Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PL500D
Bolsas de formación para proxectos de investigación no centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2023 once bolsas de formación nos proxectos de investigación que se desenvolven no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (código de procedemento PL500D).
Duración
As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada tal e como dispón a base décimo cuarta desta convocatoria; a data estimada de comezo é o 1 de decembro de 2023 e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2025. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.
Serán destinatarias destas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias nas titulacións exixidas nos distintos proxectos de investigación.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Secretaría Xeral da Lingua
Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
Rúa de San Roque, 2
15704 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996139
Fax: 881996140
Email: crpih@cirp.gal
Prazo de presentación: PECHADO
02/08/2023 00:00 - 01/09/2023 23:59
O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, considerarase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se for festivo, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan no anexo I desta orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Estar en posesión do título universitario de licenciatura ou de grao exixido no proxecto para o cal presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no curso académico 2007/08 ou posterior.
c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.
d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).
As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas, e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.
Solicitudes.
A capacidade técnica e formación universitaria do colectivo de persoas físicas a que van dirixidas estas bolsas permítelles o acceso e dispoñibilidade dos recursos electrónicos necesarios para se relacionaren por este medio co sector público autonómico.
Para este procedemento de concesión de subvencións, de conformidade cos artigos 14.2 e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, de 14 de xullo, de administración dixital de Galicia, establécese a obrigatoriedade do emprego dos medios electrónicos, polo que as solicitudes deben ser presentadas a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, de conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación complementaria:
a) Certificación académica oficial completa (non extracto do expediente virtual), en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta orde. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.
b) Documentación acreditativa dos requisitos específicos.
c) Currículo, acompañado da documentación que acredite os méritos que desexe alegar.
d) Certificado do coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou equivalente, non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, deberá indicarse en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados e serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou de quen a represente.
b) Títulos oficiais universitarios.
c) Certificados do coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou perfeccionamento cando sexan expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
d) Títulos oficiais non universitarios.
e) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
g) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
De se opoñer a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser feitos electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No suposto de que as solicitudes estean incompletas, conteñan erros ou non acheguen toda a documentación acreditativa, poderán ser requiridos para que, nun prazo de dez días, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Non serán obxecto de requirimento os documentos acreditativos dos méritos alegados no currículo.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (www.cirp.gal).
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 19 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2023, de once bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (DOG nº 145 do 1 de agosto de 2023).
-
Extracto da Orde do 19 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2023, de once bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (DOG nº 145 do 1 de agosto de 2023).
-
Resolución do 25 de outubro de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia a adxudicación de once bolsas de formación en proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (DOG nº 210 do 6 de novembro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas para os proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios
Prazo pechado: 04/01/2025 00:00 - 03/02/2025 23:59
Axudas para os proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios
Prazo pechado: 04/01/2025 00:00 - 03/02/2025 23:59
Probas para a obtención do Certificado de lingua galega: Niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.
Prazo pechado: 10/03/2025 00:00 - 28/03/2025 23:59
Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.
Prazo pechado: 28/05/2024 00:00 - 27/06/2024 23:59