Guía de procedementos e servizos

PE119A

Axudas destinadas á primeira adquisición dun buque de pesca.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 05/04/2017 00:00 - 04/05/2017 23:59
TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a tripulantes de buques pesqueiros para fomentar unha pesca sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os pescadores enrolados en buques pesqueiros ou, segundo o caso, con titulación que permita desenvolver a actividade pesqueira.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Subdirección Xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria

Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546295

Fax: 981546288

Email: sxmar.cmrm@xunta.gal

http://www.xunta.gal/mar

Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

05/04/2017 00:00 - 04/05/2017 23:59

Un mes, contado a partir do día seguinte á publicación da orde de modificación no Diario Oficial de Galicia.

1. Estar enrolado nun buque con porto base en Galicia.

2. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non ter cometido infracción grave:

- Da PPC definidas como tales en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;

- Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011 suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

5. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316 do 27.11.1995).

6. Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

7. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. A solicitude acompañarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do solicitante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2 a 7 deste artigo.

Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos:

- Ter menos de 40 anos de idade no momento de presentar a solicitude de axuda.

- Estar de alta no réxime dos traballadores do mar.

- Ter traballado, cando menos, cinco anos como pescador ou ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir (segundo o establecido no Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro).

- O buque que adquira ten que estar operativo e inscrito no Censo de frota pesqueira operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, ter unha eslora total inferior a 24 m, entre 5 e 30 anos de antigüidade, estar equipado para a pesca mariña e pertencer a un segmento de frota que no informe de capacidade pesqueira, vixente no momento da solicitude, a que se refire o artigo 22.2 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, amose equilibrio coas posibilidades de pesca.

- A compra pódese realizarse na súa totalidade ou de forma parcial, neste caso, se o buque é adquirido por máis dun beneficiario, a totalidade das axudas concedidas para esta compra deben cumprir o punto 2 do artigo 9.

- A adquisición non poderá ter lugar na mesma familia ata o 2º grado de parentesco, inclusive.

- Os investimentos para os que se solicite axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio nos termos indicados no artigo 12 desta orde e non poderán estar finalizados, con independencia dos pagamentos realizados, antes da data de presentación da solicitude.

  • Anexo I de solicitude de axudas destinadas á adquisición dun buque de pesca (código do procedemento PE119A).

  • Copia do DNI da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

  • Copia do DNI da persoa representante legal, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

  • Compromiso non condicionado de adquisición do buque, indicando nome, matrícula, importe do custo asinado polo potencial vendedor e comprador.

  • Informe de vida laboral emitido na mesma data que a presentación da solicitude.

  • Copia de todas as follas de todos os cadernos de inscrición marítima que deberán estar actualizados.

  • Certificado de navegabilidade do buque, certificado de conformidade (se procede) en vigor.

  • Plan de empresa.

  • De ser o caso, documento acreditativo de ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir, atendendo ao Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro.

  • Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.

  • Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e achegar a disposición de recursos necesarios para realizar o proxecto:

    * Certificados bancarios actualizados das contas bancarias do solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento e tamen dos recursos alleos (prestamos de entidades de credito).

  • Independentemente do tipo de investimento, o solicitante deberá achegar, ademais, os seguintes informes:

    - No caso doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto, deberá achegar resolución da súa concesión, no caso de axudas doutras administracións distintas da Xunta de Galicia. No caso de axudas da Xunta de Galicia só se presentará a resolución de concesión no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

    - Informe acreditativo de acharse ao día de pagamentos de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

    - Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira emitido pola unidade de sancións e reclamacións da Xefatura Territorial da Consellería do Mar, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

    - Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores –artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia– (acceso ao Rexistro Público concursal do Ministerio de Xustiza).

    - Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un rexime comunitario de control emitido polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Ambiente, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

    - Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a traves do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, no caso de denegar expresamente a súa consulta, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non ten sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

    - Informe acreditativo do sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

    - Informe acreditativo de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR obtido a traves da base de datos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Ambiente, só no caso de denegar expresamente a súa con

  • As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a traves do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido nos artigos 14.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Opcionalmente, tamen se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

    Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente, se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

    A traves da Carpeta do cidadán dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán relacionarse coa Administración competente e realizar os trámites necesarios para a tramitación do procedemento, consultar o seu estado de tramitación, e coñecer os actos de trámite realizados con indicación do seu contido, así como a data en que foron ditados.

  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 214 do 5 de novembro de 1999).

    • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).

    • Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).

    • Corrección de erros.-Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 61 do 30 de marzo de 2009).

    • Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG nº 30 do 15 de febreiro de 2016).

    • Orde de 31 decembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para tripulantes de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2017 o dito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 40 do 27 de febreiro de 2017).

    • Orde do 24 de marzo de 2017 pola que se modifica a Orde do 31 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para tripulantes de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2017, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 66 do 4 de abril de 2017).

  • Ámbito Europeo
    • Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello de 17 de decembro de 2013 polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

    • Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da pesca, e polo que se derrogan os Regulamentos (CE) nº 2328, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello.

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PE113E

Axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/01/2025 00:00 - 15/12/2025 23:59

PE155B

Axudas autonómicas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP)

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/07/2025 00:00 - 18/08/2025 23:59

PE155D

Axudas destinadas á creación e consolidación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros

Tramitar en liña

Prazo aberto: 10/07/2025 00:00 - 11/08/2025 23:59

PE301A

Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano