Guía de procedementos e servizos

PR923C

Obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 06/07/2021 00:00 - 05/08/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a realización de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas no exterior, dirixidos ás persoas asociadas galegas e aos seus descendentes, así como a aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia ou que participen nas actividades da asociación (código de procedemento administrativo PR923C).

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócase este programa para o ano 2021.

Modalidades convocadas e características específicas.

1. Modalidades convocadas:

Convócanse obradoiros das seguintes modalidades:

– Obradoiros de baile.

– Obradoiros de gaita.

– Obradoiros de percusión.

– Obradoiros de pandeireta e canto.

– Obradoiros de carácter artesanal (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais).

– Obradoiros de cociña galega.

– Seminarios de cultura galega: tradición e modernidade.

2. Características específicas dos obradoiros convocados:

a) Obradoiros de baile, música tradicional e artesanía:

Terán unha duración de 15 días intensivos e o horario das clases axustarase ás necesidades das persoas solicitantes, cunha duración de 40 horas.

O alumnado non será inferior a 15 persoas. En casos excepcionais debidamente xustificados poderanse desenvolver cursos cun número inferior tendo en conta a situación do centro, características e ano de creación do grupo.

b) Obradoiros de cociña galega:

Terán unha duración máxima dunha semana e o horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes cunha duración de 20 horas.

O alumnado non será inferior a 20 persoas.

Nestes obradoiros farase promoción dos produtos de calidade de Galicia, con especial atención a aqueles correspondentes ás denominacións de orixe cualificada.

Na modalidade de formación presencial e sempre que as circunstancias o permitan, realizarase unha xornada gastronómica de libre acceso ao público en xeral onde se faga promoción dos obxectivos pretendidos no obradoiro.

c) Seminarios de cultura galega:

– Terán unha duración máxima dunha semana e o horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes cunha duración de 20 horas.

– O alumnado non será inferior a 30 persoas.

3. Na modalidade virtual serán as propias entidades solicitantes as responsables da súa organización e de escolleren a plataforma dixital a través da cal se levarán a cabo. O horario axustarase ás necesidades das persoas solicitantes por proposta da entidade colaboradora e será labor do persoal formador designado deseñar as clases e interactuar co alumnado en tempo real.

Entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais

Praza de Mazarelos, 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547254/ 981547281/ 981547278

Email: emigración.contratacion@xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

06/07/2021 00:00 - 05/08/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

1. Poderán solicitar a organización dos obradoiros as entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade dentro das seccións de Comunidades Galegas, Centros Colaboradores, Federacións ou aquelas entidades que estean en proceso de unión ou fusión.

Excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, poderase conceder a organización dun destes obradoiros a aquelas entidades que, estando incluídas dentro do Rexistro da Galeguidade, non se encontren en ningunha das seccións antes mencionadas, sempre que xustifiquen debidamente que contan cun grupo folclórico consolidado.

2. Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan grupos ou escolas de folclore constituídas da modalidade solicitada.

3. Os obradoiros artesanais están dirixidos ás entidades que teñan un taller no cal un grupo de persoas se dedique a desenvolver esas actividades.

4. Os obradoiros de cociña e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento e teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia.

Forma e lugar de presentación de solicitudes.

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Bos Aires (Arxentina) e de Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación escollido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Relación nominal diferenciada das persoas participantes preinscritas para cada modalidade solicitada, segundo o modelo do anexo II, na cal constarán apelidos e nome, documento identificativo ou pasaporte, idade e orixe galega dos participantes, e na cal se fará constar que a entidade conta coa autorización destes para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar a correspondente convocatoria.

No caso de optar pola opción de modalidade de formación virtual, deberase indicar unha conta de correo electrónico por cada persoa participante.

b) Memoria, segundo o modelo do anexo III (obradoiros de folclore e artesanía), na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– As instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Nome, formación, currículo e traxectoria profesional do persoal directivo, profesorado ou axudantes responsables do obradoiro, grupo ou escola.

– No caso dos obradoiros de música e baile, nome e composición da escola ou grupo folclórico, traxectoria e actuacións realizadas nos dous últimos anos.

– Para os obradoiros de carácter artesanal, xustificarase a existencia dun taller da modalidade solicitada no seo da entidade, tempo de funcionamento, a oportunidade da súa realización e actividades desenvolvidas na difusión da artesanía galega.

c) Memoria, segundo o modelo do anexo IV (obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega), na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– Instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Actividades realizadas nos dous últimos anos con motivo da difusión da cociña e da cultura galega e a oportunidade de realización da actividade.

2. As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o escollesen ao abeiro do artigo 6.1 deberán presentar a documentación complementaria electronicamente.

Se algunha destas entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Consonte o disposto no artigo 6.1 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude presencialmente poderán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, ou no previsto pola normativa anterior.

b) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo á Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora de procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 24 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para desenvolver obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 126 do 5 de xullo de 2021).

    • Extracto da Resolución do 24 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para desenvolver obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 126 do 5 de xullo de 2021).

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128A

Inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128B

Cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT141A

Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos Camiños de Santiago.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 16/05/2025 00:00 - 16/06/2025 23:59