Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR483E
Fondo de compensación ambiental. Subvencións en réxime de concorrencia competitiva a concellos para adquisición de vehículos alternativos mediante o sistema de renting con destino aos corpos de Policía Local.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos de Galicia, para o financiamento da subministración de vehículos eléctricos ou vehículos híbridos enchufables e non enchufables, que reúnan as condicións para obteren o distintivo ambiental Cero emisións ou Eco, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de policía local para o exercicio das súas funcións, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (código de procedemento PR483E).
Para os efectos destas bases reguladoras, entenderase por renting o contrato administrativo de subministración mediante arrendamento sen opción de compra, que inclúe, entre outras prestacións, o mantemento do vehículo.
Gastos subvencionables e requisitos.
1. Considéranse gastos subvencionables as cotas mensuais que deba aboar o concello beneficiario polo renting do vehículo durante un período máximo de 48 meses posteriores á sinatura do contrato, contados desde a entrega do vehículo e efectivamente pagadas dentro do exercicio orzamentario a que correspondan.
En todo caso, o asinamento do contrato deberase formalizar dentro do ano natural 2022.
2. Os vehículos deberán reunir as características seguintes:
a. Serán vehículos turismo ou SUV, tipo coche patrulla, adscritos ao servizo do corpo de policía local.
b. Estarán especialmente equipados e transformados para o cumprimento das súas funcións e incluirán os elementos de configuración externa e o deseño para a marcación e rotulación dos vehículos á disposición das policías locais e vixilantes municipais recollidos na Orde do 29 de decembro de 2010 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 1, do 3 de xaneiro).
c. Os vehículos serán eléctricos ou híbridos enchufables ou non enchufables e deberán cumprir as condicións para obteren o distintivo ambiental Cero emisións ou Eco.
Concellos de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Administración Local
R/ Madrid 2-4, 2º andar
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546211/ 981546212
Email: administracionlocal@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
07/06/2022 00:00 - 06/07/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que subscribisen ou vaian subscribir un contrato de renting con data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2022 e que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ter menos de 50.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en xaneiro de 2021, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.
b) Ter remitida a conta xeral do concello, correspondente ao exercicio orzamentario de 2020, ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria ou interventora do concello.
c) Contar con corpo de policía local, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.
2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Cada concello poderá presentar unha única solicitude e para un só vehículo.
Cando o órgano tramitador observe que un concello presentou dúas ou máis solicitudes ou que a solicitude presentada se refire a dous ou máis vehículos, porao de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.
De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que o concello participe.
b) O orzamento da solicitude estará integrado polo custo total das cotas do renting e incluirá o imposto sobre o valor engadido, que será tamén subvencionable.
c) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para a adquisición, mediante renting, do vehículo descrito na memoria detallada e valorada, e que se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo II.
3. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.
Solicitudes.
1. Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras e que inclúe a declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, na cal se fai constar:
a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.
Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.
c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.
A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 6 desta mesma orde.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:
1. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:
a) O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para a adquisición, mediante renting, dun vehículo destinado ao corpo de policía local, coas características exixidas no artigo 2 destas bases reguladoras, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.
b) A remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2020, á cal fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde.
No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.
2. Memoria explicativa, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local solicitante, co seguinte contido mínimo:
a) Xustificación da necesidade da adquisición. Relación de vehículos adscritos ao corpo de policía local e data de matriculación de cada un. Relación de funcións relacionadas coa protección do ambiente e do espazo natural desenvolvidas polo corpo de policía local, incluídas aquelas que teñan por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou de risco.
b) Definición das características técnicas do vehículo que se vai adquirir mediante renting e o seu equipamento policial.
c) Duración en meses do contrato de renting e orzamento total (IVE incluído). Previsión do mes de inicio (2022) e do ano e mes de finalización.
2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 1 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de policía local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (DOG nº 107 do 6 de xuño de 2022).
-
Extracto da Orde do 1 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de policía local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (DOG nº 107 do 6 de xuño de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Informe de usos especiais da estrada
Aberto todo o ano
Acceso, modificación e baixa, ás instalacións portuarias controladas por barreiras físicas e para uso de puntos de fornecemento de auga e electricidade.
Aberto todo o ano
Declaración de concello emprendedor.
Aberto todo o ano
Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.
Aberto todo o ano