Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SA463F
Subvencións para o desenvolvemento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención na Comunidade Autónoma de Galicia.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Sanidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas realizados por entidades privadas sen ánimo de lucro.
Contidos dos proxectos.
De acordo co establecido na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas:
1. Serán programas básicos os seguintes:
a) Ámbito escolar: «Saúde na escola» e «Non pasa nada ¿pasa algo?».
b) Familiar: «Máis que un teito», «En familia todos contan» e «Entre todos».
c) Xuvenil: «Activa» e «Cambio de sentido».
2. Serán programas complementarios:
a) Os seguintes programas da carteira de servizos: «Ao alcance», «Cine e saúde», «Odisea», «Creative» (sempre que se leve a cabo con medios propios da entidade), «Acais», «Información-sensibilización» e «Formación de mediadores».
b) Calquera outro que a entidade solicitante considere oportuno desenvolver.
Poderanse presentar ata un máximo de 3 programas complementarios. Neste caso terán unha especial valoración as actividades relacionadas coa prevención do consumo de cánnabis, o xogo patolóxico e os problemas relacionados co uso da internet e as TIC.
Os programas da carteira de servizos «Alternativa», «Itínere» e «Penélope» non serán valorados nesta convocatoria de axudas. O programa Sísifo soamente será valorado para as entidades que opten á clase 3.
3. Serán programas e actividades de diminución de riscos e redución de danos dirixidos a drogodependentes en situación de emerxencia social (programa Sísifo), os seguintes:
a) Programa de captación activa e intervención en medio aberto.
b) Programa de centro de encontro e acollida.
c) Programa de intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos, etc.
d) Programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.
4. Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.
Conceptos subvencionables.
1. Consideraranse gastos subvencionables unicamente aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 8.5 desta resolución.
As subvencións outorgadas nesta convocatoria dirixiranse a financiar gastos correntes, isto é, aqueles necesarios para o desenvolvemento das actividades programadas; quedando excluídos os gastos de capital.
2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
3. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:
a) Gastos de persoal. Ás retribucións en nómina sumaranse os gastos de seguridade social correspondentes á empresa e o seu total constituirá o gasto subvencionable por custos de persoal.
b) Axudas de custo, sempre que garden relación co proxecto e sexan debidamente xustificadas.
c) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización do proxecto, así como gastos de material preventivo ou divulgativo.
d) Gastos xerais derivados do mantemento do servizo tales como os correspondentes aos alugueiros dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.
e) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.
f) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a súa preparación ou execución.
g) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando a entidade/s beneficiaria/s desta axuda os aboe efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptible de recuperación ou compensación.
h) En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.
4. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
Poderán concorrer á concesión destas subvencións todas as entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia que desenvolvan o seu labor no eido da prevención das condutas adictivas.
A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada entidade privada, agás no caso das agrupacións de entidades, en que se asignará unha única subvención para realizar un proxecto común. Nestes casos, a entidade solicitante actuará como representante do proxecto e interlocutora ante a Consellería de Sanidade.
Ningunha entidade privada poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual. De darse o caso prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.
Obrigas das entidades beneficiarias, compatibilidade e reintegro.
1. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. As subvencións serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.
3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Dirección Xeral de Saúde Pública
Subdirección Xeral de Estilos de Vida Saudables
Servizo de Prevención de Condutas Aditivas
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881541859/ 881541862
Fax: 881546571
Prazo de presentación: PECHADO
26/09/2019 00:00 - 25/10/2019 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. A existencia, ou creación no seu caso, dunha unidade de prevención de condutas adictivas, que contará coa infraestrutura física e de medios axeitada para o desenvolvemento dos programas e as actividades que deberá levar a cabo.
2. A unidade a que fai referencia a epígrafe anterior estará constituída, polo menos, por unha persoa, profesional con titulación universitaria e formación específica en condutas adictivas, que actuará como representante técnica do proxecto ante a Consellería de Sanidade.
En cumprimento da prohibición establecida no punto 5 do artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, as entidades beneficiarias de subvención garantirán que as persoas traballadoras que vaian participar en programas cuxo desenvolvemento implique contacto directo con persoas menores de idade non posúan antecedentes penais por delitos sexuais. A Consellería de Sanidade poderá requirir durante a fase de resolución os certificados que acrediten esta situación.
3. Presentar un proxecto de actuación para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022 orientado á prevención das condutas adictivas, que incluirá os seguintes programas:
a) Clase 1: ata 2 dos programas definidos nos puntos 1 e 2 do artigo 5.
b) Clases 2 e 4: entre 4 e 8 dos programas definidos nos puntos 1 e 2 do artigo 5. Entre os programas elixidos incluiranse obrigatoriamente algún de 2 dos 3 ámbitos principais de intervención: escolar, familiar e xuvenil.
c) Clase 3: os 4 programas enumerados no punto 3 do artigo 5.
d) Se a Consellería de Sanidade actualizase a carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas o compromiso de realización de programas a que se refire o punto 4 deste artigo estenderíase aos programas equivalentes incluídos na nova carteira. De ser o caso e co fin de facilitar a transición, a Consellería establecería unha táboa de equivalencias entre programas antigos e novos, de xeito que se garantiría a continuidade das actividades programadas.
4. Estar inscrita, no momento da solicitude de subvención, no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de entidades será suficiente con que este requisito sexa cumprido por unha das entidades privadas.
5. O proxecto presentado polas entidades pertencentes á clase 4 deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes, podendo ser de carácter comunitario, municipal ou abarcar varios concellos para os cales se presenta un proxecto común. Para a acreditación da poboación destinataria revisarase o padrón municipal que figure no Instituto Galego de Estatística na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. No caso das entidades que pretendan desenvolver plans comunitarios acreditarán a poboación destinataria mediante un certificado municipal que indique a poboación da zona en que se desenvolve o proxecto.
6. A entidade solicitante deberá manifestar de xeito expreso a clase a que opta, segundo o indicado no artigo 9.
7. As intervencións que se desenvolverán neste proxecto preventivo non poderán dirixirse a poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares realizadas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.
8. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
9. Presentar a solicitude no prazo e forma que establece o artigo 12.
10. Enviar á Consellería de Sanidade todos os materiais e publicacións (en formatos físicos ou electrónicos) que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde para que sexan revisados e aprobados. Os materiais que utilicen a imaxe corporativa da Consellería de Sanidade deberán cumprir ademais cos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo I).
Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria explicativa do proxecto, que se axustará ás características definidas no artigo 14 desta orde.
b) Anexo II de declaración de axudas. Este anexo presentarase unicamente no caso de solicitudes conxuntas. Achegarase un exemplar por cada unha das entidades acompañantes á solicitante da subvención.
Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, a declaración responsable incluída nos anexos I e II será documento suficiente para acreditar que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no anexo I, segundo corresponda, e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Declaración de axudas (Anexo II)
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 22 de xuño de 2020 pola que se modifica a Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 129 do 1 de xullo de 2020).
-
Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, que incorpora fondos procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 182 do 25 de setembro de 2019).
-
Extracto da Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, que incorpora fondos procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas (DOG nº 182 do 25 de setembro de 2019).
-
Orde do 25 de xuño de 2020 pola que se modifica a Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, que incorpora fondos procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria. (DOG nº 130 do 2 de xuño de 2020).
-
Corrección de erros. Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, que incorpora fondos procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA463F) (DOG nº 137 do 10 de xullo de 2020)
-
Outros procedementos relacionados
Programa Ignicia proba de concepto.
Prazo aberto: 29/04/2025 00:00 - 28/05/2025 23:59
Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais
Aberto todo o ano
Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.
Aberto todo o ano
Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.
Aberto todo o ano