar.
Serán obxecto de subvención os seguintes programas:
a) Programas de prevención e asistencia sociosanitaria dirixidos ás persoas máis vulnerables á infección polo VIH, así como á súa contorna familiar.
b) Programas de loita contra a estigmatización das persoas que viven co VIH.
c) Programas de formación e inserción laboral de persoas co VIH.
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas, as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e outras organizacións, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas, polo menos, con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. A/as entidade/s solicitante/s deberá/n de estar inscrita/s no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) e no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes establecido no artigo 7.3. En todo caso, a entidade deberá estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.
b) Carecer de ánimo de lucro.
c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización das actividades consideradas subvencionables.
f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico deberán de solicitar as axudas a través destas.
g) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materiais necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto anterior.
b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se aplicará a cada un deles.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.
4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Servizo Galego de Saúde (SERGAS)
Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria
Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental
Servizo de Atención a Saúde Mental e Integración Psicosocial e Trastorno Mental Grave
Edificio Admtvo. San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881541821
Email: saudemental.drogodependencias@sergas.gal
Servizo Galego de Saúde (SERGAS)
Orde do 6 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e os trastornos adictivos, e atención ás persoas con maior vulnerabilidade pola infección polo VIH, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas (DOG nº 216 do 13 de novembro de 2018).
Extracto da Orde do 6 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e os trastornos adictivos, e atención ás persoas con maior vulnerabilidade pola infección polo VIH, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas (DOG nº 216 do 13 de novembro de 2018).
Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se procede á publicación das subvencións concedidas en virtude da Orde do 6 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e os trastornos aditivos, e atención ás persoas con maior vulnerabilidade pola infección polo VIH, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas (DOG nº 56 do, 21 de marzo de 2019).
Prazo de presentación: PECHADO
14/11/2018 00:00 - 13/12/2018 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.
-
As entidades deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
-
a) Unicamente para o caso previsto no punto 2 do artigo 10, os documentos sinalados no seu punto 1.
-
b) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro administrativo da Comunidade Autónoma ou que no dito rexistro esta se atribúa a persoa distinta á designada.
-
c) Documento dos compromisos de execución asumidos por cada membro, e importe da subvención que se aplicará a cada un no caso das agrupacións sen personalidade xurídica.
-
d) Memoria explicativa de cada programa respecto do cal se solicita subvención, segundo o modelo do anexo III.
-
-
e) Documento específico para valoración das entidades (anexo IV).
-
f) Documento específico para valoración dos programas (anexo V).
-
g) Estatutos da entidade debidamente dilixenciados.
-
Comprobación de datos.
1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
-
a) NIF da entidade solicitante.
-
b) DNI ou NIE da persoa representante.
-
c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
-
d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.
-
e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
-
As entidades deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo II dirixida á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, que se acompañará da documentación complementaria indicada no artigo seguinte. A súa presentación implica a aceptación da totalidade de prescricións previstas nesta orde, así como na demais normativa aplicable.
-
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
-
Na solicitude (anexo II) asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta orde e demais normativa aplicable:
-
a) Identificación do solicitante, do/da representante, enderezo electrónico para notificacións, datos bancarios.
-
b) Os datos do/dos programa/s respecto do/dos cales se solicita subvención: denominación, liña e importe solicitado.
-
c) Declaracións sobre:
-
1º. Outras subvencións solicitadas ou concedidas, veracidade dos datos, inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiario, cumprimento de requisitos, coñecemento de obrigas e acordo coas actuacións de control.
-
2º. Que todo o persoal contratado que vai participar no proxecto non foi condenado por sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, así como que as persoas voluntarias que van participar no proxecto e que están relacionadas con menores de idade non teñen antecedentes penais non cancelados por delitos de violencia doméstica ou de xénero, por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou dos/das fillos/as, ou por delitos de tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, ou por delitos de terrorismo en programas cuxas persoas destinatarias fosen ou poidan ser vítimas destes delitos, en aplicación do previsto no artigo 8.4 da Lei 45/2015, do 14 de outubro, de voluntariado.
-
-
d) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o cal se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no artigo 9.1 desta orde.
-
-
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
-
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
-
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
-
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Cancelación no rexistro de entidades colaboradoras do plan de Galicia sobre drogas.
Inscrición no rexistro de entidades colaboradoras do plan de Galicia sobre drogas.
Modificación no rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas
Subvencións para o desenvolvemento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención na Comunidade Autónoma de Galicia.
Subvencións para o desenvolvemento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia
Subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións, orientados a minimizar o impacto que a pandemia por COVID 19 ten na saúde mental da poboación galega