Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR935A
Axudas de emerxencia social.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas de emerxencia social e proceder á súa convocatoria para o ano 2024, coa finalidade de outorgar unha prestación económica a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes en América con escasos recursos, para atender situacións de emerxencia social derivadas de circunstancias extraordinarias sobrevindas nos últimos 12 meses.
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os seus fillos/as que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior e cumpran os requisitos establecidos no artigo seguinte.
Para os efectos desta norma, teñen a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou acrediten que residiron en Galicia de forma continuada durante dez anos, con nacionalidade española, así como tamén os seus fillos/as que teñan nacionalidade española e que se atopen vinculados/as con calquera concello galego no padrón de españois residentes no exterior (PERE) desde, polo menos, 3 meses antes á presentación da solicitude.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais
Servizo de Programas Sociais
Rúa dos Basquiños, nº 2
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545882
Fax: 981547295
Email: accion.social.emigracion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
05/04/2024 00:00 - 15/10/2024 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de outubro de 2024.
1. Os requisitos que deberán cumprir as persoas solicitantes para poder ser beneficiarias das axudas de emerxencia social son os seguintes:
a) Ter rendas ou ingresos insuficientes.
Para estes efectos, considérase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,8 veces a base de cálculo da prestación económica por razón de necesidade establecida polo Estado español para o país de residencia, nas contías que se determinen para o 2024.
Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.
Para os efectos desta convocatoria, entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, polo seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como polos/as fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
b) Ter patrimonio insuficiente.
Considérase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando na unidade económica familiar existan bens mobles cun valor superior ás contías previstas no punto anterior en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, excepto a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas nese punto en cómputo anual.
c) Acreditar documentalmente a situación de emerxencia social que xustifique a solicitude.
A persoa solicitante deberá xustificar mediante medios válidos en dereito o estado de necesidade actual, que afecte calquera dos tres ámbitos detallados no artigo 1 desta resolución, e as circunstancias sobrevidas das cales deriva.
Forma e lugar de presentación das solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto para a presentación electrónica das súas solicitudes:
• En Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Española de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.
• En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas na Habana.
• En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.
2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal, que deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito.
5. No suposto de que a circunstancia que xustifique a solicitude de axuda sexa o motivo de que a persoa solicitante non poida asinar do seu puño e letra, poderá facelo mediante pegada dactilar ou dixital. De resultar imposible, admitirase tamén que a asine, no seu nome, a persoa da súa unidade familiar responsable do seu coidado que o acredite suficientemente.
Documentación acreditativa complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:
1.1. No caso de representante, documento acreditativo da representación legal actualizado para o ano da convocatoria.
1.2. Documentación acreditativa da identidade e a condición de persoas galegas residentes no exterior.
a) Documento de identidade do país de residencia e pasaporte español ou outro documento en que consten os datos persoais e a nacionalidade.
b) Documento oficial en que conste o lugar de nacemento en Galicia ou, de ser o caso, que acredite a residencia continuada en Galicia de forma continuada durante dez anos.
c) Se a persoa solicitante é descendente en primeiro grao de consanguinidade de persoa emigrante nada en Galicia ou residente por máis de dez anos, certificado de nacemento do rexistro civil que corresponda ou outra documentación acreditativa de tal ascendencia.
d) Certificacións recentes de inscrición do solicitante no Rexistro de Matrícula consular e, para os non nados en Galicia, no Padrón de españois residentes no exterior (PERE), onde se acredite a vinculación con calquera concello galego cunha antigüidade mínima de tres meses anteriores ao día de presentación da solicitude de axuda de emerxencia social.
A vinculación cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición neste censo.
1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar.
a) Unha certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o solicitante e os membros da unidade familiar ou, de non percibirse, declaración responsable da persoa solicitante desa circunstancia.
Se a persoa solicitante reside nun centro asistencial ou similar deberá presentar, ademais, un xustificante do custo mensual do devandito centro.
b) Documentación xustificativa oficial en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, excepto a vivenda habitual, de que dispoñan estas persoas ou, de non ser posible obtela, unha declaración responsable asinada por todos os membros capacitados maiores de idade en que conste o valor patrimonial dos bens de que dispoñan, conforme o anexo II.
c) De ser o caso, documentación que acredite a convivencia familiar. O libro de familia, se procede, ou documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade familiar. No suposto de separación legal ou divorcio, unha copia da correspondente sentenza xudicial firme ou da certificación do rexistro.
1.4. Documentación acreditativa do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, as circunstancias extraordinarias que o provocaron e a estimación de gastos para afrontalo.
– Unha memoria explicativa da situación de emerxencia, en que consten as circunstancias extraordinarias que a causaron asinada pola persoa solicitante.
– Para as situacións que impidan á persoa solicitante ou a súa unidade familiar cubrir as súas necesidades básicas de subsistencia, referidas á alimentación, vestido, hixiene, educación e outras de natureza análoga, un informe social emitido por un profesional colexiado ou organismo de ampla traxectoria no ámbito asistencial que detalle os ingresos percibidos pola unidade familiar, describa a situación de grave necesidade que fundamenta a solicitude e as circunstancias extraordinarias de que deriva e conclúa cunha valoración favorable ou desfavorable á petición de axuda.
– Para as situacións de perda ou inadecuación da vivenda habitual, é necesario complementar o informe social mencionado no punto anterior, cun informe, proxecto ou orzamento dun profesional técnico competente que identifique a carencia de condicións de habitabilidade ou equipamento básico do inmoble, así como a súa causa e as actuacións necesarias para remediar esa situación, coa estimación dos custos de cada unha delas.
– Para as situacións de enfermidade grave ou incapacidade de valerse por si mesma, basta a presentación dun informe ou certificado recente dun profesional sanitario colexiado competente na materia, conforme o modelo do anexo III desta resolución, ou outro de contido equivalente. Se non se detalle aí, complementarase cun orzamento ou estimación de gastos do tratamento indicado polo médico.
Valorarase tamén calquera outra documentación complementaria que contribúa a fundamentar a solicitude de axuda, facilitando unha gradación da gravidade e urxencia do estado de necesidade e/o xustificando as circunstancias sobrevindas das cales deriva.
Salvo no caso de solicitudes de axuda para atender de forma temporal a cobertura das necesidades básicas de subsistencia, é obrigatorio presentar un orzamento ou estimación de gastos específicos considerados necesarios para paliar a situación de necesidade.
1.5. Documentación oficial en que se certifique que o solicitante non dispón nin pode acceder a recursos dos sistemas públicos nin axudas de terceiros legalmente obrigados para afrontar os gastos obxecto da solicitude de axuda de emerxencia social, ou ben, se non é posible obtela, unha declaración responsable asinada pola persoa solicitante ou o seu representante en que faga constar iso mesmo.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir, de maneira motivada, a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, por tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) No caso da persoa solicitante ou representante:
– DNI da persoa solicitante ou representante, se dispón del.
– Certificación de estar rexistrada e vinculada cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) no momento de presentación da solicitude.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao comezo do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración responsable de gastos e outras axudas (Anexo IV)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 21 de marzo de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras do programa de axudas de emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 66 do 4 de abril de 2024).
-
Extracto da Resolución do 21 de marzo de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras do programa de axudas de emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 66 do 4 de abril de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.
Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Conecta co Voluntariado en Galicia
Prazo aberto: 25/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega
Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.
Aberto todo o ano