Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR945C
Subvencións a clubs, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas para o desenvolvemento de actividades deportivas.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
O obxecto destas bases é establecer o réxime das axudas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas.
As presentes bases outorgaranse polo procedemento de concorrencia non competitiva, conforme o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Obrigas das persoas beneficiarias.
As entidades que resulten beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución estarán obrigadas a cumprir o establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:
a) Incluír o logotipo da Secretaría Xeral para o Deporte, dispoñible para os efectos na páxina web http://deporte.xunta.gal/, nos medios de comunicación da entidade. Así mesmo, os clubs que compitan a nivel estatal deberán incluír no vestiario deportivo oficial o citado logotipo.
b) Colaborar nas actividades programadas pola Secretaría Xeral para o Deporte e, especialmente, mediante a participación dos xogadores, adestradores e equipo técnico nas actividades, cursos, conferencias ou clínics dirixidos a deportistas de base e á comunidade educativa, agás nos casos de coincidencia de datas con campionatos oficias estatais ou internacionais, ou ben que a súa participación puidera interferir de forma negativa na súa programación de adestramentos cara a unha proba concreta.
c) Facilitar a incorporación dos deportistas nas convocatorias das seleccións galegas para participar en torneos ou campionatos oficiais ou amigables, agás nos casos de coincidencia de datas con campionatos oficias estatais ou internacionais, ou ben que a súa participación puidera interferir de forma negativa na súa programación de adestramentos cara a unha proba concreta.
d) Conservar, nos seguintes catro anos, os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
e) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das actividades subvencionadas por parte da Secretaría Xeral para o Deporte, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas.
g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 16 das presentes bases.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Departamento Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Coruña
Servizo de Deporte da Coruña
Praza de Agustín Díaz nº 1
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881960768
Fax: 981132527
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Departamento Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de Lugo
Servizo de Deporte de Lugo
Rolda da Muralla nº 70-1º
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294568
Fax: 982294565
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Departamento Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de Ourense
Servizo de Deporte de Ourense
Avda. da Habana, nº 79-4º andar
32004 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386050 / 988386046
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Departamento Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de Pontevedra
Servizo de Deporte de Pontevedra
Rúa Fernández Ladreda, 43-6º andar
36003 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 886206529 / 886206527
Fax: 988805548
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Departamento Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de Pontevedra
Servizo de Deporte de Pontevedra
Sección de Promoción Deportiva en Vigo
Fotógrafo Luis Ksado, 17
36209 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 886218282 / 886218281
Fax: 886218288
Prazo de presentación: PECHADO
25/05/2019 00:00 - 24/06/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
1. Para ser persoa beneficiaria destas axudas, é necesario que a entidade estea dada de alta como xestor externo nas seguintes aplicacións tecnolóxicas de «promoción dunha vida activa e saudable» vinculadas co plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia:
– Galicia Activa: aplicación de recursos, servizos e instalacións deportivas en Galicia (http://galiciactiva.xunta.es/xestor.php).
– Plataforma de xestión de plans, programas, actividades e eventos de Galicia Saudable (https://galiciasaudable.xunta.es/actividades/).
2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións:
a) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia nos que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas que foran sancionados pola federación deportiva correspondente no ano anterior á convocatoria, cando a sanción teña a súa orixe en condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes provocadas polas persoas espectadoras e asistentes.
c) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas que discriminen nos premios ou recoñecementos que outorguen ás persoas deportistas por razón de xénero.
d) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas que non teñan adaptados os seus estatutos á Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no momento da solicitude.
e) Os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas que non teñan actualizados os datos da súa xunta directiva no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, no momento da solicitude.
Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberase presentar unha solicitude dirixida aos servizos provinciais de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte da provincia onde teñan o seu domicilio, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.
A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Xunto coa solicitude achegarase, de selo caso, e segundo os anexos que se publicarán coa convocatoria, a seguinte documentación complementaria:
Declaración de adhesión, de selo caso, ao manifesto pola igualdade no deporte (anexo III).
Certificado acreditativo, de selo caso, de que a presidencia, vicepresidencia, secretaría xeral ou tesourería da entidade está ocupada por unha muller (anexo IV).
Certificado acreditativo, se é o caso, da participación da entidade no ano anterior á convocatoria na actividade denominada «Coñece o meu club», integrada dentro do programa Xogade (anexo V).
Certificado acreditativo, se é o caso, de non ter a sede social nunha instalación ou edificio de titularidade pública, ou estando ubicado nelas, devenguen un canon ou prestación económica pola súa ocupación (anexo VI).
Poder de representación, no caso de que non sexa a persoa presidenta da entidade quen actúe como persoa representante na tramitación deste procedemento.
Unha vez recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas polos servizos provinciais de deportes da Secretaría Xeral para o Deporte, co obxecto de comprobar que se atopan debidamente cubertas e suficientemente documentadas. Xunto con esta análise, comprobarase se o solicitante acredita o cumprimento dos requisitos establecido no artigo 2 desta orde.
De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeran, se lle terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.
Este requirimento realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e terá os efectos de notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015. Esta lista tamén será publicada nos taboleiros de anuncios da Secretaría Xeral para o Deporte e dos servizos provinciais de deportes, así como na páxina web http://deporte.xunta.gal/. Poderá tamén requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento, en calquera fase del.
Nesta publicación, e con efectos unicamente de publicidade, relacionarase tamén as solicitudes admitidas que non están suxeitas a emenda e as inadmitidas.
Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos dos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa AEAT, coa Seguridade Social e coa administración tributaria de Galicia.
e) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Consulta de concesións pola regra de mínimis.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos correspondentes.
No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Inicio
- Certificado acreditativo da ubicación da sede social da entidade (Anexo VI)
- Certificado acreditativo de muller en cargo de presidenta, vicepresidenta, secretaria xeral ou tesoureira (Anexo IV)
- Declaración de adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte (Anexo III)
- Solicitude (Anexo II)
- Certificado acreditativo da participación da entidade na actividade “coñece o meu club” do programa xogade (Anexo V)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 98 do 24 de maio de 2019).
-
Extracto da Resolución do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 98 do 24 de maio de 2019).
-
Resolución do 12 de xullo de 2019, da Subdirección Xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fan públicas as listaxes de solicitudes suxeitas a emenda, as solicitudes inadmitidas e as solicitudes admitidas, presentadas ao abeiro da Resolución do 16 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 138 do 22 de xullo de 2019).
-
Resolución do 27 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fan públicas as listaxes definitivas de subvencións a entidades deportivas convocadas pola Resolución do 16 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se convocan para o ano 2019 (DOG nº 190 do 7 de outubro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Subvencións a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do plan corresponsables a través da realización de actividades de animación socio deportiva.
Prazo aberto: 12/06/2025 00:00 - 11/07/2025 23:59
Remisión da declaración responsable para o inicio da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)
Aberto todo o ano
Remisión da documentación necesaria para o recoñecemento oficial da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)
Aberto todo o ano
Autorización de ocupación de dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia con destino á realización de espectáculos públicos e actividades recreativas.
Aberto todo o ano