Guía de procedementos e servizos

PL500E

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 13/05/2023 00:00 - 12/06/2023 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de 11 bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para o 2023 (Código de procedemento PL500E) nos centros de estudos galegos.

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.

– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.

– Non estar incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Titulación académica:

a) Poderá solicitar as prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Filoloxía Galega.

• Licenciatura en Filoloxía Románica.

• Grao en Lingua e Literatura Galegas.

• Grao en Estudos de Galego e Español.

• Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.

• Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española.

• Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

b) Tamén se poderá presentar quen estea en posesión dalgunha das titulacións da área de Humanidades ou da área de Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que, como mínimo, acredite 18 créditos de lingua galega e estea en posesión do Celga 4 e, no caso de universidades de fóra de España, 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de remataren o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 19 desta orde.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Secretaría Xeral da Lingua

Rúa de San Roque, nº 2

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996314

Email: lectorados@edu.xunta.gal

Secretaría Xeral da Lingua

Prazo de presentación: PECHADO

13/05/2023 00:00 - 12/06/2023 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas interesadas poderán solicitar, como máximo, tres destinos que deberán relacionar no anexo I por orde de preferencia.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou achegue os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra este prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da súa identidade (no caso de persoas solicitantes estranxeiras).

b) Currículo, no cal deben figurar todos os méritos alegados.

c) Xustificantes dos méritos alegados no currículo (na mesma orde en que aparezan relacionados neste).

d) Para cada destino solicitado, proxecto didáctico de docencia en prácticas aplicable á universidade solicitada, que incluirá como primeira epígrafe a explicación dos motivos da súa solicitude.

A extensión do proxecto didáctico non deberá superar as 25 páxinas, mecanografadas cun interliñado de espazo e medio, tipo de letra non superior a 14 puntos e presentadas en formato A4.

e) No caso de titulacións de universidades estranxeiras, unha copia da titulación universitaria exixida no artigo 6 ou da acreditación de que foi solicitada.

f) En relación coa titulación exixida (persoas nacionais ou estranxeiras), unha copia da certificación académica persoal ou acreditación de que foi solicitada, na cal debe constar a nota media do expediente académico, calculada en función do disposto na Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 30 de setembro).

2. Os méritos alegados no currículo xustificaranse na forma indicada para a documentación complementaria. Os xustificantes disporanse a continuación do currículo, na mesma orde en que aparezan relacionados neste.

Non se valorará ningún mérito que non conste explicitamente no currículo ou que, no caso de figurar, non se xustifique adecuadamente ou se faga fóra do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de publicacións, xustificaranse mediante o envío dixital da obra, á cal se engadirán, se é o caso, a portada, a contraportada, a folla que conteña o ISBN, ISSN ou depósito legal e o índice. De tratarse de publicacións extensas, permitirase a presentación destas de forma presencial dentro dos prazos previstos. Deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Os xustificantes dos méritos redactados nun idioma distinto aos oficiais en Galicia, para seren valorados, deberán acompañarse dunha tradución para algún destes, e incluirán no pé unha declaración responsable asinada cunha lenda que faga constar que se trata dunha tradución fiel do documento.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, no caso de que non se puidesen obter os citados documentos, poderán solicitárselle novamente á persoa interesada.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Na presentación da documentación gardarase a seguinte orde: solicitude, documento acreditativo da identidade (de ser o caso), titulación académica, certificación académica persoal, currículo, xustificantes dos méritos alegados neste (na mesma orde en que aparezan relacionados nel) e proxecto ou proxectos didácticos.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Consulta de títulos universitarios oficiais (no caso de titulacións expedidas por universidades españolas).

2. Se as persoas interesadas se opoñen a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 28 de abril de 2023 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para 2023 (DOG nº 91 do 12 de maio de 2023).

    • Extracto da Orde do 28 de abril de 2023 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para 2023 (DOG nº 91 do 12 de maio de 2023).

    • Resolución do 21 de setembro de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se adxudican bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, convocadas mediante a Orde do 28 de abril de 2023 (DOG nº 186 do 29 de setembro de 2023).

Outros procedementos relacionados

PL500F

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 17/05/2025 00:00 - 16/06/2025 23:59

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA701C

Inicio de actividade, cese de actividade e modificación da actividade de formación do persoal encargado da realización de operacións de mantemento hixiénico-sanitario de: instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing e outra práctica de decoración persoal que implique a perforación da pel, mucosa ou tecidos, e aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA701D

Inicio de cursos para o personal encargado da realización de operacións de mantemento hixiénico-sanitario de: instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing e outras prácticas de decoración persoal que impliquen a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e manexo de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta

Tramitar en liña

Aberto todo o ano