Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR471C
Axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia afectados pola paralización da súa explotación económica como consecuencia das medidas adoptadas para a prevención e contención da evolución do brote de COVID-19.
2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2021.
3. A denominación e o código de procedemento correspondente a estas axudas é PR471C.
Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas e xurídicas que exerzan a explotación económica dun establecemento de lecer nocturno e resulten afectados pola paralización desta como consecuencia das medidas adoptadas para a prevención e contención da evolución do brote de COVID-19.
Para estes efectos, entenderanse por establecementos de lecer nocturno as discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, de conformidade coa definición que destes establecementos se prevé no número III.2.7 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia.
Asemade, incluiranse as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, de conformidade coa definición deste establecemento contida no número III.2.4.5 do anexo único do Decreto 124/2019, do 5 de setembro, e todos aqueles que non teñan o seu título habilitante adaptado ás tipoloxías anteriores pero que poidan ser asimilables tendo en conta a actividade que desenvolvan consonte o disposto nas definicións especificadas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro.
Para estes efectos, os establecementos que aínda teñan a consideración de café-concerto, café-teatro, café-cantante e tablao flamenco estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como cafés-espectáculo.
Do mesmo xeito, os establecementos que aínda teñan a consideración de cafés de categoría especial e karaokes estarían encadrados no catálogo aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, como pub.
Obrigas dos beneficiarios.
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:
a) Cumprir o obxectivo que fundamenta a concesión das subvencións.
b) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado. En especial, declarará por escrito calquera outra axuda temporal que, en aplicación dos marcos nacionais temporais I e II ou en aplicación do Marco temporal comunitario, recibise.
c) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
e) Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:
– Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.
– Incumprimento da obriga de manter a actividade durante seis meses posteriores ao momento en que se permita a apertura total do establecemento.
– Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.
f) Aquelas outras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
Xunta de Galicia
Consellería de Facenda e Administración Pública
Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro
Subdirección Xeral de Xogo
Rúa Roma, 25-27. Fontiñas
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546417/ 981546410
Prazo de presentación: PECHADO
19/06/2021 00:00 - 19/07/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
a) Que se trate dun establecemento de lecer nocturno que estivese pechado como consecuencia directa da aplicación da Orde da Consellería de Sanidade do 15 de agosto de 2020.
b) Que exerceran a explotación económica dun establecemento de lecer nocturno en calquera momento do exercicio económico 2020 e que continúen coa explotación económica do mesmo establecemento de lecer nocturno no exercicio económico 2021, sen prexuízo de que teñan que permanecer pechados como consecuencia das disposicións sanitarias de prevención e contención da COVID-19.
c) Que non se trate de empresas ou persoas traballadoras autónomas en crise en 31 de decembro de 2019. Todo isto sen prexuízo da posibilidade de conceder axudas ás microempresas e pequenas empresas que estivesen en crise o 31 de decembro de 2019, sempre e cando non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin teñan recibido unha axuda de salvamento ou de reestruturación.
d) Que non se atopen en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. Deberán encherse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, sendo unicamente válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido. Na solicitude vén recollida a declaración responsable da persoa solicitante de obrigada realización onde se manifeste:
a) Que vai manter a actividade do establecemento durante seis meses contados desde que a Administración autonómica permita a reapertura dos establecementos de lecer nocturno.
b) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
c) Calquera outra axuda temporal que, en aplicación do Marco nacional temporal, ou en aplicación da Comunicación da Comisión Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recibise e que no seu conxunto non superaron os límites establecidos no referido marco.
d) Que o establecemento cumpre os requisitos do artigo 2.2.
e) Que todos os datos da solicitude son certos.
5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada destas bases reguladoras.
6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, e que non sexan emendadas consonte o previsto no artigo 11, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.
Documentación complementaria.
1. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:
a) Copia do documento acreditativo de que o solicitante exercía a explotación económica do establecemento no exercicio 2020 e continúa coa dita explotación económica no exercicio 2021.
b) Copia do título habilitante do correspondente concello (licenza, comunicación previa ou declaración responsable) que acredite a condición do establecemento como de lecer nocturno.
c) Copia de calquera documento que acredite a superficie do establecemento (recibo do IBI, licenza, declaración responsable, comunicación previa, proxecto técnico, memoria técnica, informe técnico, etc.).
d) Copia da documentación acreditativa da representatividade que ostenta no suposto de tratarse de persoas xurídicas.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidas electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar após a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI, ou no seu caso, NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificación de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social, certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma e certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
15 días, que se computarán desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).
-
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).
-
Corrección de erros. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 61 do 30 de marzo de 2009).
-
Orde do 14 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 115 do 18 de xuño de 2021).
-
Extracto da Orde do 14 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 115 do 18 de xuño de 2021).
-
Resolución do 6 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se fai pública a relación das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 14 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para os establecementos de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 178 do 15 de setembro de 2021).
-
-
Ámbito Estatal
-
Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276 do 18 de novembro de 2003).
-
Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 176 do 25 de xullo de 2006).
-
Corrección de erros do Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 270 do 11 de novembro de 2006).
-
Outros procedementos relacionados
Bonos Activa comercio.
Prazo aberto: 20/05/2025 00:00 - 31/12/2025 23:59
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano