Guía de procedementos e servizos

PR608A

Subvencións para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 10/02/2021 00:00 - 23/03/2021 23:59

1. Constitúe o obxecto da presente resolución a aprobación destas bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados.

2. As subvencións reguladas nas presentes bases ampáranse no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2020) 8432 final, do 25 de novembro de 2020, a cal prevé actuacións de creación, mellora e despregamento de infraestruturas para mellorar as comunicacións de voz en mobilidade dentro da medida 7 de apoio aos servizos básicos e renovación da poboación rural, na submedida 7.4. de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locales. O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 está cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao 7,5 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e ao 17,50 % pola Xunta de Galicia.

Tipos de proxectos obxecto de subvención.

1. Os proxectos que se presenten ás convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases deben fundamentarse na extensión de redes de cobertura de telefonía móbil 2G/3G/4G que permitan a comunicación de voz a través de terminais de usuario estándar (teléfonos móbiles).

2. No contexto das presentes bases, así como das convocatorias ditadas ao seu amparo, considerarase cobertura válida aquela que cumpra as seguintes condicións:

a) Garanta a prestación dun servizo de voz en mobilidade.

b) Nivel de sinal mínimo outdoor superior a -90dBm, na tecnoloxía que preste o servizo de voz en mobilidade.

3. Para os efectos de valoración das propostas nas convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases, considerarase unha entidade cuberta cando se cubra polo menos o 90 % dos seus habitantes.

4. Só serán obxecto de subvención aquelas redes que se empreguen, na súa totalidade ou principalmente, para a prestación de servizos de voz en mobilidade dispoñibles para o público nas entidades obxectivo. Quedan por tanto descartadas as redes privadas destinadas á prestación de servizos a un conxunto restrinxido de usuarios e as redes puramente troncais que non están destinadas directamente á prestación de servizos a usuarios finais nas entidades obxectivo.

5. O obxectivo é o despregamento de redes de acceso e poderán incluírse tramos da rede de transporte necesarios para dotar de conectividade á rede de acceso.

- As persoas que teñan a condición de operador xeral de telecomunicacións.

- As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas nas cales polo menos un dos integrantes posúa a condición de operador segundo.

Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as contidas nestas bases, as que se determinen en cada convocatoria, as que figuren na resolución de concesión das subvencións e nas instrucións específicas que, en aplicación e cumprimento das presentes bases e de cada convocatoria, sexan aprobadas en materia de execución, seguimento, pagamento das subvencións, información e publicidade, xustificación e control do gasto.

2. Os beneficiarios deberán comunicar ao órgano concedente no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da subvención concedida, a obtención de calquera outra subvención, axuda, ingresos ou recursos que financien a mesma actuación subvencionada, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

3. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separada, ou un código contable diferenciado que recolla adecuadamente todas as transaccións relacionadas co proxecto tal como se establece no artigo 66.1.c).i), do Regulamento (UE) nº 1305/2013. Así mesmo, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos nos termos exixidos pola lexislación aplicable ao beneficiario, así como as facturas e demais xustificantes de gasto de valor probatorio equivalente e os correspondentes xustificantes de pagamento. Este conxunto de documentos constitúe o soporte xustificativo da subvención concedida, e garante o seu axeitado reflexo na contabilidade dos beneficiarios.

4. Os beneficiarios deberán manter asociadas as infraestruturas e equipamento que sexan obxecto de subvención aos obxectivos do proxecto durante un período mínimo de cinco (5) anos a partir da súa finalización ou ata o final da súa vida útil, se esta fose menor de cinco (5) anos, sen prexuízo de manter as obrigas previstas no punto 7 do presente artigo e no artigo 7. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar o importe obtido e os xuros correspondentes, nos termos previstos no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e da condicionalidade.

5. Os beneficiarios teñen a obriga de someterse aos controis administrativos, controis sobre o terreo e controis a posteriori, previstos na normativa comunitaria en aplicación ao establecido no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, e a modificación realizada a este polo Regulamento de execución (UE) nº 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

6. Os beneficiarios comprométense a proporcionarlles á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

7. Con carácter específico, os beneficiarios deberán cumprir, sen menoscabo do establecido no marco normativo sectorial, e en especial a Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, as seguintes obrigas de explotación da rede, comercialización e seguimento dos servizos:

a) Operar a rede durante un período mínimo de dez (10) anos, contado desde a data en que as tarefas acometidas sexan aprobadas integramente conformes pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sendo responsables da correcta explotación e mantemento de toda a infraestrutura e equipamento instalado. Conforme se vaia despregando e activando a rede e, como mínimo, ata a finalización do período de explotación, os clientes das áreas con cobertura poderán solicitar os servizos ofertados.

b) Asegurar unha dispoñibilidade do servizo, nos termos de calidade de servizo mencionados de, polo menos, o 98 % medida en intervalos de meses naturais por usuario final.

c) Ser responsables da comercialización do servizo nas entidades incluídas no plan de despregamento presentado.

d) Ofrecer a posibilidade de atender o usuario, tanto de forma oral como escrita, en idioma galego e castelán.

e) Facilitarlles aos demais operadores un acceso completo e non discriminatorio á información sobre a rede subvencionada e os servizos por xunto ofertados sobre esta rede.

f) Expresar nas súas referencias ao proxecto, calquera que sexa a súa natureza e tipoloxía, que foi impulsado pola Xunta de Galicia e cofinanciado con fondos Feader.

g) Cumprir coas obrigas de seguimento do proxecto, segundo se establece no artigo 33 das presentes bases.

8. Nos casos en que os beneficiarios estean dentro do ámbito subxectivo de aplicación establecido no artigo 3 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, deberán dar cumprimento ás disposicións relativas a publicidade activa que figuran no capítulo II do título I da Lei 19/2013, do 9 de decembro. En particular, tal e como se menciona no punto 2 do artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, publicarán a información prevista na alínea c) do punto 1 do artigo 8 da devandita lei seguindo os principios xerais establecidos no seus artigo 5.

Adicionalmente ás obrigas relativas á publicidade activa que marca a normativa de carácter básico, os beneficiarios están suxeitos ás obrigas de subministración de información, conforme o disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias de non atender esta obriga ditaranse conforme o disposto na devandita lei.

9. O incumprimento de calquera das obrigas sinaladas nos puntos anteriores, poderá ser causa da perda de dereito ao cobramento ou do reintegro da subvención concedida segundo a fase procedemental en que se atope a tramitación do expediente.

Xunta de Galicia

Consellería de Facenda e Administración Pública

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

Xerencia Da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

Teléfono: 981545535

Email: amtega@xunta.gal

http://amtega.xunta.gal/

012 ou 902 12 00 12 se chama desde fóra de Galicia

Xerencia Da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

10/02/2021 00:00 - 23/03/2021 23:59

Segundo a Resolución do 26 de febreiro de 2021 (DOG nº 45 do 8 de marzo de 2021), amplíase o prazo de presentación de solicitudes para as subvencións para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, convocadas mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2021, ata o 23 de marzo de 2021, inclusive.

1. Poderán solicitar e, se é o caso, obter a condición de beneficiario as persoas que teñan a condición de operador, conforme o establecido nos artigos 6 e 7 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, con licenza para operar redes de telefonía móbil e dispoñibilidade de frecuencias para a súa operación nas zonas obxectivo (titulares dos ditos dereitos de uso, ou ben dispor doutros dereitos de uso obtidos mediante os mecanismos de mercado secundario establecidos no título VI do Regulamento sobre o uso do dominio público radioeléctrico, aprobado polo Real decreto 123/2017, do 24 de febreiro).

2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas nas cales polo menos un dos integrantes posúa a condición de operador segundo se establece no punto anterior.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro terán igualmente a consideración de beneficiarios.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As persoas nas cales concorra algunha das circunstancias que prohiben a obtención da condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas devanditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que de forma preceptiva deba efectuar o órgano instrutor.

b) As empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01) e o disposto no Regulamento de exención por categorías.

c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común.

d) As persoas físicas, por ser requisito imprescindible o cumprimento do disposto no punto 1 do artigo 5 do Capítulo II desta Resolución.

Solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura no anexo II-Solicitude, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave (https://sede.xunta.gal/chave365).

Comprobación de datos para a tramitación do procedemento.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos dos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante que asine a solicitude ou, de ser o caso, cando esta persoa sexa estranxeira residente, o NIE.

c) Certificado de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día das obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os devanditos documentos, segundo o disposto no artigo 15 das bases reguladoras.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación complementaria:

a) Poder de representación: xunto coa solicitude citada, presentarase acreditación válida do poder de representación do asinante da solicitude, segundo o sinalado no artigo 11 das presentes bases.

b) Condición de operador: deberase achegar a acreditación de que a persoa solicitante reúne a condición de operador debidamente habilitado. Esta acreditación deberase realizar achegando certificación de estar inscrito no correspondente Rexistro de Operadores regulado no artigo 7 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, ou ben indicando o nome, servizo e data de resolución que figura no devandito rexistro, para a súa comprobación por parte do órgano instrutor. No caso de que a dispoñibilidade de frecuencias para a súa operación nas zonas obxectivo derive de dereitos de uso obtidos mediante os mecanismos de mercado secundario recollidos no título VI do Regulamento sobre o uso do dominio público radioeléctrico, aprobado polo Real decreto 123/2017, do 24 de febreiro, deberá acreditar igualmente a dita circunstancia, achegando resolución do organismo competente, segundo se establece no artigo 69 do citado Real decreto 123/2017.

c) Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas: no caso de que se presenten proxectos subscritos conxuntamente por varias persoas solicitantes como futura agrupación de persoas físicas ou xurídicas, incorporarase un compromiso das persoas solicitantes para a súa constitución no caso de que lle sexa concedida a subvención. O escrito deberá de estar asinado polos representantes das diversas persoas físicas ou xurídicas promotoras. A agrupación deberá constituírse nun prazo máximo dun (1) mes contado desde a notificación da resolución de concesión da subvención e non poderá disolverse ata que transcorra o prazo ao que se estendan as obrigas derivadas da subvención, así como os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Memoria do proxecto, que deberá axustarse á seguinte estrutura mínima:

1º. Resumo executivo cos aspectos máis salientables da proposta que faciliten un mellor entendemento dela.

2º. Alcance, cunha proposta separada para cada lote ao que presente proposta de cobertura, incluíndo os seguintes puntos:

Porcentaxe de cobertura por cada entidade obxectivo, nas condicións establecidas nas presentes bases.

Localizacións propostas para a instalación do equipamento para prestar o servizo, e a súa asociación ás entidades obxectivo.

3º. Solución tecnolóxica proposta na cal se expoña, polo menos:

Detalle da solución para prestación do servizo de voz.

Resumo xeral da arquitectura de rede, na cal se indiquen as principais tecnoloxías e medios de transmisión empregados, tanto na rede de transporte como na rede de acceso.

Detalle de paquete de servizos por xunto que se ofrecerán ao resto de operadores respecto da rede subvencionada e metodoloxía para acceder a estes servizos, respectando as condicións establecidas no artigo 7.

No caso de que a solución tecnolóxica non sexa a mesma para todos os lotes para os que se presente a proposta, será preciso facer puntos separados para cada lote.

4º. Plan de despregamento, cunha proposta separada para cada lote ao que presente proposta de cobertura, co detalle mínimo que permita garantir as condicións establecidas, se é o caso, en cada convocatoria. O nivel de detalle mínimo será identificar á fin de cada semestre os fitos alcanzados para cada entidade obxectivo. Deberanse especificar fitos que supoñan un avance significativo e indicar, polo menos, o fito de cobertura total proposta de cada entidade.

5º. Plan de investimentos, detallando para cada lote ao que presente proposta de cobertura os investimentos previstos en gastos subvencionables desagregados nos conceptos indicados no punto 3 do artigo 9.

6º. Plan de negocio que abranga, como mínimo, dez (10) anos desde o inicio da prestación do servizo utilizando o método do valor actual neto (VAN) e indicando a taxa anual de desconto que deberá ser contrastada coa taxa interna de retorno (TIR). Igualmente, incluiranse as hipóteses de cálculo, o plan de investimentos propio, a distribución anual das subvencións solicitadas e o plan de custos e ingresos. Deberá incluírse unha desagregación de todos os conceptos por cada lote a que presente proposta de cobertura.

7º. Plan de seguimento e control incluíndo unha proposta para o seguimento económico (con indicadores de CAPEX, OPEX e ingresos), seguimento do despregamento (incluíndo polo menos os fitos indicados no Plan de despregamento), seguimento e control operativo (incluíndo reportes de incidencias e operacións de mantemento) e o seguimento e control comercial (incluíndo indicadores da penetración de servizos).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á comprobación de datos segundo o indicado no artigo 14 das bases reguladoras, ou existan circunstancias que aconsellen a súa presentación expresa, as persoas interesadas deberán achegar aqueles documentos sobre os que se opoñan á súa comprobación.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo ao Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2021-2023 (DOG nº 26 do 9 de febreiro de 2021).

    • Extracto da Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2021-2023 (DOG nº 26 do 9 de febreiro de 2021).

    • Resolución do 26 de febreiro de 2021 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes para as subvencións para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, convocadas mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2021 (DOG nº 45 do 8 de marzo de 2021).

    • Extracto da Resolución do 26 de febreiro de 2021 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes para as subvencións para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, convocadas mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2021 (DOG nº 45 do 8 de marzo de 2021).

    • Resolución do 4 de febreiro de 2022 pola que se dá publicidade da subvención concedida ao abeiro da Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2021-2023 (DOG nº 37 do 23 de febreiro de 2022).

    • Resolución do 31 de agosto de 2022 pola que se modifica a Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2021-2023 (DOG nº 171 do 8 de setembro de 2022).

    • Resolución do 26 de xullo de 2024 pola que se modifica a Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2021-2023 (DOG nº 157 do 14 de agosto de 2024).

Outros procedementos relacionados

BS104A

Acceso á información contida na Historia Social Única Electrónica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA006A

Punto xeral de entrada de facturas electrónicas e o Rexistro Contable de Facturas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aberto todo o ano

PR001A

Alta/renovación de usuario en Chave365.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR002A

Queixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano