Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR483C
Fondo de compensación ambiental. Subvencións en réxime de concorrencia competitiva a entidades locais.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
1. O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Este fondo carece de personalidade xurídica e a súa xestión correspóndelle á dirección xeral competente en materia de réxime local, de conformidade coas directrices que se establezan nesta orde.
2. Por medio desta orde regúlanse os criterios de repartición e establécense as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva e concorrencia competitiva, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, afectadas á realización de gastos que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.
Gastos subvencionables.
1. Considéranse gastos elixibles ou subvencionables:
a) Os investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipamentos e instalacións. Cando no investimento participe directamente persoal da entidade local, imputaranse os gastos correspondentes ao persoal utilizado.
b) Custos de proxecto e dirección de obra, de tratarse de contratacións externas.
c) Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural. No caso de utilizar persoal da entidade local, imputaranse os gastos correspondentes ao persoal utilizado.
d) Contratación de persoal para os servizos municipais nos termos desta orde.
2. Considéranse tamén gastos subvencionables:
a) Os contratos de subministración para a adquisición de equipamentos, produtos, vehículos ou bens mobles.
b) Os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para realizar o proxecto subvencionado, se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.
c) Os tributos, sobre todo o imposto sobre o valor engadido (IVE), son subvencionables se o beneficiario os aboa efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
d) Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que os imputase o beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
3. En todo caso, as subvencións están destinadas á realización de actuacións de investimento e a custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, e deberán responder a algún dos seguintes criterios ou obxectivos:
a) Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e mais á recuperación do medio natural degradado ou contaminado.
b) Actuacións de impulso da eficiencia e de utilización sustentable das enerxías renovables.
c) Outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.
4. Para os efectos do previsto neste artigo, considerarase que atenden aos criterios determinados nas letras a), b) e c) do ordinal terceiro anterior, entre outros, os seguintes proxectos:
a) Campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais:
1. Campañas de sensibilización sobre boas prácticas ambientais.
2. Campañas de divulgación de medidas de aforro e eficiencia enerxética no ámbito doméstico e comercial.
3. Guías de boas prácticas sobre a implantación de pautas e accións para o aforro e a eficiencia no uso da enerxía.
4. Edición de material divulgativo e recursos didácticos sobre valores ambientais ou espazos naturais.
5. Auditorías enerxéticas en edificios e dependencias das entidades locais.
6. Certificación enerxética de edificios municipais.
7. Plans para a implantación de estratexias enerxéticas municipais.
b) Proxectos de eficiencia enerxética na luz pública e de redución da contaminación lumínica e protección dos ceos nocturnos.
c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e utilización de enerxías renovables:
a. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio: illamento en cubertas e fachadas, ventás e acristalamentos con boas características térmicas.
b. Mellora da iluminación interior: instalación de sistemas de regulación e control da iluminación; lámpadas, luminarias e equipamentos auxiliares de maior eficiencia enerxética.
c. Climatización interior: instalación de sistemas centralizados de calefacción, sistemas de regulación de temperatura interior, illamento dos circuítos de distribución.
d. Instalación de caldeiras de biomasa e paneis solares térmicos.
e. Sistemas de aforro de auga: mecanismos de dobre descarga en sanitarios, billas monomando con limitador de caudal, perlizadores e aireadores.
f. Instalación de ascensores eficientes.
d) Adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética: equipamentos de climatización, ofimáticos, iluminación interior.
e) Adquisición de vehículos:
1. Vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco: vehículos eléctricos, híbridos enchufables e non enchufables, gas natural ou GLP.
2. Vehículos destinados a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.
3. Vehículos para a recollida e traslado de residuos.
f) Edificios e infraestruturas destinados á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais:
1. Centros de interpretación do ambiente e aulas da natureza.
2. Paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo que se localicen ou transcorran por zonas con valores ambientais.
g) Actuacións nos núcleos rurais para unha mellor integración paisaxística no contorno natural:
1. Soterramento dos tendidos aéreos de cables.
2. Construción de pavimentos exteriores a base de materiais ambientalmente sustentables: lousa, pedra ou madeira.
h) Proxectos e actuacións no ámbito municipal para evitar a degradación e a deterioración ambiental:
1. Equipamento para a recollida da fracción resto dos residuos domésticos.
2. Proxectos de saneamento, redes de sumidoiros e de abastecemento de augas.
3. Maquinaria e equipamento para a protección do ambiente e do espazo natural.
4. Recuperación de espazos ambientalmente degradados ou contaminados.
5. Obras en edificios municipais para fomentar a redución ou mitigar os riscos derivados da exposición ao gas radon.
i) Proxectos e actuacións para o control ambiental no ámbito municipal, tales como a adquisición de equipamento para efectuar as medicións relacionadas con actividades molestas e insalubres, incluídos sonómetros, e para a toma de mostras, tanto sólidas como líquidas, no caso de residuos e verteduras.
5. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:
– As actuacións en instalacións deportivas.
– Os puntos limpos móbiles.
– A construción de áreas de compostaxe comunitaria.
– Contedores para a recollida separada da fracción orgánica.
– Sistemas para a implantación de recollida separada de aceites e téxtiles.
– Instalacións de reciclaxe e de preparación para a reutilización de residuos téxtiles.
– Construción de instalacións de puntos limpos.
Convocatoria de subvencións de natureza competitiva, destinada:
1. Aos concellos de Galicia que formulen petición de maneira individual.
2. Aos concellos de Galicia que formulen petición de maneira conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, nos termos do artigo 9.
3. Ás mancomunidades de concellos de Galicia.
4. Aos consorcios locais de Galicia, constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos.
Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Administración Local
Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais
Servizo de Xestión e Cooperación Económica
Praza de Europa, 5A, 4º - Polígono de Fontiñas
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546211/ 881997171
Fax: 981546569
Email: administracionlocal@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
28/01/2023 00:00 - 27/02/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Para poderen ser beneficiarios destas subvencións, os concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia deben cumprir o requisito de ter remitida a conta xeral do exercicio orzamentario 2021 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
No caso de agrupamentos de concellos ou solicitude conxunta para a xestión compartida, deberán cumprir con este requisito todos os concellos agrupados ou asociados. A falta de acreditación deste requisito por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión desta.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal:
Anexo III: subvencións en réxime de concorrencia competitiva a entidades locais (concellos, mancomunidades ou consorcios) (PR483C).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 30/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. As entidades locais interesadas (concellos individualmente, mancomunidades ou consorcios) deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación xeral:
a) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local solicitante, incluída no anexo I ou III desta orde, segundo proceda, en que se faga constar:
1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións, con indicación do importe e da súa procedencia.
2. Que a entidade local non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.
Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade local está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.
3. Os datos de estimación directa e indirecta do número de empregos creados ou mantidos coas actuacións solicitadas, con especificación do número de contratos e da duración de cada un.
4. Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria na cal se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se presentan son certos.
b) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria da entidade local solicitante no modelo do anexo VI, na cal se faga constar:
1. O acordo do órgano competente da entidade local polo cal se solicita a subvención para os gastos de funcionamento, obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.
O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que deberá consignarse a denominación e orzamento de cada unha, así como o orzamento total.
O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.
2. A remisión da conta xeral da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2021, a que fai referencia o artigo 8.1 desta orde. No certificado quedará acreditado que a remisión da conta xeral ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo cal se consignará a data de remisión e non se admitirán aquelas en que non se faga constar. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.
c) Memoria xustificativa: en todos os casos, incluirase unha memoria das actuacións para as cales solicitan subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local, que conterá a xustificación da adecuación das actuacións para as cales se solicita subvención aos criterios de subvencionabilidade establecidos no artigo 4 desta orde.
Nas solicitudes presentadas ao abeiro da liña en concorrencia competitiva, esta memoria deberá redactarse co grao de concreción adecuado para facilitar a súa valoración segundo o criterio establecido no artigo 24.3, para o cal conterá as razóns que xustifican a necesidade das actuacións para as cales se solicita subvención.
Para a valoración da solicitude segundo os criterios establecidos no artigo 24.1.e), nas solicitudes presentadas por mancomunidades de concellos ou consorcios locais esta memoria xustificativa incluirá unha memoria de aforro de custos, na cal se fará constar en cadro comparativo a diferenza dos custos da execución compartida respecto da execución individual por cada concello participante.
Neste cadro comparativo consignaranse o importe do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a execución individual da actuación produciría para cada un dos concellos.
2. Ademais da documentación xeral indicada no número 1 deste artigo, as entidades locais solicitantes deberán achegar a seguinte documentación específica, segundo proceda:
a) Solicitudes para gastos de funcionamento. Nas solicitudes para gastos de funcionamento, a entidade local solicitante deberá xuntar:
1) Unha memoria dos servizos para os cales se solicita subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local, que conterá a descrición e o orzamento detallado dos gastos de funcionamento para os cales se solicita subvención.
2) Certificación á cal se refire o artigo 6, emitida pola secretaría da entidade solicitante no modelo do anexo VI, asinada electronicamente, relativa á vinculación do gasto co servizo ou servizos municipais que teñan asignadas as funcións de protección do ambiente e do espazo natural.
b) Solicitudes para obras: nas solicitudes para obras deberá achegarse a seguinte documentación:
1. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria da entidade local, no modelo do anexo VI, referida á plena dispoñibilidade da entidade solicitante sobre os terreos e predios onde se pretenden realizar as actuacións. Deberá quedar acreditado que a entidade, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, ten a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.
2. O/os proxecto/s ou anteproxecto/s da/das obra/s que se vaian realizar co seguinte contido mínimo:
a. Memoria explicativa.
b. Orzamento detallado, desagregado a nivel de partida, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.
c. Planos a escala e detalle suficientes para describir as actuacións.
c) Solicitudes para equipamento: nas solicitudes para equipamento deberá achegarse unha memoria explicativa dos equipamentos para os cales se solicita subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Certificación da secretaría (Anexo VI)
- Solicitude (Anexo III)
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG nº 19 do 27 de xaneiro de 2023).
-
Extracto da Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG nº 19 do 27 de xaneiro de 2023).
-
Orde do 3 de maio de 2023 pola que se modifica a Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG nº 88 do 9 de maio de 2023).
-
Orde do 23 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 19, do 27 de xaneiro) (DOG nº 206 do 30 de outubro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de concello emprendedor.
Aberto todo o ano
Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59
Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.
Aberto todo o ano