Guía de procedementos e servizos

PE209C

Axudas para proxectos colectivos que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 15/05/2019 00:00 - 14/06/2019 23:59

Consellería do Mar

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2019 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.

Gastos subvencionables.

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de gastos de persoal imprescindible asociado ao proxecto. O persoal contratado terá que cumprir os seguintes requisitos:

1º. Dedicar a totalidade da súa xornada de traballo a realizar as tarefas definidas no proxecto subvencionado, durante todo o período de execución.

2º. Non pertencer aos órganos de goberno da entidade.

3º. Non ter vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno no momento da contratación inicial.

b) Os de contratación de profesionais, empresas ou entidades prestadoras de servizos.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo/a perceptor/a dunha subvención e que se axusten aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se contraesen ao longo da duración da acción, coa excepción dos custos relativos a informes finais e certificados de auditoría.

b) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación e responden de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Que se consignasen no orzamento estimado total do proxecto.

d) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Que sexan identificables e verificables, en particular constan na contabilidade do/da beneficiario/a e inscribíronse de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do/da beneficiario/a en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xullo de 2016 e o 31 de decembro de 2023. A data límite enténdese en todos os casos sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda. Non obstante, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o/a beneficiario/a presente a solicitude de axuda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Gastos non subvencionables.

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugueiros.

b) A adquisición de terreos e inmobles.

c) Os derivados da transformación de buques pesqueiros que causen baixa no rexistro da frota operativa.

d) A adquisición de material, mobiliario e equipamento.

e) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

f) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

g) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

h) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

i) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, punto 1, parágrafo primeiro da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

j) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

k) Os custos indirectos.

l) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un/unha representante ou apoderado/a único/a da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado/a, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos/as os/as beneficiarios/as integrados/as nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As entidades beneficiarias deberán:

a) Realizar e xustificar as actividades para as cales se conceda a subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento (UE, Euratom) 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

i) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do inverstimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

– O beneficiario deberá recoñecer que a operación recibiu o apoio dos fondos, adoptando en todas as medidas de información e comunicación os seguintes termos:

1º. O emblema da Unión, de conformidade coas características técnicas establecidas no Regulamento de execución (UE) 821/2014 e no Regulamento de execución (UE) 763/2014.

2º. Unha referencia ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que apoia a operación e a súa porcentaxe de financiamento de conformidade co Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

3º. O logotipo da Xunta de Galicia.

– Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público do apoio obtenido dos fondos:

1º. Facendo unha breve descrición da operación no sitio da internet, no caso de que dispoña dun, incluíndo os obxectivos e destacando o apoio financeiro da Unión. A descrición deberá permanecer durante todo o período de execución do proxecto e, polo menos, ata a data do pagamento final da axuda.

2º. Colocando un cartel con información sobre o proxecto (tamaño mínimo A3), onde se mencionará o apoio financeiro da UE, nun lugar facilmente visible para o público. Deberá permanecer durante todo o período de execución do proxecto e, polo menos, ata a data do pagamento final da axuda.

3º. A entidade organizará, polo menos, unha xornada informativa para divulgar o proxecto subvencionado.

j) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

k) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) 508/2014, relativo ao FEMP.

l) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) 1303/2013 sexa distinto; neste caso comunicarase coa anticipación suficiente.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán ser requiridos ao interesado.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Rúa dos Irmandiños, s/n - Salgueiriños

15701  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547479

Fax: 981546138

Email: cma.dxdesenvolvemento@xunta.es

http://webpesca.xunta.es.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Departamento Territorial da Consellería do Mar da Coruña

RÚA RAMÓN Y CAJAL, N 2 - 5º ANDAR

15006  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981182029

Fax: 981182027

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Departamento Territorial da Consellería do Mar de Celeiro

Avda. Gerardo Harguindey Banet, 2

27863  Viveiro  (Lugo)

Teléfono: 982555003

Fax: 982555007

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Departamento Territorial da Consellería do Mar de Vigo

R/ Concepción Arenal, nº 8

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986817104

Fax: 986817102

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Prazo de presentación: PECHADO

15/05/2019 00:00 - 14/06/2019 23:59

Para a convocatoria de 2019 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

(https://sede.xunta.gal). O formulario normalizado correspóndese co anexo I desta orde.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realice a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no número 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) 1224/2009.

2º. Non ter estado involucradas na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter cumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

f) O conxunto de todas as solicitudes presentadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

g) Non ter iniciado a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores por calquera medio ou rexistro dispoñible.

  • As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, xunto cun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración. Conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde de bases reguladoras. A memoria do proxecto deberá conter, polo menos:

b.1) Memoria descritiva das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos dous anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, con indicación do custo de cada unha delas e grao de consecución dos obxectivos esperados.

b.2) Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos.

b.3) Descrición das accións que se pretenden acometer.

b.4) Calendario de realización das accións previstas.

b.5) Plano de localización de todas as accións previstas no proxecto coas coordenadas xeográficas dos vértices, indicando o sistema de referencia empregado.

b.6) Os proxectos incluirán a información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) 1014/2014, Regulamento de execución (UE) 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) 1243/2014.

b.7) Datos complementarios necesarios para a valoración do proxecto.

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de maneira expresa e describirase cada unha delas por separado.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e xunto coa documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.

d) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, ou da xustificación de solicitalos aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción.

e) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) de conformidade co anexo III.

f) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo III.

g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:

g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

g.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

  • No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación dos puntos a), b.1), b.2), e) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Deberá presentarse un índice con toda a documentación que se achega coa solicitude. Para elaborar os documentos que se xuntan coa solicitude está dispoñible a Guía do solicitante, que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

  • Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas. No caso de solicitude conxunta aplicarase a cada unha das entidades, de ser o caso:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante das entidades.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e á recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental (DOG nº 91 do 14 de maio de 2019).

    • Extracto da Orde do 26 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e á recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental (DOG nº 91 do 14 de maio de 2019).

    • Corrección de erros. Orde do 26 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e á recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental (DOG nº 103 do 3 de xuño de 2019).

    • Resolución do 20 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 26 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental (DOG nº 166 do 3 de setembro de 2019).

Outros procedementos relacionados

PE209P

Axudas para proxectos colectivos que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/04/2025 00:00 - 29/05/2025 23:59

PE403A

Plan de xestión marisqueira.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 29/12/2023 00:00 - 02/11/2026 23:59

PE403C

Plans zonais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE403D

Autorización para o desenvolvemento dos plans específicos de xestión marisqueira.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano