Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR925A
Axudas económicas individuais.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. O obxecto desta resolución é establecer un programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e que se encontren en situación de precariedade económica. Estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2022 (código de procedemento PR925A).
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:
1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 14.
Para os efectos da presente convocatoria terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
2. Os/as netos/as de persoas emigrantes galegas, con dezaoito (18) anos feitos, que teñan a condición de persoas galegas residentes no exterior, con nacionalidade española, que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no PERE e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.
3. No caso de falecemento das persoas indicadas nos números 1 e 2, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias das axudas previstas no artigo 5 o/a seu/súa cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade ou os/as fillos/as da persoa falecida, sempre e cando non transcorresen máis de quince meses desde o pasamento e a persoa falecida fose beneficiaria nalgunha das dúas últimas convocatorias deste programa.
4. Os/as fillos/as e netos/as de persoas emigrantes galegas deberán ter a nacionalidade española, cando menos, cun ano de antigüidade na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral da Emigración
Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais
Servizo de Programas Sociais
Praza de Mazarelos, núm. 15
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545882/ 981547291
Email: acción.social.emigracion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
16/02/2022 00:00 - 29/03/2022 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será de trinta (30) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 32 da LPACAP, a Secretaría Xeral da Emigración, excepcionalmente e por razóns xustificadas, poderá ampliar o prazo de presentación de solicitudes mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.
Poderán solicitar estas axudas as persoas que cumpran e acrediten documentalmente os requisitos xerais que se sinalan a seguir:
1. A condición de persoas beneficiarias de acordo co disposto no artigo 2.
2. Estaren inscritas como residentes no Rexistro de Matrícula Consular nun país do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación económica por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e vivir nese país.
3. Carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes.
a) Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,7 veces a base de cálculo da prestación económica por razón de necesidade establecida polo Estado español para o país de residencia (sen prexuízo das contías específicas do artigo 10.2), nas contías que se determinen para o ano desta convocatoria.
No caso de residir en países indicados no artigo 4.3, considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores á base de cálculo da prestación económica por razón de necesidade establecida polo Estado español para o país de residencia (sen prexuízo das contías específicas dos artigos 4 e 10.2), nas contías que se determinen para o ano desta convocatoria.
Non obstante, estas contías, por proposta do órgano instrutor, poderán ser modificadas mediante resolución ditada pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para aqueles países en que aumentase o índice de prezos de consumo por riba dun 3 % no momento de resolución da convocatoria.
Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neles pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.
Para os efectos do establecido neste punto, consideraranse rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo coma do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.
b) Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando na unidade económica familiar existan bens mobles cun valor superior ás contías previstas no artigo 3.3.a) en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas no artigo 3.3.a) en cómputo anual.
4. Non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións que, polas súas regras ou estatutos, estean obrigadas a prestarlles asistencia.
5. Ademais dos requisitos anteriores, en cada un dos supostos de axuda prevista nos seguintes artigos, as persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos específicos que se sinalen en cada un deles, tendo en conta que todos os requisitos se deberán cumprir na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
6. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, polo seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como polos/as fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.
Forma e lugar de presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto para a presentación electrónica das súas solicitudes:
• En Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Xaneiro.
– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
• En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas na Habana.
• En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.
A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.
2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación (se resultaron beneficiarias do programa en 2021, poderá ser substituída, para os casos das alíneas d), f), g), h) e i) deste punto, por unha declaración responsable segundo o anexo II, nos termos establecidos no artigo 69 da LPACAP):
a) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada da persoa solicitante e/ou dos membros da súa unidade económica familiar. No caso de que non teñan a obriga de realizala, xustificación oficial desta circunstancia, nos países en que se expida, e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os membros da súa unidade económica familiar ou, de non percibirse, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da súa unidade económica familiar, incluída ela, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.
b) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os membros da súa unidade económica familiar ou, de non percibilos, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da unidade económica familiar, incluída ela, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.
c) No caso de que a persoa solicitante resida nun centro asistencial ou similar, deberá presentar xustificante do custo mensual do dito centro.
d) Documentación xustificativa oficial na cal conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.
De non existir no país de residencia a posibilidade de obter a documentación xustificativa oficial mencionada, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.
e) Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria.
f) Documentación que acredite a convivencia familiar, se é o caso.
g) O libro de familia, se procede. Na súa falta, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade familiar. As relacións maritais análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro ou mediante constancia en documento público. No caso de teren fillos/as en común, abondará con acreditar a convivencia, segundo o que se establece na Lei 2/2006, do 14 de xuño, do dereito civil de Galicia.
h) No caso de separación legal ou divorcio, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou unha certificación rexistral.
i) Se presenta solicitude como emigrante galego/a ou fillo/a de emigrante galego/a (artigo 2.1) ou presenta solicitude como neto/a de emigrante galego/a (artigo 2.2):
i.1. Pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.
i.2. Documentación acreditativa da condición de persoa galega residente no exterior, de conformidade co establecido no artigo 14:
i.2.1. Documento oficial que acredite o lugar de nacemento en Galicia.
i.2.2. Certificado de nacemento que acredite a nacionalidade española.
i.2.3. Documento oficial que acredite que a última veciñanza administrativa en España foi en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos.
i.2.4. Certificado ou acreditación de ter un ano de residencia continuada en Galicia (neto/a).
i.2.5. Documentación que acredite que é descendente ata o primeiro grao de consanguinidade (fillo/a) ou segundo grao (neto/a) de emigrante galego/a ou da persoa residente en Galicia máis de dez (10) anos.
j) Se presenta solicitude como cónxuxe viúvo/a, parella de feito ou relación análoga ou como fillos/as (no caso de falecemento do/da emigrante galego/a, do/da seu/súa fillo/a ou do/da seu/súa neto/a) (artigo 2.3):
j.1. Documento público que acredite a identidade da persoa solicitante.
j.2. Documentación acreditativa dos requisitos da persoa falecida (emigrante galego/a, fillo/a de emigrante ou neto/a galego/a).
j.3. Certificado ou outros documentos xustificativos da filiación ou matrimonio, parella de feito coa persoa falecida.
j.4. Certificado oficial de defunción.
2. Ademais, para cada caso concreto, deberán achegar a seguinte documentación:
2.1. Para os casos de dependencia ou enfermidade grave/moi grave descritos nos artigos 5 e 6, documento oficial en que se acredite o recoñecemento da dependencia ou enfermidade grave, emitido polo sistema público do país de residencia.
Nos países en que este documento non se expida: un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo III, realizado polos servizos médicos dunha entidade galega ou española que preste servizos na área de saúde. Cando o certificado médico anterior non poida ser expedido pola entidade galega ou española aludida, poderase admitir como válido un certificado médico expedido por calquera centro de saúde público oficial (centros médicos nacionais, provinciais ou municipais) do país de residencia, preferentemente referendado pola dirección médica das ditas sociedades galegas ou españolas, naqueles lugares en que estas existan. Será causa de exclusión a presentación de certificados médicos en modelos distintos ao normalizado do anexo III.
2.2. Para os casos de invalidez ou enfermidade permanente previstos no artigo 7, un documento oficial en que se acredite o recoñecemento da invalidez ou enfermidade permanente, emitido polo sistema público do país de residencia.
Nos países en que este documento non se expida, un certificado médico segundo o modelo normalizado do anexo IV, nos mesmos termos que os descritos no número 2.1.
2.3. Para os casos de cobertura de medicamentos e tratamento de enfermidades crónicas ou graves previstos no artigo 8:
a) Un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo V, nos mesmos termos que os descritos no número 2.1.
b) Unha xustificación dos gastos mensuais en medicamentos efectivamente aboados pola persoa solicitante, no modelo normalizado do anexo VI, conforme as prescricións médicas establecidas no certificado indicado na alínea a) e, de ser o caso, unha xustificación dos outros gastos mensuais efectuados no tratamento da enfermidade.
2.4. Para os casos de violencia de xénero do artigo 9, unha acreditación de sufrir a situación de violencia de xénero mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe social emitido por un organismo oficial.
2.5. Para os casos de desemprego na unidade familiar previstos no artigo 10, xustificantes da situación de desemprego, coa indicación de se é subsidiado ou non, do/da cabeza de familia e do resto dos membros que compoñen a súa unidade económica familiar e que estean nesa situación.
2.6. Para os casos de situacións de necesidade no seo da unidade familiar do artigo 11, un informe social detallado desta situación que inclúa os ingresos, emitido por un organismo oficial ou por un organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no campo sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.
2.7. Outros documentos xustificativos que fundamenten a solicitude de axuda, completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos que deberán ser solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para obter a axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– Padrón de españois residentes no estranxeiro.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Fase de Solicitude
- Certificado médico no suposto de axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante e axudas por situación de dependencia ou enfermidade moi grave no seo da unidade familiar (Anexo III)
- Certificado medico no suposto de axuda: axudas para a cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, cando teñan un custo elevado (Anexo V)
- Solicitude (Anexo I)
- Xustificación de gastos farmacéuticos: Axudas para a cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, cando teñan un custo elevado (Anexo VI)
- Declaración responsable (Anexo II)
- Certificado medico no suposto de axuda: axudas por invalidez ou enfermidade permanente (Anexo IV)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 28 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2022 (DOG nº 31 do 15 de febreiro de 2022).
-
Extracto da Resolución do 28 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2022 (DOG nº 31 do 15 de febreiro de 2022).
-
Anuncio do 2 de maio de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, polo que se notifican as resolucións relativas ao programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2022 (DOG nº 92 do 15 de maio de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.
Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Axudas de emerxencia social.
Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega
Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.
Aberto todo o ano