Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
MR709A
Premios AGADER ás iniciativas de desenvolvemento rural.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Aprobar as bases reguladoras dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, que se xuntan a esta resolución como anexo I, co seguinte código de procedemento administrativo MR709A.
Convocar para o ano 2017, en réxime de concorrencia competitiva, a oitava edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. Os premios que se convocan son os seguintes:
– O primeiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 25.000 euros.
– O segundo premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 15.000 euros.
– O terceiro premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 12.000 euros.
– O cuarto premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 8.000 euros.
– O quinto premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 5.000 euros.
– O premio especial para mozos e/ou mozas constará dun diploma e unha dotación en metálico de 15.000 euros. Para estes efectos, terán a consideración de mozos ou mozas os que non teñan máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a candidatura ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 25 % dos seus membros cumpran este requisito.
Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en adiante, LSG).
En todo o non previsto nestas bases será de aplicación a LSG, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada LSG.
Poderán presentar candidaturas aos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas.
Son obrigas das persoas premiadas:
– Destinar o importe dos premios a realizar melloras, conservación ou actuacións complementarias respecto das iniciativas premiadas. As persoas premiadas deberán poder acreditar o cumprimento desta obriga, ante a Agader ou ante os órganos da Administración autonómica competentes para realizar o control financeiro, durante o ano seguinte ao pagamento do premio.
– Acreditar, con carácter previo á concesión e ao pagamento dos premios, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen débeda pendente de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.
– Reintegrar, total ou parcialmente, o importe do premio no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidas para a súa concesión.
– Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
– Comunicar á Agader todos os cambios que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión do premio.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)
Secretaría Xeral de AGADER
Lugar da Barcia, 56 - Laraño
15897 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545858
Fax: 881997260
Email: secretaria.xeral.agader@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
13/06/2017 00:00 - 12/07/2017 23:59
O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
1. Nos termos desta resolución poderanse conceder os premios ás iniciativas que cumpran os seguintes requisitos:
– Que se localicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.
– Que estean executadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.
2. Exclúense destes premios as iniciativas:
– Que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural ou do premio Agader ao embelecemento do medio rural.
– Que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios.
– Que se desenvolvan nos sectores da pesca e acuicultura, nos da produción, transformación e comercialización dos produtos agrícolas incluídos no anexo I do Tratado constitutivo da CE, e noutros sectores e supostos segundo o previsto no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE nº L 352, do 24 de decembro), en que se ampara o procedemento de concesión dos premios.
As persoas interesadas deben achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Anexo III (descrición da iniciativa, cun máximo de 2.000 caracteres, que poña de manifesto os seus aspectos máis relevantes, valiosos ou atractivos).
Documentos acreditativos da personalidade e, de ser o caso, da representación do solicitante:
No caso de persoas xurídicas, certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, en que se identifique a constitución e a representación correspondente, con indicación do seu alcance e vixencia. De non achegarse o dito certificado, deberán presentar copia das correspondentes escrituras de constitución e do poder de representación, debidamente inscritas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.
No caso de que as persoas físicas actúen a través de representante, deberán xuntar, debidamente cuberto, o anexo IV (autorización de representación), asinado pola persoa solicitante e pola designada como representante.
No caso de que o solicitante sexa un concello, certificación da persoa titular da secretaría ou da intervención municipal que acredite que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada.
Calquera outra documentación que o promotor considere interesante, tal como cartas de apoio, publicacións, fotografías, outros documentos gráficos e, en xeral, calquera outra que contribúa a fortalecer a candidatura que se presenta.
Comprobación de datos.
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, elaborados polas administracións públicas:
DNI/NIE da persoa física solicitante.
NIF da persoa xurídica solicitante.
DNI/NIE da persoa representante.
Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
Estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
Estar ao día do pagamento coa Consellería de Facenda.
2. No caso de que a persoa interesada se opoña a estas consultas, deberá indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional e as persoas que representen un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración.
Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da LPACAP, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Non será necesario que as persoas solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, poderán acollerse ao establecido nos artigos 28.3 da LPACAP e 20.3 da LSG, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde que finalizou o procedemento o que corresponda. Presumirase que as persoas interesadas autorizan esta consulta, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir a persoa solicitante para que o presente ou, na súa falta, para que acredite por outros medios os requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na LPACAP.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois de ter presentado a solicitude. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas a presentar electronicamente as solicitudes tamén poderán presentar os ditos modelos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na LPACAP.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
- Anexo IV
- Descripción da iniciativa (Anexo III)
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 1 de xuño de 2017 pola que se convoca a oitava edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural (DOG nº 110 do 12 de xuño de 2017).
-
Resolución do 31 de xaneiro de 2018 pola que se publica o resultado da oitava edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural (DOG nº 28 do 8 de febreiro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector subministrador de medios de defensa fitosanitaria.
Aberto todo o ano
Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de tratamentos fitosanitarios
Aberto todo o ano
Rexistro Oficial de Produtores e peradores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de asesoramento fitosanitario.
Aberto todo o ano
Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector usuarios profesionais.
Aberto todo o ano