Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR930A
Conecta con Galicia. Actividades de aire libre.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A concesión das axudas para a participación no programa Conecta con Galicia dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas que residan no exterior para o ano 2024.
Mocidade da Galicia exterior.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais
Servizo de Programas Sociais
Rúa dos Basquiños, nº 2
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545882
Email: accion.social.emigracion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
18/04/2024 00:00 - 20/05/2024 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
1. Poderán optar a este programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 16 e os 17 anos durante todo o programa, isto é, deberán ter feitos 16 anos ao inicio do campamento e non poderán cumprir 18 antes do 29 de xullo.
b) Non ter participado en edicións anteriores deste programa.
c) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
d) Ter a nacionalidade española.
e) Ter a súa residencia habitual no estranxeiro.
f) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), cunha antigüidade mínima de 12 meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
g) Saber nadar.
h) Non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
i) Carecer de discapacidades que lle impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.
2. Ademais, no caso de optar ás prazas con financiamento do 100 %, o importe total dos ingresos e rendas que perciban todos os membros da unidade familiar do solicitante, non poderá superar o límite da cantidade que resulte do dobre da base de cálculo da prestación por razón de necesidade aprobada no ano 2024 para o país de residencia ou, no caso de residir en Europa, do salario mínimo interprofesional no país de residencia para o ano desta convocatoria, multiplicado polo número de persoas que convivan menos unha.
As persoas interesadas que entendan que os ingresos da unidade familiar do solicitante supere ese tope deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria, e aboar, no prazo dos dez (10) días seguintes a publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 800 €, se residen en América, ou de 250 € se residen en Europa, en concepto de custos de viaxe.
Para eses efectos, terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles. E considerarase como unidade familiar aquela que estea integrada pola persoa solicitante, o seu pai ou a súa nai ou, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade de aquel/a, e demais parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela.
Solicitudes.
1. Cada persoa que pretenda participar só poderá presentar unha solicitude e nela fará constar os seus datos. A solicitude debe estar asinada por unha persoa na súa representación, que será a súa nai, pai ou titor/a.
A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 18 da Lei reguladora do procedemento administrativo común (LPACAP), entre os que se contan os rexistros das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e das oficinas consulares de España no estranxeiro.
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:
• No Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.
• En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá que a persoa participante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación da persoa solicitante:
a) Documentación acreditativa do seu nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.
b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento de identidade do país de residencia e pasaporte español ou outro documento en que consten os datos persoais e a nacionalidade, ademais do libro de familia ou documentación equivalente.
c) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, en que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular.
d) Unha fotografía recente tamaño carné.
e) Un informe médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo III, de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa nin ter discapacidades que lles impidan participar con normalidade en actividades recreativas e deportivas.
f) Para as persoas participantes que opten polas prazas financiadas ao 100 %: xustificantes acreditativo das tres últimas nóminas ou certificación de ingresos realizada por contador público e validada pola entidade profesional correspondente, e acreditación do resto de ingresos brutos, así como das rendas ou pensións de calquera natureza que perciban as persoas integrantes da unidade económica familiar. No caso de que no perciban ingresos, unha declaración responsable que o faga constar.
g) A autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxar soas, asistir á actividade, así como, de ser o caso, para quedarse coa súa familia en Galicia ao remataren a actividade, indicando os datos da persoa responsable que se fará cargo da participante, conforme o modelo que figura como anexo IV.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada, o cotexo das copias pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante
b) Datos do padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), para acreditar que a persoa participante se atopa vinculada cun concello galego no último día do prazo de presentación das solicitudes.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites posteriores á presentación de solicitudes.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 8 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 76 do 17 de abril de 2024).
-
Extracto da Resolución do 8 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 76 do 17 de abril de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Conecta co Voluntariado en Galicia
Prazo aberto: 25/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59
Axudas de emerxencia social.
Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega
Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Programa de escolas abertas para entidades galegas do exterior.
Prazo pechado: 11/02/2025 00:00 - 25/03/2025 23:59