Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR926A
Reencontros na Casa.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na casa para o ano 2018, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra e coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.
As axudas consistirán no financiamento parcial do custo da viaxe desde os seus países de residencia ata Galicia e de retorno ao dito país das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2018.
Prazas convocadas e datas de realización.
1. Prazas convocadas.
A asignación do número de prazas, realizada en función do número de persoas galegas residentes en cada país e das necesidades e demandas constatadas nas últimas convocatorias deste programa, queda fixada para o ano 2018 do seguinte xeito:
Arxentina (80)
Brasil (18)
Cuba (12)
Uruguai (32)
Venezuela (38)
Outros países (10)
Total (190)
O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.
As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 190 ofertadas, poderanse distribuír proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas.
O 90 % das prazas asignadas a cada país destinarase a persoas que cumpran os requisitos indicados no artigo 2, puntos 1 e 2, e o 10 % restante ás persoas que cumpran os requisitos do punto 3 do mesmo artigo. Se non se completar unha destas cotas, as prazas vacantes poderán engadirse á outra.
O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción, por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.
2. Datas de realización.
As datas de realización serán, preferentemente, a finais do mes de xuño.
Achegas económicas.
A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60 % do custo da pasaxe das persoas beneficiarias desde os lugares de partida en América fixados pola Secretaría Xeral da Emigración ata o lugar de destino designado en Galicia e do retorno.
Naqueles países en que a base de cálculo da prestación económica por ancianidade para o ano da convocatoria non supere os 3.000 euros anuais, a secretaría xeral farase cargo do 90 % do custo da pasaxe.
Naqueles países en que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias para sufragar a parte que deba aboar a persoa beneficiaria debido a dificultades na política de cambio, poderá sufragarse o 100 % do custo da pasaxe.
Persoas galegas residentes no exterior.
Obrigas das persoas beneficiarias, control e seguimento.
1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.
2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.
3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa; neste caso, a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.
4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean ao seu dispor para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.
5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
R/ Basquiños, 2
15704 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957156
Fax: 981547297
Email: accion.social.emigracion@xunta.es
A presentación desde os centros colaboradores no exterior dos formularios de solicitude dos seguintes programas de axudas públicas está dispoñible en https://ccgg.xunta.gal/ccgg
Prazo de presentación: PECHADO
13/03/2018 00:00 - 11/04/2018 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 32 da LPACAP, a Secretaría Xeral da Emigración, excepcionalmente e por razóns xustificadas, poderá ampliar o prazo de presentación de solicitudes mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.
1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1.1. Ser emigrante galega.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.
1.4. Ter, cando menos, 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.
1.6. Para seren persoas beneficiarias deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.
1.7. Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles durante a súa estadía en Galicia.
1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que conviven menos unha.
2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade ás persoas solicitantes indicadas no punto 1, sempre que cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.
3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias os fillos e as fillas de persoas emigrantes galegas que teñan a condición de persoa galega e cumpran os requisitos indicados nos puntos 1.2, 1.3, 1.4, 1.6, 1.7 e 1.8 e non teñan participado en programas de viaxes a Galicia da Secretaría Xeral da Emigración nos últimos 10 anos.
4. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o/a seu/súa cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
5. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.
b) As persoas que soliciten o programa por aplicación do número 3 do artigo 2 deberán acreditar ser fillos ou fillas de persoa emigrante galega.
c) A documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e da data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
d) Nos países en que exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os demais membros da súa unidade económica familiar. No caso de que estea exenta de realizala, unha xustificación oficial desta circunstancia e un certificado ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da súa unidade económica familiar.
e) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha certificación ou un xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da súa unidade económica familiar.
f) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II, conforme a persoa solicitante é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
g) Libro de familia, se procede. Na súa falta, achegarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto dos membros da unidade económica familiar.
h) Una fotografía recente, tamaño carné.
i) Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polos familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade, para que residan con eles durante a súa estadía na Comunidade Autónoma.
O/a cónxuxe acompañante da persoa solicitante ou persoa unida a ela de feito ou relación análoga de afectividade, de ser o caso, deberá presentar debidamente completado o anexo III, acompañado da seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da identidade:
Pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.
b) Documentación acreditativa da residencia en América.
c) O certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo IV, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
d) Unha fotografía recente, tamaño carné.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante se atopa vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia faga imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:
• En Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
• En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas na Habana.
• En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentalos de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 28 de febreiro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na casa para persoas residentes no exterior durante o ano 2018 (DOG nº 50 do 12 de marzo de 2018).
-
Extracto da Resolución do 28 de febreiro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na casa para persoas residentes no exterior durante o ano 2018 (DOG nº 50 do 12 de marzo de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.
Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia
Prazo aberto: 08/07/2025 00:00 - 29/07/2025 23:59
Axudas de emerxencia social.
Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega
Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59